Unha persoa tivo que ser evacuada tras sufrir un infarto durante a celebración da carreira ‘Os 10.000 peregrinos’ en Santiago de Compostela. Segundo confirmaron fontes municipais, o home sufriu o desvaneceemento xusto ao chegar á Praza do Obradoiro, que funcionaba como meta da proba deportiva. No momento de ser trasladado en ambulancia ao Hospital Clínico, o corredor atopábase con vida e ía consciente. ‘Os 10.000 peregrinos’ é unha competición organizada pola Deputación da Coruña que discorre polas rúas da capital galega e conta con dúas modalidades de participación, unha de 5 quilómetros e outra de 10.

