InicioECONOMÍAO PSOE alerta dunha caída do turismo en Santiago no primeiro trimestre...

O PSOE alerta dunha caída do turismo en Santiago no primeiro trimestre e esixe reacción ao Goberno local

Guinarte advirte dun descenso de visitantes, pernoctacións e emprego no sector, critica a falta de planificación da taxa turística e denuncia atrasos no Plan de Sustentabilidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista de Santiago advertiu dunha evolución negativa da actividade turística na cidade tras coñecerse os datos do Instituto Nacional de Estatística correspondentes ao primeiro trimestre do ano, que, segundo o seu voceiro, Gumersindo Guinarte, confirman unha tendencia á baixa que consideran preocupante para a economía local.

Segundo expuxo o responsable socialista, Santiago rexistrou unha redución do 22% no número de viaxeiros e unha caída do 24% nas pernoctacións, uns datos que, ao seu xuízo, evidencian unha perda de dinamismo nun período especialmente relevante para a cidade pola súa capacidade para atraer visitantes fóra da tempada alta. Guinarte sostén que esta situación resulta especialmente significativa porque Compostela exerce tradicionalmente como principal referencia turística galega nos meses de menor afluencia.

O voceiro do PSOE vinculou esta evolución non só ao comportamento do sector hoteleiro, senón tamén ás consecuencias sobre o conxunto da economía urbana. Neste sentido, advertiu de que a diminución da actividade turística repercute directamente na restauración e noutras actividades asociadas ao consumo visitante, ao tempo que asegurou que tamén se está a notar unha reduución do emprego vinculado ao sector.

Os socialistas consideran que estas cifras supoñen un retroceso no obxectivo da desestacionalización, unha das metas recorrentes das políticas turísticas locais nos últimos anos. Desde a súa perspectiva, os datos non amosan avances para equilibrar a chegada de visitantes ao longo do ano, senón unha perda de capacidade precisamente nos meses nos que Santiago debería consolidar a súa posición como destino tractor en Galicia.

Guinarte asegurou ademais que a preocupación non se limita ao ámbito político, senón que tamén foi trasladada por representantes do propio sector turístico e hostaleiro en reunións mantidas co grupo socialista. A partir destas xuntanzas, o PSOE reclama ao executivo liderado por Goretti Sanmartín unha resposta máis definida ante unha situación que consideran de impacto económico xeral.

No ámbito fiscal, os socialistas cuestionaron a falta de concreción arredor da futura taxa turística, especialmente no relativo ao destino da recadación e aos mecanismos de participación para decidir o seu uso. O grupo anunciou que levará esta cuestión ao próximo Pleno co obxectivo de solicitar información sobre a planificación municipal, a creación dunha comisión específica e o nivel de diálogo existente co tecido empresarial afectado.

Outra das críticas formuladas céntrase na execución do Plan de Sustentabilidade Turística, impulsado no anterior mandato. Guinarte sinalou atrasos en actuacións consideradas estratéxicas, como a sinalización intelixente ou proxectos de mellora da iluminación monumental no entorno catedralicio e nas principais prazas históricas. Ao seu xuízo, a falta de avance nestas intervencións limita a mellora da experiencia turística e dificulta aumentar a estadía media das persoas visitantes.

O Grupo Socialista sostén que a combinación entre descenso de actividade, menor ocupación e retrasos na execución de proxectos clave require unha actuación máis rápida por parte do Goberno local para evitar efectos prolongados sobre o emprego e sobre sectores económicos especialmente dependentes do turismo en Santiago.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here