InicioSANTIAGOA Xunta adxudica o PIA do CHUS por 1,8 millóns para mellorar...

A Xunta adxudica o PIA do CHUS por 1,8 millóns para mellorar o aparcadoiro e os accesos

O contrato, concedido á empresa 'Proyfe', fixa un prazo dun ano para a entrega do proxecto, que avanzará en paralelo coa planificación dos novos estacionamentos e das conexións viarias na Choupana

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Galicia deu un novo paso na reordenación viaria e funcional da contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago ao adxudicar por 1,8 millóns de euros a redacción do proxecto de interese autonómico (PIA), unha das pezas centrais para planificar a mellora dos accesos e do aparcadoiro do principal complexo hospitalario da capital galega.

A empresa ‘Proyfe, S.L.’ será a encargada de elaborar o documento e, segundo confirmou o Executivo galego, dispón dun máximo de 12 meses desde a formalización do contrato para entregar a versión definitiva. Este traballo definirá a futura ordenación do ámbito da Choupana e permitirá pechar a folla de ruta das obras que afectarán a un dos puntos máis críticos da mobilidade compostelá.

En paralelo á redacción do PIA, a Xunta avanzará nos proxectos de execución do novo aparcadoiro, así como nos de urbanización da mellora da conexión co hospital, os viarios interiores e os restantes estacionamentos previstos no entorno. Todos estes elementos forman parte do convenio de colaboración asinado en agosto de 2024 co Concello de Santiago e coas consellerías de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Sanidade e Medio Ambiente.

O Goberno autonómico lembra que asumirá o 90% do investimento destinado á ordenación do campus hospitalario e aos seus accesos, incluíndo a contratación anticipada dun aparcadoiro accesible xunto ao edificio principal e a mellora da entrada pola rúa Volta do Castro, unha das vías máis saturadas en horas punta.

Ademais, a Xunta financiará o 80% das obras vinculadas ao convenio e compromete unha achega de 3,5 millóns de euros para actuacións municipais en saneamento e abastecemento. O Concello, pola súa banda, asumirá o 20% restante das intervencións previstas e aplicará unha bonificación do 95% no imposto sobre construcións e instalacións das actuacións promovidas polo Sergas, co obxectivo de acelerar a súa tramitación.

Coa adxudicación do PIA, a administración autonómica dá luz verde ao proceso que marcará a transformación da mobilidade no principal nodo sanitario de Santiago, nun contexto no que os problemas de tráfico e estacionamento no CHUS continúan sendo unha demanda recorrente da cidadanía.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

Suspenden a audiencia contra un policía urbanístico de Santiago acusado de falsificar un informe

A Audiencia Provincial da Coruña, na súa sede de Santiago de Compostela, suspendeu este...