InicioCULTURASantiago activa a súa programación de Nadal e chama a encher o...

Santiago activa a súa programación de Nadal e chama a encher o Obradoiro para o acendido do día 28

‘Compostela a estrela do Nadal’ combinará iluminación especial, carpas na praza Roxa e na Alameda, mercados, circo, música e actividades nos barrios ata o 7 de xaneiro

Publicado o

Xornal de Compostela

O Nadal 2025 comeza en Santiago este venres 28 de novembro co acendido das luces e a posta en marcha do programa municipal ‘Compostela a estrela do Nadal’, que se estenderá ata primeiros de xaneiro e que o Goberno local quere consolidar como a “terceira festa grande” da cidade. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, salientou que o executivo busca “un Nadal especialmente picheleiro, especialmente compostelán”, cunha programación transversal que implica diferentes áreas municipais e que suporá un investimento global arredor do millón de euros.

ACENDIDO ESTE VENRES CON ESPECTÁCULO NO OBRADOIRO

A primeira gran cita será a chamada festa do acendido, baixo o lema ‘Compostela prende o Nadal’. O dispositivo arrancará o venres 28 ás 18:30 con dúas comitivas que sairán da Carreira do Conde, á altura do Mercado de Nadal, e da Porta do Camiño, acompañadas pola agrupación folclórica Colexiata do Sar e polo grupo tradicional Os Enxebres de San Lázaro. As ruadas farán paradas nas prazas do Toural e de Cervantes, onde se irán acendendo as primeiras instalacións luminosas, antes de confluir na praza do Obradoiro arredor das 19:00.

No Obradoiro está previsto un espectáculo de circo e malabares a cargo da compañía compostelá Pistacatro e do colectivo Duelirium, que ofrecerán unha mostra do traballo co que foron recoñecidos a nivel estatal. A alcaldesa avanzou que tamén participarán artistas da danza e do circo contemporáneo e que parte da intervención se desenvolverá “nas alturas”, mais evitou desvelar máis detalles para manter o efecto sorpresa. “O que queremos é que se transmita que vai haber unha sorpresa de Nadal e que a xente estea aquí ás 19:00 na praza do Obradoiro”, resumiu.

Ese mesmo día abrirá no Obradoiro o xardín de xogos con estruturas de madeira, que funcionará durante todo o período festivo nas tardes, e comezará a actividade do Mercado de Nadal da Carreira do Conde, co seu espazo infantil de obradoiros para nenos e nenas.

A tenente de alcaldesa e concelleira de Promoción Económica, María Rozas, explicou que o deseño do Nadal mantén a aposta polos grandes espazos de encontro da praza Roxa e da Alameda, co obxectivo de reforzar o pequeno comercio fronte ás grandes superficies e ás compras en liña.

Na praza Roxa repetirase o tren de Nadal e instalarase a Carpa Roxa, operativa a partir do 5 de decembro, que acollerá máis de trinta propostas entre concertos, contacontos, cinema, maxia e obradoiros para todos os públicos. Dentro desta programación inclúense os ciclos musicais ‘Son Xove’ —con bandas que ensaian no Centro Xove da Almáciga— e ‘Son Vermú’, con actuacións ao mediodía de grupos galegos como Lidia India, Unto Vello, Sofía Espiñeira, Laura Lamontagne ou Law.

Na Alameda, a partir do 19 de decembro, o paseo central transformarase no espazo ‘Alameda en xogo’, con pista de xeo ecolóxica, rocódromo, piscina de bolas e outros xogos con horario de mañá e tarde durante as vacacións escolares. Alí celebrarase tamén unha das xornadas da ‘Ruleta Eu Merco Aquí’, iniciativa ligada ao comercio local que permite trocar tiques de compra en establecementos de Santiago por tiradas nunha ruleta con agasallos directos, tanto na praza Roxa como na carpa da Alameda.

Rozas subliñou que se trata de “propoñer actividades atractivas para que a veciñanza saia á rúa e faga as súas compras no comercio local”, e lembrou que a programación de Nadal inclúe tamén animación de rúa e o Concurso de Escaparates, aberto a establecementos de toda a cidade.

XARDÍN DAS OITO PUNTAS E ACTIVIDADES NOS BARRIOS

Un dos eixes simbólicos do programa é o ‘Xardín das oito puntas’, que toma como referencia a estrela de oito brazos asociada a Santiago. Segundo explicou Sanmartín, este xardín espállase desde o Obradoiro por diferentes puntos do termo municipal, con instalacións e árbores de Nadal en barrios como As Fontiñas, Santa Marta, San Lázaro, Vista Alegre, San Pedro, Sar, O Castiñeiriño e Conxo.

Como novidade, unha parte destas árbores serán árbores naturais xa existentes na vía pública, en lugar de estruturas de viveiro, co que o Concello pretende ligar o Nadal á posta en valor do patrimonio arbóreo da cidade. Só na Cruz de San Pedro e na praza Aurelio Aguirre, en Conxo, se instalarán árbores procedentes de viveiro.

Nos centros socioculturais urbanos e do rural programáronse arredor de 75 actividades, entre obradoiros infantís de cociña e manualidades, cursos para persoas adultas de petiscos de Nadal, centros de mesa, velas e xabróns, ademais de funcións de teatro, maxia, contacontos e visitas da Apalpadora e dos paxes reais. Rozas incidiu en que estes equipamentos funcionan como “lugar de encontro da veciñanza” tamén nestas datas.

ILUMINACIÓN ESPECIAL EN PRAZAS, PARQUES E PARROQUIAS

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, detallou as características do contrato de iluminación, que inclúe 2.955 metros de corredores luminosos, 290 arcos, 296 motivos en farois, seis carteis e oito elementos singulares, ademais da iluminación de 125 árbores, dúas rotondas e da contorna do belén de Conxo. Tamén se colocarán dous paraguas de grilandas nas prazas do Toural e Cervantes, cortinas de luz en fachadas e elementos en 23 parroquias do municipio.

O Obradoiro contará cunha árbore transitable de 20 metros de altura e cun espectáculo de luces sobre a fachada do Pazo de Raxoi, mentres que na Quintana se instalará unha gran estrela de oito puntas. O paseo da Ferradura, na Alameda, disporá dunha iluminación específica baixo o lema ‘Compostela das estrelas’, que recreará un camiño arborado sobre o que se proxectan luces que evocan a lúa e a Vía Láctea.

Fóra do contrato principal, o departamento de Turismo reforzará a iluminación en espazos como a Quintana e o paseo da Ferradura, incluíndo neste último o palco da música e a figura do apóstolo. Lueiro lembrou que todos estes elementos se acenderán ao mesmo tempo o 28 de novembro, coincidindo co acto central do Obradoiro.

O Mercado de Nadal da Carreira do Conde funcionará do 28 de novembro ao 5 de xaneiro, con preto de 90 expositores de alimentación, decoración, artesanía, deseño, xoguetes, téxtil e cosmética, e cun espazo infantil que ofrecerá obradoiros diarios para nenas e nenos a partir dos 4 anos. A oferta complétase co mercado instalado no centro comercial Área Central, activo do 20 de decembro ao 5 de xaneiro.

Outra das pezas destacadas é o belén de San Fiz de Solovio, montado polo belenista José Uzal na igrexa de San Fiz, con máis de 500 figuras, escenas en movemento e efectos de luz e son. O nacemento permanecerá aberto desde o 28 de novembro ata o 7 de xaneiro, con horarios ampliados en fins de semana e festivos, dentro dunha ruta de beléns que inclúe outros espazos de Compostela.

No apartado cultural, o programa incorpora funcións e concertos no Auditorio de Galicia, no Teatro Principal, na Casa das Máquinas e noutros espazos municipais. Entre as citas salientadas no folleto figuran o 28º ‘Circ d’hivern’, o concerto de 25 aniversario de Sumrrá, propostas familiares como ‘Llar’ ou ‘Nanuq’ no Auditorio, e diferentes recitais da Banda Municipal de Santiago e da Real Filharmonía de Galicia, incluídos os concertos de Aninovo e Reis.

A programación infantil conta cunha xornada central na ‘Festa do Apego’, prevista para o sábado 27 de decembro no Auditorio de Galicia, con actividades arredor da crianza en galego, e cun amplo calendario de obradoiros no espazo infantil do Mercado de Nadal.

O tramo final do Nadal compostelán estará marcado por tres citas. A primeira, a Carreira de San Silvestre, que sairá o 31 de decembro ás 17:00 da praza do Obradoiro. A concelleira de Festas lembrou que o ano pasado se alcanzou unha participación superior ás 2.200 persoas e que o obxectivo é seguir aumentando o número de corredoras e corredores.

Na noite do 31 de decembro, a praza do Obradoiro acollerá a festa de fin de ano, que repetirá o formato da última edición con actuación da Mekánika Rolling Band a partir das 23:30, toma das doce badaladas e cotillón popular.

Xa en xaneiro, o día 5 terá lugar a Cabalgata de Reis, que sairá ás 17:30 da praza Nosa Señora da Mercé de Conxo e percorrerá as rúas da cidade ata chegar ao Pazo de Raxoi, onde está prevista a recepción oficial da cativada arredor das 19:30. O ciclo complétase cos concertos de Reis da Real Filharmonía de Galicia, con dúas funcións do programa ‘A Cincenta’ os días 5 e 6 ás 20:30 no Auditorio de Galicia.

“UN NADAL PARA PARTICIPAR E VIVIR NAS RÚAS”

Tanto a alcaldesa como as concelleiras insistiron na idea dun Nadal pensado para a participación da veciñanza e da comarca, máis alá da simple contemplación da iluminación. “O Nadal en Santiago non é só para ver, senón para participar nel, para vivir con intensidade e para gozar nas rúas de Compostela”, subliñou María Rozas.

Sanmartín, pola súa banda, resumiu o espírito do programa co saúdo escollido polo Concello para estas datas: “Boa estrela”, en referencia á estrela de oito puntas que se converte, un ano máis, no símbolo da campaña municipal.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

A Carpa Roxa activa máis de 30 propostas para dinamizar o Nadal no Ensanche compostelán

A praza Roxa converterase, un ano máis, nun dos principais epicentros do Nadal compostelán....

O Teatro Principal e o Auditorio de Galicia acollerán 33 funcións de teatro e danza no primeiro semestre de 2026

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2026...

(FOTOS) O acendido do Nadal enche de música e público o Obradoiro

O acendido oficial das luces de Nadal de Santiago celebrouse este venres cunha gran...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here