InicioSANTIAGOA USC abre diálogo coa Facultade de Medicina tras valorar positivamente o...

A USC abre diálogo coa Facultade de Medicina tras valorar positivamente o acordo para a descentralización docente

O Consello de Goberno deu luz verde ao incremento de prazas en graos e mestrados para 2026-2027 e aprobou 25 posicións Ramón y Cajal

Publicado o

Xornal de Compostela

A USC avanzou este venres na análise do futuro da docencia sanitaria e na planificación académica dos próximos anos nunha sesión do Consello de Goberno marcada polo debate arredor do acordo de descentralización do grao de Medicina, polo incremento da oferta de prazas en estudos oficiais e pola creación dunha unidade mixta de computación cuántica co CESGA.

Segundo informou a institución, o Consello de Goberno valorou positivamente o pacto consensuado entre as tres universidades galegas e as consellarías competentes en Sanidade e en Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Con todo, recoñeceu que a Facultade de Medicina e Odontoloxía manifestou posicións críticas e, por iso, abrirase un diálogo específico co centro para intentar acadar un punto común que permita a súa incorporación ao acordo no marco da Comisión de Seguimento. A USC sostén que este intercambio servirá para asegurar os obxectivos do convenio e, ao tempo, estudar a integración das cuestións que a Facultade considera esenciais sempre que se consensúen co resto de partes asinantes.

A situación da Facultade compostelá chega nun momento de especial sensibilidade, despois de que o centro aprobase un documento de rexeitamento e reclamase garantías sobre mobilidade, equidade e planificación docente. Agora, o órgano de goberno universitario aposta por manter o calendario previsto ao tempo que habilita un espazo formal de negociación cos equipos académicos.

INCREMENTO DE PRAZAS EN ONCE GRAOS E NOVOS AXUSTES EN MESTRADOS

A sesión serviu tamén para aprobar a oferta de prazas de grao e mestrado para o curso 2026-2027, que a USC remitirá á Secretaría Xeral de Universidades. A programación incorpora un aumento en 13 titulacións de grao, con especial impacto nos estudos de carácter científico, sanitario e educativo que se imparten tanto en Santiago como en Lugo.

Entre os incrementos máis destacados figuran Dereito (de 170 a 180 prazas), Economía (de 125 a 150) ou Física (de 89 a 99). O grao de Historia medra ata 110 prazas, mentres que Química pasará a ofertar 95. No ámbito sanitario, Enfermaría de Lugo amplía a súa capacidade ata 83 prazas.

Tamén se reforza a docencia vinculada ao novo tecido tecnolóxico e empresarial, con 100 prazas en Enxeñaría Informática e un total de 55 en Empresa e Tecnoloxía, entre modalidades presencial e virtual. A área de Educación recibirá un impulso: Mestre en Educación Infantil contará con 80 prazas e Mestre en Educación Primaria con 120 no campus compostelán. O dobre grao en Infantil–Primaria sobe de 16 a 20.

Nos mestrados, a tendencia é heteroxénea. Incrementan prazas os programas de Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias e o de Investigación e Desenvolvemento de Medicamento, ambos con 25 prazas. Pola contra, reducen oferta os mestrados en Materiais Avanzados (de 10 a 5) e en Visión por Computador (de 7 a 6). Ademais, aprobouse a oferta doutros programas con prazas específicas, entre eles Matemáticas (20 presenciais e 20 virtuais), Psicoloxía do Traballo (25) ou Vehículos Autónomos (8).

25 PRAZAS RAMÓN Y CAJAL EN 19 ÁREAS TEMÁTICAS

Outro dos puntos centrais foi a aprobación da oferta de 25 prazas de investigador/a Ramón y Cajal para 2026. A USC reserva cando menos unha praza para cada unha das 19 áreas temáticas da convocatoria estatal, garantindo así que todos os ámbitos poidan atraer novo persoal investigador.

Ademais, establecerase unha segunda praza nas áreas con déficit docente estrutural, entre as que se inclúen Ciencias Matemáticas, Tecnoloxías da Información e da Comunicación, Dereito, Mente-Linguaxe-Pensamento, Economía e Ciencias Sociais.

UNIDADE MIXTA ‘QUANTUM COMPUTING LAB’

O Consello de Goberno deu tamén luz verde ao convenio co CESGA para poñer en marcha a unidade mixta ‘Quantum Computing Lab’, que estará situada no IGFAE e especializada no desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas, á física nuclear e a áreas relacionadas.

A nova unidade aspira a fortalecer o ecosistema galego e europeo de investigación en tecnoloxías cuánticas e a impulsar proxectos científicos, tecnolóxicos e formativos de alta complexidade desde Santiago de Compostela.

MODIFICACIÓNS ACADÉMICAS E REGULAMENTOS

A xuntanza incluiu tamén a aprobación da modificación do Regulamento de Planificación Académica, o calendario académico 2026/2027 e o axuste das normas sobre os requisitos lingüísticos para a matrícula en estudos oficiais. Tamén se validaron parámetros de ponderación de materias para o acceso ao SUG no curso 2027-2028.

No ámbito das titulacións, autorizáronse modificacións de memorias, creación de novos títulos para os cursos 2026-2027 e 2027-2028 e a modificación do Regulamento de Estudos Propios. No eido do persoal, tratouse a modificación da Planificación de PDI 2025, criterios de adscrición e asignación de quinquenios.

Ademais, o Consello deu o seu visto bo á creación dunha unidade asociada ao CSIC, aos novos logotipos do ILG e do iTERRA, ás modificacións no regulamento de redución docente e de retribución de cargos académicos, e á adhesión da USC á UNESCO Media and Information Literacy Alliance.

A sesión completouse coa designación do representante da USC no Consello Asesor da EGAP, a elección da dirección en funcións do Departamento de Enxeñaría Agroforestal e a aprobación da axuda institucional para as campañas electorais á reitoría.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

A Maker Faire Galicia abre en Santiago cunha xornada centrada no emprendemento e a innovación social

A Maker Faire Galicia inaugurou este venres en Santiago de Compostela a súa XII...

Un modelo da USC permite prever como reducir a calor nas cidades mediante cambios urbanísticos

O incremento das temperaturas está a aumentar o impacto da meteoroloxía sobre a saúde...

Santiago realiza 85 inspeccións a pisos turísticos no que vai de ano e constata un alto cumprimento das suspensións

O departamento de Urbanismo do Concello de Santiago realizou, no que vai de 2026,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here