InicioSANTIAGOBRIÓNUnha nena de dous anos falece en Brión tras permanecer varias horas...

Unha nena de dous anos falece en Brión tras permanecer varias horas no interior dun coche

A Garda Civil investiga as circunstancias do suceso, ocorrido este mércores, despois de que a menor chegase ao PAC de Bertamiráns en parada cardiorrespiratoria

Publicado o

Xornal de Compostela

A comarca compostelá viviu este mércores unha xornada marcada pola conmoción tras o falecemento dunha nena de dous anos veciña de Brión, que permaneceu durante varias horas no interior dun vehículo despois de que o seu pai esquecese deixala na gardería antes de acudir ao seu posto de traballo.

Segundo as primeiras informacións coñecidas, o pai saíra pola mañá cos seus dous fillos. Primeiro deixou ao maior no centro escolar e posteriormente tiña previsto levar a pequena á gardería municipal de Brión, un percorrido que realizaba habitualmente. Por causas que agora se investigan, o home dirixiuse directamente ao seu lugar de traballo sen decatarse de que a menor permanecía no coche.

De acordo cos datos dispoñibles, o pai desenvolveu a súa actividade laboral durante toda a mañá e parte da tarde mentres a nena continuaba no interior do vehículo. As elevadas temperaturas rexistradas durante a xornada poderían ser un dos factores determinantes no desenlace, segundo apuntan as primeiras informacións coñecidas.

A situación descubriuse cando a nai acudiu á gardería para recoller á menor e comprobou que a nena nunca chegara ao centro. Nese momento os proxenitores decatáronse do sucedido e alertaron aos servizos de emerxencia.

A menor foi trasladada ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Bertamiráns, no concello de Ames, onde chegou en parada cardiorrespiratoria. Os profesionais sanitarios tentaron atender á pequena, pero finalmente só puideron certificar o seu falecemento.

O aviso foi recibido polo 112 pouco antes das 17:00, a través dunha comunicación realizada polo 061. Ata o lugar tamén se desprazaron efectivos da Garda Civil, incluídos axentes da Policía Xudicial, que asumiron a investigación para esclarecer as circunstancias exactas do ocorrido.

UN GOLPE AO CORAZÓN DUN CONCELLO PEQUENO

O alcalde de Brión, Pablo Lago, compareceu este xoves ante os medios visiblemente afectado por un suceso que golpea directamente a unha comunidade moi unida. “Este é un concello pequeno, onde case nos coñecemos todos, e esta noticia sorprendeunos a todos; é un día moi triste para nós”, arrancou o rexedor.

Lago, que confirmou que coñece persoalmente aos pais da pequena, quixo lanzar unha mensaxe de profunda empatía e humanidade, facendo un chamamento público para que non se “afonde máis” no ocorrido nin se caia en xuízos sumarios nas redes sociais. Nunha reflexión cargada de realismo sobre o ritmo de vida actual, o alcalde expuxo como o estrés diario pode rematar nunha desgraza irreversible:

“Pódelle pasar a calquera; imos todos correndo e sempre a contrarreloxo, e para que ocorran estas cousas necesítase terse dado unha conxuntura de circunstancias moi grande pero, por desgraza, suceden.”

MINUTO DE SILENCIO ESTE VENRES

O rexedor brionés concluíu a súa intervención poñendo a total disposición dos familiares e das administracións públicas todos os recursos municipais que precisen para transitar por este proceso, reiterando o “máis sentido pésame” en nome de toda a veciñanza.

Como mostra visible do dó colectivo e como aperta institucional á familia, o Concello convocou a todos os veciños a participar nun minuto de silencio. O acto de homenaxe terá lugar este venres ás 12:00 horas diante das portas do consistorio, onde as bandeiras oficiais xa locen a medio mástil.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Brión pide tamén reducir o consumo de auga ante o aumento da demanda e a situación de seca

O Concello de Brión fixo un chamamento á colaboración da veciñanza para limitar o...

Brión abre ao público unha mostra con 33 obras doadas en homenaxe a Xosé Vizoso

O Concello de Brión inaugurou na noite deste venres unha exposición integrada por 33...

Rueda avanza que a conversión en autovía do corredor Brión-Noia entrará en servizo en 2027

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, supervisou este martes o avance das obras de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here