InicioSANTIAGOAMESO pleno de Ames avala a adhesión á Mancomunidade da Serra do...

O pleno de Ames avala a adhesión á Mancomunidade da Serra do Barbanza e renova o seu Plan de Igualdade

A sesión ordinaria de novembro validou múltiples expedientes económicos e de xestión municipal, incorporou a nova concelleira Beatriz Martínez e abordou dúas mocións do BNG sobre o Milladoiro e a violencia machista

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames celebrou este xoves o pleno ordinario de novembro, unha sesión extensa na que se combinaron asuntos de xestión interna, modificacións normativas e posicionamentos políticos. A Corporación avalou a adhesión do municipio á Mancomunidade da Serra do Barbanza, aprobou o Plan de Igualdade aplicable ao persoal municipal, validou cambios no plan estratéxico de subvencións e na ordenanza do centro deportivo ‘A Telleira’, e deu luz verde a varios expedientes vinculados ao POS+2025. A sesión estivo marcada tamén pola incorporación da nova concelleira Beatriz Martínez, que asumirá Educación, Mocidade e Mobilidade.

A orde do día abriu coa exposición de 346 decretos emitidos desde a última sesión ordinaria e co traslado das actas da Xunta de Goberno Local. Neste bloque, a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, informou do período medio de pago a provedores, situado en 38,56 días no terceiro trimestre do ano.

Acto seguido formalizouse a entrada de Beatriz Martínez Domínguez como nova edil do Executivo local, incorporándose con efecto inmediato ás áreas xa reasignadas. A Corporación tamén ratificou por unanimidade as actas pendentes de aprobación.

O pleno aprobou por acordo unánime o Plan de Igualdade municipal, que se aplicará ao persoal ao servizo do Concello e que deberá desenvolver o seu articulado no marco do convenio colectivo. O documento chegaba á sesión tras ser negociado na Mesa Xeral o pasado 21 de outubro.

Tamén se avalou, sen votos en contra, a desestimación do recurso presentado por Osventos Innovación e Servizos SL, mantendo a prohibición de contratar coa administración local durante tres anos, segundo o ditame técnico que motivara a sanción.

Co mesmo consenso modificouse o Plan estratéxico de subvencións, engadindo 60.000 euros destinados á campaña dos Bonos Consuma correspondente a 2025.
Pola súa banda, a adaptación da ordenanza de tarifas do centro deportivo municipal ‘A Telleira’ saíu adiante cos votos do grupo de goberno, PP e Espazo Común, fronte ao rexeitamento do BNG. O axuste responde á corrección dunha aplicación errónea do IPC: debía ser do 2,3% e non do 3,1% inicialmente introducido.

O punto central da sesión foi a decisión de incorporarse como membro de pleno dereito á Mancomunidade da Serra do Barbanza, un acordo que recibiu o apoio do grupo de goberno e do BNG, mentres que Partido Popular e Espazo Común votaron en contra.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, expuxo os motivos que sustentan o paso dado polo Concello, sinalando que a entidade supramunicipal “atendeu as demandas trasladadas polo municipio, dotouse dun cadro de persoal estable, avanzou na regularización coa concesionaria FCC e encamiña unha nova licitación”. Segundo dixo, estes movementos ofrecen “seguridade” para continuar nun modelo que Ames considera estratéxico.

Os grupos da oposición expuxeron criterios diversos. Espazo Común, pola voz de Luísa Feijóo, advertiu da falta de información completa sobre a situación económica da entidade e mostrou reparos ante a débeda existente coa concesionaria. Pola súa parte, o Partido Popular, a través de Oliva Agra, puxo o foco na calidade do servizo, no estado dos contedores no rural e na necesidade de clarificar o alcance da débeda antes de asumir compromisos.

O BNG, pola voceira Escarlata Pampín, defendeu o modelo da planta de Servia e criticou a política autonómica na xestión de residuos, lembrando que a formación leva anos apoiando alternativas á incineración e recoñecendo na Mancomunidade un referente histórico.

A sesión incluíu tamén a aprobación unánime da subsanación de erros formais no proxecto de pavimentación de viarios en Villaverde (Piñeiro), integrado no POS+2025, así como da segunda fase do POS+ Adicional 4/2025, que permitirá renovar beirarrúas na avenida da Maía, ata o límite con Brión.

O pleno completou a parte resolutiva coa autorización da devolución da garantía definitiva do contrato de abastecemento e saneamento á antiga concesionaria Espina & Delfín SL.

No bloque de mocións, o pleno tratou dúas iniciativas do BNG. A primeira, relativa ao impacto das obras da N-550 no comercio de O Milladoiro, foi aprobada cos votos do BNG, PP e Espazo Común, mentres que o grupo de goberno se posicionou en contra.

A segunda moción, sobre o reforzo dos recursos públicos contra a violencia machista, recibiu o apoio do BNG, do Executivo local e de Espazo Común, quedando o PP como único grupo en contra.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

Ames acende o Nadal cun acto participativo e homenaxe ao comercio local

A praza do Concello de Bertamiráns converteuse esta tarde no punto de encontro da...

Evacúan un home tras envorcar co seu vehículo en Ames

Un home tivo que ser evacuado tras envorcar co seu vehículo cerca do vello...

Ames impulsa unha nova edición de ‘Ilumina o teu sorriso’ para promover o comercio local

A Casa do Concello de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here