O Concello de Santiago fixo público este xoves un balance detallado das actuacións executadas e en marcha no Departamento de Obras durante 2025, un ano que o concelleiro Xesús Domínguez cualificou como “moi intenso” polo volume de intervencións repartidas por toda a cidade e o rural. Acompañado polo xefe do Servizo de Obras e Proxectos, Toño Ranedo, o edil explicou que o investimento acumulado supera os 12 millóns de euros entre reformas en espazos públicos e rehabilitación de edificios municipais.
Domínguez abriu a comparecencia agradecendo o traballo do persoal técnico e da brigada municipal, un equipo que, segundo dixo, “sostén un número moi alto de actuacións a pesar das limitacións de persoal”. O concelleiro destacou que todas as intervencións responden a obxectivos comúns: accesibilidade universal, seguridade peonil, eficiencia enerxética e adaptación ao cambio climático, ademais de mellorar a calidade dos espazos públicos para avanzar cara a “unha cidade máis saudable e máis equitativa”.
Segundo expuxo o edil, a distribución territorial das obras forma “un mapa moi disperso” que afecta a numerosos barrios. Entre as intervencións máis avanzadas figura a reurbanización da rúa Ponte da Reina, cun orzamento de 493.000 euros, xa pendente de recepción. A obra incluíu a renovación completa das redes soterradas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a instalación de pasos elevados e a ampliación das zonas verdes, seguindo a liña marcada en Quiroga Palacios e Batalla de Clavijo.
Tamén progresan as obras da rúa García Lorca, unha intervención integral dotada con 1,19 millóns de euros. Este proxecto, que se prolongará ata decembro de 2026, completará o proceso de accesibilidade iniciado polas comunidades de propietarios coa instalación dos seus ascensores, creando itinerarios seguros ao longo de toda a rúa e reordenando a praza de Celso Emilio Ferreiro para dotala dun espazo verde de maior calidade.
Un dos proxectos estruturais presentados é a transformación de Pontepedriña nun “barrio verde”, unha actuación de 1,92 millóns de euros enmarcada na estratexia municipal de infraestrutura verde e nos proxectos Entre Sar e Xarela, coa colaboración da USC a través do IVADER. A intervención abarcará toda a mazá delimitada polas rúas Amor Ruibal, escultor Camilo Otero e pintor Laxeiro.
Domínguez explicou que se están implantando solucións urbanas de drenaxe sostible (SUDS) para infiltrar máis auga de choiva, mellorar o metabolismo urbano e reducir a carga sobre o saneamento. O proxecto prevé tamén carrís bici en ambos sentidos, zonas estanciais máis amplas, aumento do arborado e pasos elevados, especialmente na zona do IES Pontepedriña, para reforzar a seguranza viaria.
Dentro deste mesmo ámbito inclúese a recuperación da Lagoa de Cornes, cun investimento de 145.000 euros, onde se abrirán novas sendas e se plantarán especies autóctonas, incluídos nenúfares procedentes da Lagoa do Mosteiro de Sobrado. No xardín botánico do Xarela continúanse os traballos de eliminación de especies invasoras para renaturalizar a contorna.
O concelleiro relatou outras actuacións repartidas pola trama urbana, como a renovación da pracinha de Loureiros, na intersección da ruela da Estila e San Roque, asociada ao programa Camiños do Cole e dotada con 85.000 euros. A intervención inclúe un paso elevado en pedra, mellora da seguridade peonil e renovación da chapacuña.
Ademais, están en marcha 14 actuacións de accesibilidade en distintos puntos da cidade por valor de 237.000 euros, con previsión de remate no primeiro trimestre de 2026. Algunhas xa executadas inclúen a rúa do Río (Lavadoiro), rúa Irmandiños, rúa Betanzos e rúa Xazmíns, mentres que continúan traballos nas Fontiñas —Varsovia, Dublín e Nou Teiro de Sar— e na zona entre Quiroga Palacios e costa de Vedor. A última intervención prevista dentro deste lote será na intersección das rúas do Órrio e Gómez Ulla.
Xesús Domínguez debullou tamén o avance das obras en equipamentos municipais. No CEIP Quiroga Palacios, cun investimento de 379.000 euros, renovouse a impermeabilización da cuberta, mellorouse a accesibilidade e rehabilitáronse fachadas e o illamento do pavillón.
A intervención máis extensa é a reforma integral do complexo deportivo de Santa Isabel, dotada con máis de 3 millóns de euros. O proxecto inclúe nova cuberta, rehabilitación da envolvente, renovación de carpinterías, mellora da eficiencia enerxética e a creación dun novo acceso desde a rúa Morón, que incorporará un espazo público contiguo. A obra está prevista para o primeiro trimestre de 2026.
No Pazo de Raxoi, cun investimento próximo aos 4 millóns de euros, estanse executando melloras de accesibilidade, a instalación de dous ascensores e a rehabilitación estrutural da segunda planta, que albergará oficinas cun modelo de traballo máis colaborativo. O remate estimado sitúase na metade de 2026.
Domínguez concluíu destacando que a brigada continúa atendendo “moitísimas incidencias” detectadas a través das comunicacións veciñais e da liña verde, e avanzou que se realizarán novas roldas de prensa específicas para informar sobre o grao de execución das obras a medida que se vaian recepcionando.
“Son actuacións que buscan mellorar a calidade de vida e facer unha cidade máis cómoda para toda a veciñanza”, resumiu o concelleiro ao pechar o balance dun ano marcado por unha actividade construtiva “moi intensa” en Compostela.

