InicioECONOMÍAO Concello de Santiago recibirá o luns o informe para a municipalización...

O Concello de Santiago recibirá o luns o informe para a municipalización dos aparcadoiros de Praza de Galicia e Praza de Vigo

O Goberno local admite a falta de axilidade no proceso mentres o PSOE reclama diálogo e o PP critica o atraso de un ano na comisión de estudo

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Mobilidade de Santiago, Xan Duro, avanzou que o luns o Concello recibirá o informe económico-financeiro para a municipalización dos aparcadoiros de Praza de Galicia e Praza de Vigo por parte da empresa á que se lle encargou. Ademais, durante a próxima semana, o Goberno local porá data á próxima reunión da comisión de estudo “co tempo suficiente para que o resto de membros da corporación municipal poidan estudar con calma o informe”.

Trasladouno no marco dunha proposición presentada polo grupo municipal do PSOE para avanzar no novo modelo de xestión de ambos os aparcadoiros. A través dela, o concelleiro Sindo Guinarte instou ao Goberno local a convocar unha nova reunión desta comisión —que só se reuniu para constituírse— e a dar a coñecer os resultados do estudo. Na súa resposta, Duro admitiu, en parte, as críticas polo tempo transcorrido: “Teño que recoñecer e asumir que non fomos todo o áxiles por diferentes circunstancias, debates xurídicos e a carga de traballo do departamento de Tráfico e Mobilidade”.

Unha vez feito o anuncio, Guinarte pediu “diálogo” a partir da semana que vén. Pola súa banda, Gonzalo Muíños tachou isto como un “exemplo máis dunha falta de planificación” e augurou problemas polos “diferentes intereses partidistas”. Tamén solicitou que se valore a inclusión das concelleiras non adscritas na comisión. Adrián Vila (PP) afeou que nun ano non se convocase a comisión, lembrando que o seu partido xa pedira estes estudos en 2020.

INGRESADOS OS 5,1 MILLÓNS POLA VENDA DE PARCELAS

Por outra banda, o Concello de Santiago xa ingresou o total de 5,1 millóns de euros contemplados pola venda de parcelas municipais. O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, manifestou que o Goberno local mantén a intención de destinalos aos propósitos negociados co PSOE no acordo orzamentario de 2025. Por iso, o bipartito (BNG e Compostela Aberta) votou en contra dunha proposición socialista que pedía abrir unha nova negociación sobre o seu destino.

O último destes ingresos, de 2,9 millóns, foi recibido precisamente esta mañá. Lestegás subliñou que estes solares deben destinarse a vivenda protexida e que o Concello utilizará a maior parte dos fondos para ampliar o parque de vivenda municipal a través da rehabilitación. A concelleira non adscrita Mercedes Rosón reprochou ao Grupo Socialista unha “intencionalidade clara de borrado” cara a ela e as súas compañeiras, sentenciando que “non cabe negociar o xa negociado”.

Pola contra, Rosario Ferreiro (PP) acusou ao Goberno local de “mercantilizar” co chan público e instouno a ceder terreos á Xunta para construír vivenda 100% pública. Lestegás replicou que o Goberno galego non busca facer vivenda pública nestas parcelas, senón “promocionar vivendas para despois vendelas”.

ÚLTIMAS

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

O Premio Literario San Clemente recibe o Premio Nacional ao Fomento da Lectura

O Premio Literario San Clemente, promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago de...

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Louzao afirma que as previsións turísticas do verán son positivas e confía en pechar novas rutas aéreas para o outono

A portavoz do Goberno local de Santiago, Míriam Louzao, afirmou que as previsións turísticas...

Santiago cede á Xunta dúas parcelas en Volta do Castro para construír vivenda pública

O Concello de Santiago formalizou este xoves a cesión á Xunta de Galicia de...