O coñecido como ‘Caso Desproi’ xa ten unha sentenza de conformidade sobre a mesa, e vén con asunción de culpa incluída. O exconcelleiro de Medio Rural de Santiago de Compostela entre 2019 e 2023, o socialista José Manuel Pichel, aceptou unha pena de seis meses de prisión tras selar un acordo co Ministerio Fiscal e as partes implicadas.
Con este pacto, o exedil do goberno de Xosé Sánchez Bugallo recoñece os feitos e evita o xuízo por un delito de negociacións prohibidas aos funcionarios, tipificado no artigo 439 do Código Penal. O escrito de conformidade xa está asinado polos avogados e queda unicamente pendente da ratificación formal ante o xuíz.
VOTOU A FAVOR DO SEU PROPIO NEGOCIO
Os feitos remóntanse ao ano 2021. Nese momento, a concellaría que dirixía Pichel buscaba un espazo temporal para reubicar as oficinas de Parques e Xardíns e Medio Rural mentres se executaban as obras do recinto de Amio. O propio concelleiro iniciou as xestións e os técnicos municipais acabaron poñendo sobre a mesa un local situado no polígono de Costa Vella.
O problema é que o propietario dese inmóbil era a entidade Desproi, unha empresa na que o propio Pichel exercía funcións de administración e da que era accionista. Lonxe de apartarse do proceso por un conflito de intereses evidente, na sesión da xunta de goberno local do 14 de setembro de 2021 o acusado votou a favor de aprobar o contrato de aluguer coa súa propia sociedade.
Cando o escándalo saltou polos aires e viuse obrigado a dimitir, Pichel desculpouse cualificando o sucedido de “erro considerable” e asegurando que actuara “sen mala fe” ao non comunicarlle ao alcalde nin ao resto de compañeiros do goberno a súa participación na empresa.
A xustiza, porén, non entende de escusas. Ademais dos seis meses de cárcere, o exedil acepta o pago dunha multa de 10 euros diarios durante un ano e, o que é máis relevante para o seu futuro político, unha inhabilitación especial de catro anos para exercer calquera emprego ou cargo público.
BUGALLO E A XUNTA DE GOBERNO, LIBRES DE CULPA
O peche desta conformidade penal deixa fóra de calquera perigo ao que fose alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e ao resto de membros do seu executivo local. A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago xa tomara declaración ao exrexedor e aos concelleiros na fase de investigación, pero o pasado mes de setembro decretou o sobresemento libre para todos eles ao non atopar o máis mínimo indicio de prevaricación nin de tráfico de influencias.
O auto xudicial determinou nese momento que as irregularidades detectadas no expediente do aluguer eran estritamente administrativas e “carecían da gravidade suficiente” como para considerarse delito, subliñando que a xunta de goberno aprobou o contrato enganada por Pichel e sen coñecer en ningún momento que o seu propio compañeiro de filas estaba detrás do negocio de Costa Vella.

