A Corporación Municipal de Santiago de Compostela deu luz verde por unanimidade, na sesión plenaria celebrada este xoves, a unha declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, na que se reafirma o compromiso da cidade coa igualdade e coa loita feminista.
O texto contou co apoio de BNG, CA, PP, PSOE e das concelleiras non adscritas, e recolle que Compostela “é e quere seguir sendo un símbolo e un referente da loita feminista en Galicia”. A declaración subliña que a igualdade debe entenderse como un eixo transversal da acción municipal e non como unha política sectorial.
“O Concello de Santiago reafirma que a igualdade non é unha política sectorial, senón un principio transversal que debe impregnar todas as actuacións municipais. Avanzar cara a unha sociedade libre de discriminacións require recursos, vontade política, cooperación interinstitucional e a implicación activa da cidadanía”, recolle o documento aprobado.
A declaración fai referencia ao contexto social actual e advirte do auxe de discursos que cuestionan ou relativizan as desigualdades, así como da normalización de mensaxes de odio, especialmente entre a mocidade. Neste escenario, o Pleno reivindica o papel das administracións públicas como garantes dos dereitos humanos e da convivencia democrática.
“Fronte a quen cuestiona a existencia da violencia machista ou banaliza as discriminacións, é necesario reforzar o compromiso institucional coa educación en igualdade, coa prevención e coa resposta integral ás violencias contra as mulleres”, sinala o texto.
A VIOLENCIA MACHISTA COMO PRIORIDADE
A declaración sitúa a erradicación da violencia machista como unha prioridade política e lembra que no que vai de 2025 esta lacra causou a morte de 46 mulleres e tres menores no Estado español, ademais de motivar a emisión de 1.253 ordes de protección en Galicia.
Neste marco, o Concello pon en valor o traballo desenvolvido desde a Concellería de Igualdade e os recursos municipais especializados. O Centro de Información á Muller atendeu no último ano a máis de 200 mulleres, consolidándose como un servizo de asesoramento e acompañamento. Pola súa banda, a Casa Xohana Torres continúa funcionando como espazo de encontro, reflexión e actividade para mulleres e para o colectivo LGBTIQ+.
O documento lembra tamén que desde hai dous anos o Regulamento de Honras e Condecoracións inclúe o outorgamento dos premios ‘Mulleres de Compostela’, co obxectivo de dotar estes recoñecementos da máxima consideración institucional.
Entre os acordos adoptados figura o apoio ás mobilizacións convocadas polo movemento feminista con motivo do 8-M, así como o compromiso de manter, cando menos, o 1 % do orzamento municipal destinado a políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero.
Ademais, o Pleno demanda á Xunta de Galicia un reforzo económico e de persoal para os Centros de Información á Muller e solicita ao Goberno do Estado un incremento dos recursos destinados ás políticas de igualdade e á loita contra a violencia de xénero.
ENTREGA DOS PREMIOS ‘MULLERES DE COMPOSTELA’ 2026
Na mesma sesión plenaria aprobouse tamén a concesión dos premios ‘Mulleres de Compostela’ 2026, que serán entregados nunha gala prevista para o 9 de marzo no Teatro Principal.
Os recoñecementos recaerán este ano en ‘As Fillas Bravas de Momán’ —integrado polas actrices Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar—, na foniatra Clotilde Rodríguez Martul, na divulgadora Merche Espiño, na economista María Loureiro, na comerciante Luisa Ríos, na inspectora principal da Policía Local Diana Parente, na avogada Isabel Castillo e na directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas.

