InicioCULTURAA Feira do Libro de Santiago abre a súa 45ª edición reivindicando...

A Feira do Libro de Santiago abre a súa 45ª edición reivindicando a Begoña Caamaño e a lectura en galego

A cita literaria, que se desenvolverá ata o 10 de maio, reúne máis de 60 actividades, unha vintena de librarías e pon o foco nas referentes femininas das Letras Galegas 2026

Publicado o

Xornal de Compostela

A 45ª Feira do Libro de Santiago de Compostela arrancou este sábado cunha xornada inaugural marcada pola reivindicación da escritora Begoña Caamaño, figura central das Letras Galegas 2026, e pola defensa da lectura en galego como ferramenta cultural e social. O pregón correu a cargo da mestra e dinamizadora cultural Mercedes Teixeiro, nun acto no que tamén participaron a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, representantes da Xunta e da Deputación da Coruña.

A edición deste ano, que permanecerá aberta ata o 10 de maio, contará con máis de 60 actividades e unha vintena de casetas de librarías, consolidando a Alameda compostelá como un dos principais espazos de encontro arredor do libro en Galicia. Entre as autoras e autores participantes figuran nomes como Marilar Aleixandre, Arantza Portabales ou Nerea Pallares.

Durante a apertura, Goretti Sanmartín destacou a vinculación de Begoña Caamaño con Compostela e sinalou a relevancia que tivo a cidade na súa traxectoria persoal e literaria. A rexedora lembrou ademais o simbolismo de celebrar esta homenaxe no mesmo espazo no que a autora presentara en 2012 a súa obra Morgana en Esmelle. Na súa intervención, insistiu na necesidade de fortalecer a presenza de referentes femininos na literatura galega, citando figuras como María Xosé Queizán e Xohana Torres, e defendeu a importancia de fomentar a lectura en lingua galega desde a infancia.

Nesa liña, puxo en valor iniciativas locais como a desenvolvida polo CEIP Pío XII, na que crianzas elaboraron agasallos vinculados á lectura para o comercio tradicional compostelán, incluídas librarías, como exemplo de promoción lectora e conexión co tecido social da cidade.

Pola súa banda, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, definiu a feira compostelá como unha das referencias do circuíto galego de feiras do libro, integrado por 13 citas en toda Galicia e impulsado pola Federación de Librarías co apoio institucional. Tamén o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, incidiu no valor da lectura como “acto de liberdade” e destacou o papel das librarías de proximidade como espazos culturais e económicos de referencia.

Tras o acto inaugural, a alcaldesa compartiu as súas compras nesta edición, cun total de sete títulos que abranguen narrativa, poesía e literatura infantil: O pazo das marismas, de Alberto Branco Casal; Aprendede dos lirios, de Iain Crichton; La fosa abierta, de Brigitte Vasallo; Tea rooms, de Luisa Carnés; Novas adiviñas para meniños e meniñas, de Nones Araújo; Millennialismo ou sátira dunha xeración, de Ramón Romeu Nogueira; e Apropiación indebida. Una novela sobre el amor, de Lena Anderson.

ÚLTIMAS

Santiago multiplica por sete a achega a AGADEA e destina 21.150 euros a programas para maiores

O Concello de Santiago incrementará este ano ata os 21.150 euros a subvención nominativa...

O PSOE reclama ao Goberno de Santiago que convoque xa as axudas de 2026 ás asociacións veciñais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que convoque de maneira...

O PP culpa o goberno local dos problemas cos fluxos turísticos e reclama medidas antes do Xacobeo 2027

O concelleiro do Partido Popular Adrián Villa responsabilizou o goberno municipal do BNG das...

Santiago autoriza un cámping para 40 caravanas no Tambre e adxudica proxectos de accesibilidade en varios edificios

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns unha serie de acordos...

O Atardecer no Gaiás reúne 15.000 persoas e pecha a súa segunda edición con máis público

O ciclo Atardecer no Gaiás congregou 15.000 persoas na súa edición de 2026, segundo...

O Maré traerá a Santiago a Aterciopelados, Omar Souleyman e Bia Ferreira na súa sétima edición

O festival Maré volverá a Santiago de Compostela do 23 ao 27 de setembro...

WOS Festival completa a súa novena edición con 26 proxectos repartidos por nove espazos de Santiago

O WOS Festival x SON Estrella Galicia pechou a programación principal da súa novena...