A xestión do Refuxio de Bando sitúase de novo no foco tras as denuncias realizadas por varias persoas e pola plataforma en defensa do centro, que alertan da falta de resposta ás solicitudes de información pública presentadas nos últimos meses ao abeiro da normativa de transparencia.
Segundo trasladaron nunha comunicación remitida aos medios, estas peticións incluían datos sobre sacrificios, procesos de rehabilitación e actuacións previas con animais, entre outros aspectos relacionados co funcionamento do servizo. Porén, aseguran que non obtiveron resposta por parte do Concello, o que, segundo indican, supón un “incumprimento grave das obrigas establecidas na Lei de transparencia”, tal e como recolle unha resolución da Comisión de Transparencia de Galicia.
Desde a plataforma sinalan tamén que o prazo para facilitar esta información xa foi superado. Nunha publicación en redes sociais, afirman que “cando unha administración ignora unha resolución oficial, xa non falamos só de información, falamos de respecto á lei”, e avanzan que están a preparar accións legais.
As críticas prodúcense nun momento no que o refuxio ten aberto un proceso de contratación pública para a dirección do centro, un cargo cunha duración de catro anos, prorrogable por outros catro. Neste contexto, as persoas impulsoras da denuncia consideran necesario que o procedemento se desenvolva con “rigor, transparencia e garantías”, evitando calquera dúbida sobre a continuidade da actual xestión.
Segundo indican, a actual directora tería presentado novamente a súa candidatura, unha circunstancia que, ao seu xuízo, non responde ao obxectivo de renovación do posto. “O cambio de dirección é urxente”, sinalan desde a plataforma, que insiste en que a situación actual pon en cuestión o benestar dos animais acollidos.
As demandas de transparencia intensificáronse tras varios casos concretos, entre eles o sacrificio do can Gosu, que motivou solicitudes de información sobre eutanasias e protocolos de actuación no centro. A este respecto, desde o colectivo subliñan que continuarán reclamando “xustiza para todos os animais do Refuxio de Bando”.
No seu comunicado, as persoas promotoras da denuncia destacan tamén o papel dos medios de comunicación como garantes do control público e da transparencia institucional, e aseguran que o seu obxectivo é “garantir o bo funcionamento dun servizo público especialmente sensible como é o benestar animal”.

