InicioMOV. SOCIAISMiles de docentes mobilízanse en Santiago na sexta folga do curso para...

Miles de docentes mobilízanse en Santiago na sexta folga do curso para reclamar melloras no ensino público

CIG e STEG reúnen unha multitudinaria manifestación polas rúas compostelás para esixir negociación real á Xunta, mentres Educación rebaixa o seguimento ao 8,61% e cualifica a convocatoria de “fóra de lugar”

Publicado o

Xornal de Compostela

Miles de docentes e estudantes percorreron este martes o centro de Santiago de Compostela nunha nova xornada de mobilización en defensa do ensino público galego, convocada por CIG e STEG no marco da sexta folga educativa deste curso. Segundo os organizadores, arredor de 5.000 persoas participaron nunha marcha que partiu da Alameda ás 12:20 e concluíu fronte á sede da Xunta de Galicia, onde se deu lectura a un manifesto colectivo para reclamar melloras laborais e un proceso de negociación efectivo coa Administración autonómica.

Baixo a pancarta ‘Loitando construímos ou ensino público galego’, o percorrido estivo acompañado por consignas en defensa da calidade do ensino público, críticas á carga burocrática e reivindicacións de recuperación de dereitos laborais. Á convocatoria sumáronse tamén estudantes chamados polo Sindicato de Estudantes da Galiza.

Antes do inicio da marcha, a secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, manifestou o malestar do colectivo pola falta de avances concretos nas negociacións coa Xunta e asegurou que o profesorado está “farto de fotos e propaganda”. Segundo indicou, as demandas céntranse na recuperación de dereitos perdidos e na concreción documental de medidas laborais, fronte ao que considera unha sucesión de anuncios sen aplicación práctica.

Na mesma liña, desde STEG, Comba Campoi sostivo que o profesorado galego amosa unha crecente mobilización ante o deterioro continuado das condicións de traballo en todas as etapas educativas. Pola súa parte, representantes das Asembleas Abertas do Ensino Público destacaron a convocatoria como unha mostra de unidade do profesorado organizado desde os propios centros.

Xa diante da sede autonómica, docentes de diferentes etapas —desde Infantil ata Formación Profesional, ensinos artísticos e persoal substituto— participaron na lectura dun manifesto conxunto para visibilizar as problemáticas compartidas polo sector.

Entre as principais reivindicacións da xornada figuraron a recuperación do horario lectivo previo a 2010 —21 horas en Primaria e 18 en Secundaria—, a redución de ratios en todas as etapas, máis recursos humanos para atender á diversidade, menos burocracia, melloras salariais, a recuperación do pago do verán para o profesorado substituto con cinco meses e medio traballados, redución horaria a partir dos 55 anos e a restitución das licenzas retribuídas por formación.

A Xunta situou o seguimento da folga nun 8,61%, unha cifra inferior ás rexistradas nas cinco convocatorias anteriores deste curso, que oscilaron entre o 10% e o 14,5%. Porén, desde CIG cuestionaron estes datos e aseguraron que a participación foi semellante á doutras mobilizacións, criticando ademais problemas técnicos na ferramenta oficial de recollida de información.

Desde Vigo, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, cualificou a folga de “fóra de lugar” e vinculouna a unha estratexia política impulsada por organizacións nacionalistas e sindicais. O titular de Educación defendeu a vía de diálogo seguida, segundo afirmou, pola maioría das organizacións sindicais e contrapúxoa á postura da CIG, á que acusou de manter unha posición de bloqueo permanente.

Estas declaracións atoparon resposta inmediata por parte da central nacionalista, que denunciou non ter sido convocada a procesos reais de negociación durante o curso. Ademais, criticou o acordo acadado recentemente pola Xunta con CC.OO, UXT, ANPE e CSIF sobre redución horaria en Secundaria e outras medidas, reclamando acceso ao contido detallado desas propostas para avaliar o seu impacto real sobre o profesorado e o ensino público galego.

ÚLTIMAS

Santiago multiplica por sete a achega a AGADEA e destina 21.150 euros a programas para maiores

O Concello de Santiago incrementará este ano ata os 21.150 euros a subvención nominativa...

O PSOE reclama ao Goberno de Santiago que convoque xa as axudas de 2026 ás asociacións veciñais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que convoque de maneira...

O PP culpa o goberno local dos problemas cos fluxos turísticos e reclama medidas antes do Xacobeo 2027

O concelleiro do Partido Popular Adrián Villa responsabilizou o goberno municipal do BNG das...

Santiago autoriza un cámping para 40 caravanas no Tambre e adxudica proxectos de accesibilidade en varios edificios

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns unha serie de acordos...

Un novo recurso volve frear a tramitación do contrato do bus urbano de Santiago

A tramitación do novo contrato do transporte urbano de Santiago de Compostela afronta un...

Denuncian “unha nova saturación” en Urxencias do Hospital Clínico de Santiago

A CIG denunciou "unha nova saturación" nas Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago,...

A Asociación Contra o Cancro abre as inscricións para a quinta ‘En Marcha Contra o Cancro’ de Santiago

A Asociación Española Contra o Cancro en Santiago de Compostela abre este luns o...