InicioPOLÍTICASantiago avanza cara a un novo modelo público de comedores escolares cunha...

Santiago avanza cara a un novo modelo público de comedores escolares cunha cociña central e xestión municipal

O goberno local ultima a memoria para levar ao pleno unha proposta que prevé centralizar a produción de almorzos e xantares para toda a rede municipal, cun investimento inicial dun millón de euros e prioridade para criterios de saúde, conciliación e sustentabilidade

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Concello de Santiago deu un novo paso no proceso para transformar o servizo de comedores escolares municipais cun modelo baseado na xestión pública directa, unha cociña central municipal e unha reorganización integral que busca converter este recurso nun instrumento de conciliación, saúde e equidade social. Así o explicou este venres a alcaldesa, Goretti Sanmartín, quen detallou o estado dos traballos da comisión creada para definir a fórmula xurídica e organizativa que sustentará este cambio estrutural.

Segundo explicou a rexedora, o Concello presta actualmente servizo en dez centros de educación infantil e primaria, con almorzos en dez e xantares en nove, a través dun sistema baseado dende 2013 en convenios e contratos sucesivos con empresas externas, sen que ata o momento se tivese formalizado como servizo municipal nin realizado unha análise completa sobre a súa mellor forma de xestión.

Sanmartín sinalou que o executivo local pretende agora corrixir esa situación mediante un modelo “global e coherente” que permita asumir o comedor escolar dentro das competencias municipais vinculadas á conciliación, ante o que considera unha falta de implicación da Xunta de Galicia neste ámbito. O obxectivo pasa por crear unha infraestrutura centralizada capaz de producir diariamente 2.500 menús de xantar e 832 almorzos, con capacidade incluso para incorporar no futuro outros centros actualmente xestionados por ANPAS, se estes así o quixer.

A alcaldesa explicou que inicialmente se estudou a posibilidade de instalar cociñas en cada centro, pero os informes técnicos concluíron que esta opción non era viable por limitacións de espazo e infraestrutura. Como alternativa, o Concello aposta por unha única cociña central, para a que xa se consignou un millón de euros nos orzamentos municipais, financiados a través do patrimonio municipal do solo por considerarse unha actuación de carácter social.

O modelo, segundo indicou, busca priorizar menús saudables, produtos de proximidade, criterios de sustentabilidade e seguridade alimentaria, situando “as razóns sociais por riba do rendemento económico”. Neste sentido, o estudo técnico presentado á comisión municipal avaliou diferentes fórmulas de xestión —directa, indirecta e diversas modalidades públicas— concluíndo que a opción máis económica sería unha sociedade mercantil local, é dicir, unha empresa municipal.

De acordo cos datos facilitados, para unha previsión de 2.500 menús diarios, o custo estimado da comida situaríase en 4,24 euros por xantar e 1,89 euros por almorzo baixo este modelo, por baixo doutras opcións como a xestión directa convencional (4,67 e 2,13 euros) ou a contratación externa (4,38 e 2 euros). Sanmartín insistiu en que estas cifras non equivalen ao prezo final para as familias, xa que a monitoraxe e as bonificacións segundo renda regularanse posteriormente mediante unha ordenanza de prezos públicos.

Mentres se desenvolve este proceso, o curso 2026-2027 continuará co sistema actual, aínda que o Concello xa ten en marcha unha nova licitación transitoria que, segundo avanzou a alcaldesa, incorporará melloras respecto ao contrato vixente, especialmente en atención á diversidade funcional, e estará deseñada para facilitar a transición cara ao futuro modelo sen ter que agardar á finalización completa do contrato.

A comisión de estudo celebrará unha nova sesión nas próximas semanas para pechar o ditame definitivo e elevar a memoria ao pleno municipal, paso necesario para formalizar a creación do novo servizo.

AGRESIÓN HOMÓFOBA EN COMPOSTELA

Na súa comparecencia, Goretti Sanmartín abriu a intervención cunha condena expresa á agresión homófoba denunciada esta semana na cidade, reiterando que “non teñen cabida en Santiago de Compostela” comportamentos deste tipo. A alcaldesa trasladou a solidariedade do goberno local coa vítima e confirmou o contacto coa Policía Nacional para seguir a evolución da investigación aberta.

LICITACIÓN PARA A CUBERTA DE TRASPARLAMENTO 

A alcaldesa informou tamén da aprobación, en xunta de goberno extraordinaria, do inicio da licitación para substituír a cuberta de Trasparlamento, unha actuación valorada en 250.000 euros e cun prazo de execución de 100 días hábiles, destinada a resolver unha demanda pendente desde hai anos.

ÚLTIMAS

A Real Academia Galega celebra este domingo en Santiago o pleno das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño

A Real Academia Galega celebrará este domingo 17 de maio ás 12:00 no Teatro Principal...

UCIN denuncia deficiencias e esixe explicacións pola humanización da avenida Rosalía de Castro no Milladoiro

UCIN Galicia fixo pública a súa crítica ao estado actual da obra de humanización...

Ana Pontón reivindica na Ascensión a xestión de Goretti Sanmartín en Santiago fronte a unha oposición “destrutiva”

A celebración do Día da Ascensión en Santiago converteuse tamén este xoves nun escenario...

Rueda ratifica a Borja Verea como candidato do PP para Santiago e reclama un “cambio” na cidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou este xoves a súa presenza na celebración...

Ana Pontón reivindica na Ascensión a xestión de Goretti Sanmartín en Santiago fronte a unha oposición “destrutiva”

A celebración do Día da Ascensión en Santiago converteuse tamén este xoves nun escenario...

Rueda ratifica a Borja Verea como candidato do PP para Santiago e reclama un “cambio” na cidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou este xoves a súa presenza na celebración...

Besteiro adianta que os socialistas composteláns escollerán candidato este verán

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este xoves que Santiago...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here