O Foro Galego de Inmigración denunciou a existencia dun “atasco estrutural” nas citas de estranxeiría na Comisaría de Santiago de Compostela, unha situación que, segundo sinala a entidade, se viu agravada polo incendio rexistrado nas instalacións o pasado mes de febreiro.
A organización trasladou esta denuncia nun comunicado difundido tras a súa asemblea aberta deste luns, no que advertiu de que a falta de citas está a “comprometer seriamente os dereitos das persoas migrantes residentes na zona”. Segundo o Foro, as dificultades para acceder a estes trámites afectan a xestións administrativas que resultan necesarias para o desenvolvemento da vida cotiá das persoas migrantes na cidade e nos concellos dependentes da comisaría compostelá.
Entre os procedementos afectados, a entidade cita a obtención da TIE, a emisión de certificados, a toma de pegadas, a asignación do NIE, as cartas de invitación, as autorizacións de regreso e os trámites vinculados ao asilo e á protección internacional.
O incendio ao que alude o Foro Galego de Inmigración tivo lugar nunha zona de tiro da planta inferior da comisaría, onde había pneumáticos almacenados. O lume quedou extinguido despois de preto de oito horas de traballo dun dispositivo formado por 21 bombeiros.
Tras este episodio, a entidade reclama que se leven a cabo os “esforzos necesarios” para evitar que o incidente empeore unha situación que xa considera estrutural. Neste sentido, o Foro pediu medidas que impidan que a actividade administrativa de estranxeiría quede aínda máis condicionada polos danos derivados do incendio.
A organización lembrou que o proceso de regularización se desenvolve noutros espazos e con outras unidades de tramitación, mais subliñou que as persoas migrantes residentes nos concellos da área que abrangue a Comisaría de Santiago deben ter “os mesmos dereitos que o resto de cidadáns e cidadás”.

