O Concello de Santiago abre este luns 27 de abril o prazo para solicitar praza nos programas municipais de conciliación de verán, unha oferta dirixida ás familias da cidade co obxectivo de facilitar a compatibilidade entre a vida laboral, familiar e persoal durante o período estival.
A convocatoria inclúe tres iniciativas: ‘Compostela Concilia’, ‘Vacaludos’ e os obradoiros das Escolas Infantís Municipais (EIM). As dúas primeiras están destinadas a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, mentres que os obradoiros se dirixen a idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos, aínda que no caso de Vacaludos tamén se contemplan prazas para menores de 2 a 3 anos. Para acceder a estes programas será necesario estar empadroado en Santiago ou cursar estudos en centros educativos da cidade.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 4 de maio, tanto de forma telemática a través da sede electrónica municipal como presencialmente no Rexistro Xeral, situado na rúa Presidente Salvador Allende. As listaxes provisionais de persoas admitidas daranse a coñecer o 20 de maio.
REQUISITOS E PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN
Para participar en ‘Compostela Concilia’ e ‘Vacaludos’, as familias deberán completar previamente o proceso de alta nos respectivos programas antes do inicio do prazo. Unha vez validada esta inscrición, recibirán as instrucións necesarias para formalizar a solicitude de praza a través da aplicación correspondente.
No caso dos obradoiros das EIM, os impresos para novas solicitudes están dispoñibles nas propias escolas municipais, ademais da opción de tramitación en liña. As prazas vacantes xa foron publicadas tras rematar o período de renovación.
ACTIVIDADES E QUENDAS DURANTE O VERÁN
O programa ‘Compostela Concilia’ desenvolverase en dous centros educativos de infantil e primaria e incluirá propostas lúdicas, deportivas e artísticas. Contará con seis quendas distribuídas entre o 22 de xuño e o 7 de setembro. Durante o mes de agosto ofertaranse 90 prazas por quenda, mentres que no resto do verán haberá 195. Ademais, resérvase un 3% das prazas para menores con necesidades específicas de apoio.
O horario ordinario será de 09:00 a 14:00, con opción de ampliación desde as 07:45 ata as 16:00 mediante servizos complementarios de madrugadores e comedor. O custo base é de 4 euros por día, con tarifas adicionais para almorzo e comida e bonificacións para familias con menos recursos.
Pola súa banda, ‘Vacaludos’ desenvolverase no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, nas Fontiñas, e ofrecerá actividades gratuítas tamén en seis quendas. O programa dispón de 73 prazas por período, distribuídas por idades. As actividades dirixidas terán lugar entre as 10:00 e as 13:30, cun horario ampliado de custodia desde as 07:45 ata as 15:00.
En canto aos obradoiros das Escolas Infantís Municipais, levaranse a cabo durante os meses de xullo e agosto. No primeiro mes desenvolveranse nas tres escolas municipais, mentres que en agosto se concentrarán na das Fontiñas. O horario será de 10:00 a 14:00, con posibilidade de servizos complementarios de almorzo, comedor e ampliación horaria.
A concelleira de Educación, Míriam Louzao, sinala que estas propostas buscan ofrecer ás familias “unha alternativa de lecer de calidade”, ao tempo que contribúen a organizar o coidado da infancia durante o período non lectivo.

