O portavoz do PP de Santiago, Borja Verea, cargou este luns contra a política municipal de sancións e radares do goberno local, ao que acusou de impulsar unha estratexia de “afán recadatorio” tras o incremento previsto nos ingresos por multas para 2026, que segundo indicou pasarán de 3,4 millóns de euros a 5,1 millóns, o que supón un aumento de arredor do 50% respecto ao exercicio anterior.
Nunha rolda de prensa centrada principalmente nesta cuestión, Verea asegurou que este incremento orzamentario, unido á previsión de instalar novos radares en puntos como Conxo, abre un debate sobre o equilibrio entre seguridade viaria e presión sancionadora. O líder popular sostivo que o executivo local non ofreceu, ao seu xuízo, explicacións suficientes sobre este aumento, malia que o seu grupo solicitou información tanto en plenos como en comparecencias públicas.
O portavoz popular vinculou tamén este escenario co incremento das sancións rexistrado en 2025, que cifrou nun 10,6%, e afirmou que existen queixas cidadás por unha maior presión en determinados espazos urbanos, especialmente nas contornas escolares e entre sectores profesionais como repartidores ou hostaleiros.
Verea insistiu en que o seu grupo defende medidas de protección para peóns, familias e condutores en zonas sensibles, pero diferenciou entre prevención e o uso da multa como ferramenta principal de xestión. Neste sentido, cuestionou especialmente o papel dos radares de tramo e fixo referencia ao caso de Poza Real, onde lembrou que membros do actual goberno municipal chegaran a cualificar previamente estes dispositivos como “recadatorios”.
Como alternativa, o PP propón a retirada dese radar concreto e a posta en marcha dunha auditoría pública sobre a sinistralidade real, así como unha mellora da sinalización e avaliacións trimestrais de todos os radares en funcionamento para determinar a súa eficacia. Segundo explicou, o seu plantexamento pasa por revisar ou modificar aqueles dispositivos que non acrediten unha mellora real da seguridade.
O tamén líder da oposición municipal concluíu que Santiago precisa, ao seu xuízo, unha política de mobilidade “con sentido común”, na que o Concello “axude máis e castigue menos”, e advertiu de que a circulación pola cidade non debería converterse “nunha carreira de obstáculos” para a veciñanza.
CRÍTICAS AO PSDEG POLO APOIO Á ESTATUA DE MONCHO REBOIRAS
Na segunda parte da súa comparecencia, Borja Verea centrouse na polémica arredor da futura estatua de Moncho Reboiras en Santiago, unha decisión que volveu cuestionar ao considerar que non responde a un consenso amplo na cidade. O portavoz popular insistiu en que existe, ao seu xuízo, unha “maioría tranquila e moderada” que non comparte a instalación desta figura no centro urbano e reclamou novamente explicacións sobre a vinculación de Reboiras con Compostela.
Verea dirixiu tamén as súas críticas ao PSdeG local, ao que acusou de contradición tras apoiar a iniciativa no pleno municipal e defender posteriormente que este tipo de decisións deberían adoptarse con maior consenso. O líder do PP preguntouse publicamente se os socialistas manteñen ou non o seu respaldo á colocación da estatua e censurou que “non se pode dicir unha cousa e facer a contraria” nun debate que, segundo sinalou, xerou controversia social.

