InicioSOCIEDADEA plataforma contra a planta de residuos en Cacheiras reclama ao Concello...

A plataforma contra a planta de residuos en Cacheiras reclama ao Concello de Teo unha postura “firme” e apoio explícito

STOP Planta de Residuos Cacheiras-Aldeas Limpas pide ao goberno local que abandone a “actitude pasiva” e defenda á veciñanza fronte a un proxecto que prevé instalarse preto de vivendas e que, advirten, xeraría máis tráfico pesado, ruído e emisións de po

Publicado o

Xornal de Compostela

A Plataforma STOP Planta de Residuos Cacheiras-Aldeas Limpas reclamou ao Concello de Teo “unha posición firme” e o seu “apoio explícito” para impedir a instalación dunha planta de tratamento de residuos da construción e demolición entre Feros e A Torre, nunha contorna próxima a vivendas. O obxectivo, segundo sostén, é enviar “unha mensaxe relevante” á Xunta, xa que ambas as administracións están gobernadas con maioría absoluta polo PP. “Unha posición clara do Concello enviaría unha mensaxe relevante á Xunta de Galicia sobre a falta de apoio social e institucional ao proxecto, o que podería axudar a unha decisión contraria á autorización da instalación da planta”, sostén a plataforma nun comunicado emitido tras a celebración, a última hora do xoves, dun pleno extraordinario sobre esta cuestión.

Mentres na casa consistorial se celebraba a sesión plenaria, no exterior veciños contrarios á planta volveron concentrarse. Nesta ocasión fixérono con máscaras, mentres se reproducía o son de maquinaria machacadora e se emitía fume simbólico, coa intención de trasladar unha imaxe do impacto que, ao seu xuízo, tería esta instalación se se sitúa preto das vivendas. No pleno, a entidade que agrupa a residentes da contorna de Cacheiras puxo o foco no papel do Concello de Teo para reclamar que “abandone unha actitude pasiva e exerza as súas competencias en defensa da veciñanza”. Aínda que admite que a autorización final da planta corresponde á Xunta, esixe “un papel activo” do goberno local que encabeza Lucía Calvo de la Uz.

OPOSICIÓN AO EMPRAZAMENTO PREVISTO

A Plataforma STOP Planta de Residuos Cacheiras-Aldeas Limpas demanda “un compromiso claro para se opor á instalación nese emprazamento”, aínda que evita pronunciarse sobre outras posibles localizacións, ao entender que non lle corresponde indicar onde podería situarse unha planta deste tipo. O colectivo reclama “unha actuación rigorosa no ámbito urbanístico, viario e administrativo” por parte do executivo municipal e apunta incluso unha posible vía de actuación: cuestionar a idoneidade das vías locais para soportaren tráfico pesado continuado. Segundo advirte, a instalación proxectada, cunha capacidade máxima de 25.000 toneladas anuais, implicaría “un incremento significativo” do tráfico pesado e, en consecuencia, “maior presión” sobre os viarios locais, ademais de “movemento continuo de materiais, ruído e emisións de po”.

“Non estamos ante unha preocupación menor, senón ante un impacto real sobre a saúde, o descanso e a seguridade da veciñanza”, avisa a plataforma, que engade que “a veciñanza non pide privilexios, pide sentido común, protección e que se teña en conta que esta non é unha localización indiferente”. Outro dos aspectos que o colectivo critica é “a falta de información e participación pública”. Neste sentido, considera “insuficiente” a publicación formal da documentación a través das canles oficiais e reclama “unha información máis próxima, clara e accesible”.

ÚLTIMAS

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

O PSOE pide ao Concello que concrete os cambios nas liñas do rural tras desbloquearse o novo contrato de transporte

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que aproveite o desbloqueo...

O xulgado inicia a execución da sentenza de Angrois e dá un mes a QBE para pagar as indemnizacións pendentes

O Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela puxo en marcha a execución da...

Quintana Martelo leva a Teo unha mostra que percorre dúas décadas da súa obra

O pintor santiagués Manuel Quintana Martelo presentará no Auditorio Municipal da Ramallosa, en Teo,...

O bombeiro Jimmy Go completa os 30 maratóns pola prevención do suicidio en Santiago

O bombeiro madrileño Jaime Domínguez, coñecido nas súas redes sociais como Jimmy Go, completou...