InicioPOLÍTICAO Pleno aproba por unanimidade restablecer a normalidade en Bombeiros e Policía...

O Pleno aproba por unanimidade restablecer a normalidade en Bombeiros e Policía Local

A Corporación insta o Goberno local a activar as convocatorias pendentes e atender as demandas laborais dos dous corpos

Publicado o

Xornal de Compostela

O Pleno do Concello de Santiago deu este xoves un paso relevante ao aprobar por unanimidade unha iniciativa para recuperar a normalidade operativa nos servizos municipais de Bombeiros e Policía Local, unha proposta impulsada polo Grupo Municipal Socialista e que contou co respaldo de todos os grupos presentes na sesión.

A concelleira socialista Marta Abad abriu o debate lembrando que tanto o parque de bombeiros como o corpo da Policía Local arrastran problemas estruturais de persoal. Subliñou que o número actual de bombeiros operativos, 44 profesionais, sitúase “moi por baixo” do preciso para garantir mínimos de seguridade. Criticou, ademais, que non se convocasen as 12 prazas vacantes, malia que tres delas contan con bases aprobadas desde novembro de 2024. No caso da Policía Local, acusou o Executivo de manter unha actitude de “evasión” malia ter enriba da mesa informes e demandas do persoal “desde principios de ano”.

A proposta socialista insta o Goberno de Compostela a convocar “con carácter urxente e antes de finalizar o ano” os procesos selectivos pendentes no Servizo de Extinción de Incendios, así como a avanzar nun calendario de negociación que dea resposta ás reivindicacións laborais de bombeiros e policías. O grupo tamén pediu explorar a aplicación do artigo 20 da Lei de Orzamentos de 2023, que permitiría crear prazas adicionais para cumprir co Plan Municipal de Emerxencias.

O voceiro das concelleiras non adscritas, Gonzalo Muíños, sumouse ás críticas á xestión municipal, afeando que tras dúas semanas anunciando unha proposta, o Goberno presentase “simplemente” unha actualización do valor da hora extraordinaria por riba da ordinaria en “un céntimo”, algo que cualificou como “unha absoluta falta de respecto”. Advertiu tamén dos riscos derivados da falta de efectivos en servizos esenciais, pondo como exemplo a atención simultánea a un accidente e un caso de violencia de xénero.

Pola banda do Partido Popular, o seu portavoz, Borja Verea, centrou as críticas na alcaldesa, á que acusou de “neglixencia” pola situación do parque de bombeiros, o peche do túnel do Hórreo e as cantidades pendentes de cobro en horas extra. O popular advertiu de que a oferta presentada polo Goberno xerou o abandono da mesa de negociación por parte dun representante sindical de CCOO e rematou pedindo a marcha da rexedora.

A resposta do Executivo chegou da man do concelleiro de Facenda, Manuel César Vila, quen lembrou que a lei mencionada pola oposición foi aprobada cando Abad era concelleira de Persoal. Afirmou que o Goberno xa incorporou aumentos de prazas nos cadros de persoal de 2024 e 2025, pero explicou que non dispoñen dos informes necesarios para avanzar máis rápido. Defendeu, ademais, que a proposta negociadora inclúe un incremento do 20% da hora extra e un compromiso de valoración de postos de traballo para actualizar complementos e conceptos retributivos “con obxectividade e dentro do marco legal”.

Co acordo plenario, a Corporación compostelá insta así ao Goberno local a activar medidas inmediatas que permitan recuperar a operatividade dos dous servizos municipais e avanzar nunha negociación que leva meses estancada.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...