O Pazo de Raxoi acolleu este venres pola tarde un acto de recepción institucional ao Monbus Obradoiro con motivo do retorno do club á Liga ACB, a categoría de elite do baloncesto estatal. Xogadores, cuerpo técnico e directivos foron recibidos pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e por varios membros da corporación municipal, nunha xornada que puxo punto final a días de intensa emoción deportiva na cidade.
O equipo logrou o ascenso na madrugada do xoves ao venres, ao derrotar ao Gipuzkoa Basket no encontro que lles devolveu o billete á máxima competición nacional de baloncesto.
O acto arrincou coa saída ao balcón do pazo de xogadores, técnicos e dirixentes do club, que portaban o trofeo conquistado ante centos de seguidores concentrados na praza. A escena repetiu, en certa medida, a efusividade da noite anterior, cando a afección xa celebrou nas rúas o tanto esperado ascenso.
No interior do edificio, a alcaldesa Goretti Sanmartín tomou a palabra en primeiro lugar para dar a benvida á expedición do Obradoiro. A continuación, a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, subliñou o rendemento amosado polo conxunto ao longo dunha tempada que cualificou de exitosa, destacando o esforzo colectivo do equipo.
AS PALABRAS DOS PROTAGONISTAS
O capitán do equipo, Sergi Quintela, dirixiuse ao público para agradecer o respaldo da afección e de toda a cidade durante o percorrido da tempada. Pola súa banda, o adestrador Diego Epifanio, ‘Epi’, centrou a súa intervención na dimensión táctica e organizativa que, ao seu xuízo, sustentou o ascenso: “A preparación técnica do combinado fixo posible o ascenso, sustentado na coordinación e o traballo en equipo”.
O presidente do club, Raúl López, pechou o quendas de intervencións dos representantes do Obradoiro agradecendo publicamente o apoio prestado polo Concello de Santiago e avanzando a súa visión sobre o que supón para a entidade este regreso á elite do baloncesto español.
Para rematar o acto, a alcaldesa Goretti Sanmartín tomou de novo a palabra para salientar que a xesta do Obradoiro “é motivo de orgullo para todo o concello” e procedeu á entrega dun agasallo conmemorativo ao club en nome da institución municipal.

