InicioCULTURAO Teatro Principal e o Auditorio de Galicia acollerán 33 funcións de...

O Teatro Principal e o Auditorio de Galicia acollerán 33 funcións de teatro e danza no primeiro semestre de 2026

Compostela Cultura activa a venda de entradas este venres para unha tempada con 23 espectáculos e tres focos temáticos

Publicado o

Xornal de Compostela

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2026 chega con 23 espectáculos e 33 funcións que se desenvolverán entre o Teatro Principal e o Auditorio de Galicia. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou este xoves a tempada nun acto no que participaron tamén representantes da Deputación da Coruña, da Xunta e do INAEM, ademais de membros das compañías que estarán sobre as táboas en Compostela.

Louzao subliñou que a proposta medra grazas ao apoio institucional —Deputación da Coruña, Consorcio de Santiago, Rede Galega de Teatros e Auditorios e programas do INAEM— e destacou que a tempada busca “repensar o presente, o pasado e a construción da memoria”, concibindo a cultura como un dereito e un espazo común de encontro. A partir desa idea estrutúranse tres focos transversais que marcarán a liña temática dos vindeiros meses.

TRES FOCOS PARA LER O TEMPO PRESENTE

O Foco ‘Castelao en escena’ recupera o legado do autor rianxeiro para reflexionar sobre identidade, memoria e humor crítico. Nel enmárcanse ICTUS, de Chévere, e Os Dous de Sempre, de Producións Teatrais Excéntricas.

O Foco ‘Escenas do presente’ pon a mirada nas creadoras e creadores que están a renovar a dramaturxia e a danza con linguaxes actuais e preocupacións que atravesan ás novas xeracións —corpo, identidades, saúde mental ou desigualdades—. Aquí insírense pezas como Nortear, Historia Vaxenial, Transeúnte, Alicia wants to ou Contra Ana.

Finalmente, o Foco ‘NeoTrad’ continúa a explorar a relación entre tradición e contemporaneidade a través da danza, con propostas como BenQuerer de Fran Sieira, Alén do Colectivo Glovo, Transeúnte ou Vicenta Lorca.

ARRANQUE EN XANEIRO CUNHA REVISIÓN DA MEMORIA RECENTE

A tempada abre o 29 de xaneiro no Teatro Principal con Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, que revisa episodios da reconversión naval a través dun elenco de oito intérpretes. O mes remata o día 31 no Auditorio de Galicia coa chegada de Los Yugoslavos, de Teatro de la Abadía, unha obra de Juan Mayorga centrada no amor, a perda e as nacións que desaparecen.

En febreiro destacan BenQuerer (6 e 7), a estrea absoluta de ICTUS (20–22) e O Dragón de Ouro (27–28), unha reflexión sobre migración e desigualdade.

Marzo arrinca con Historia Vaxenial (6) e continúa con El hijo de la cómica (7). Para conmemorar o Día Mundial do Teatro, Artur Ui, o ovo da serpe terá dous pases no Principal os días 26 e 27.

O mes de abril reúne doce funcións, entre elas On Time (9), Quiso Negro (10), o regreso de Os dous de sempre (15–18), Transeúnte (19), Ubasute (23–24), Firmamento (25) e Familia Nijinska (29), na celebración do Día Internacional da Danza.

En maio, o Principal e o Auditorio acollerán Alén (7), Filtro (8), Vicenta Lorca (10), Esencia (14), Alicia wants to (21), Nortear (22) e Contra Ana (23), Premio Max ao espectáculo revelación.

A programación péchase o 6 de xuño con Iribarne, unha coprodución de ButacaZero, o Centro Dramático Nacional e a MIT de Ribadavia que culminará a súa xira en Santiago.

ENTRADAS DISPOÑIBLES DENDE ESTE VENRES

As entradas sairán á venda este venres 5 de decembro ás 11:00 horas. Poderán adquirirse en compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural, que mantén o seu horario de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

A única excepción é ICTUS, que terá venda exclusiva a través de ataquilla.com. Ademais, sempre que queden localidades libres, será posible comprar entradas na propia sala desde unha hora antes do inicio de cada función.

Como complemento á programación, Compostela Cultura mantén os espazos Conversando e Posfunción, que permitirán ao público dialogar coas creadoras e compañías, coñecer os procesos de traballo e afondar nas claves das montaxes.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

A patronal do transporte da Coruña e os sindicatos están convocados a unha mediación...

María Rozas clausura o obradoiro de emprego Genius e presenta a app ‘Inxenius’

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou...

Borja Verea critica a estratexia turística do goberno local durante a súa presenza en Madrid

O portavoz do Partido Popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, realizou este mércores...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O Ateneo de Santiago proxecta ‘Arima’ cun coloquio coa actriz Melania Cruz

O Ateneo de Santiago acolle este martes, 20, ás 19:00, a proxección da película...

A Asociación Área Empresarial do Tambre inaugura a exposición ‘Fortes Sentires’ de María Fortes Blanco

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará este luns, 19 de xaneiro, a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here