InicioPOLÍTICARaxoi reivindica a tolerancia cero e chama a apoiar as mobilizacións do...

Raxoi reivindica a tolerancia cero e chama a apoiar as mobilizacións do 25N

O Concello centra a campaña na violencia dixital e aposta por reforzar recursos e coordinación institucional

Publicado o

Xornal de Compostela

A corporación municipal de Santiago fixo este luns unha chamada conxunta á “tolerancia cero” ante a violencia machista, nun acto institucional celebrado no Pazo de Raxoi con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A sesión, á que asistiron representantes de todos os grupos políticos e alumnado do IES Antonio Fraguas e do IES de Sar, serviu para expresar o apoio do Concello ás mobilizacións convocadas polo movemento feminista este 25 de novembro.

A alcaldesa Goretti Sanmartín abriu o encontro cunha mensaxe clara sobre a necesidade de manter o compromiso público contra as agresións machistas. A rexedora advertiu de que “non se pode dar nin un paso atrás” e subliñou que “non teñen cabida os discursos de odio nin os discursos negacionistas da violencia de xénero”. Sanmartín explicou que a campaña municipal deste ano pon o foco na violencia dixital, lembrando que “tres de cada catro novos reciben de maneira habitual comentarios violentos sobre o seu físico ou con referencias de contido sexual”.

Durante o acto interviñeron varias alumnas compostelás convidadas polo Concello, que puxeron enriba da mesa a dimensión estrutural da violencia de xénero e as súas consecuencias na vida cotiá. As mozas lembraron que esta violencia “non é un problema individual nin puntual”, senón “un sistema enteiro que quere ás mulleres en silencio”. Nunha lectura colectiva, describiron situacións habituais como non poder camiñar soas pola noite, a presión por compartir a ubicación ou o uso do móbil como “escudo” ante posibles riscos. Tamén abordaron prácticas recorrentes no ámbito dixital como o body counting, o cibercontrol, a xeolocalización ou a difusión de imaxes sen consentimento, e denunciaron a discriminación que sofren as mulleres migrantes e racializadas.

A lectura da declaración institucional comezou coa concelleira non adscrita Mercedes Rosón, que insistiu en que os avances dos últimos anos non permiten baixar a garda, dado que os datos de vítimas seguen a ser alarmantes. A socialista Marta Abal engadiu que a coordinación entre institucións “só é efectiva se conta cunha dotación de recursos económicos e persoais suficientes”.

O edil popular Borja Rubio subliñou a importancia de reforzar o acompañamento psicolóxico ás vítimas, impulsar axudas específicas para as afectadas por violencia sexual, mellorar a formación do persoal encargado da atención e garantir un plan de educación afectivo-sexual no ensino. Desde Compostela Aberta, a tenente de alcaldesa María Rozas lembrou que o Concello leva tempo aplicando medidas no marco das súas competencias, aínda que “queda moito por facer”.

A portavoz do Executivo local e concelleira do BNG, Míriam Louzao, pediu apoiar as mobilizacións deste martes e reclamou máis recursos ao amparo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ademais de manter campañas de sensibilización estables. Para pechar o acto, Goretti Sanmartín situou como prioridade avanzar no V Plan de Igualdade do Concello e reclamou á Xunta incrementar o financiamento dos centros de información ás mulleres para “baixar os cocientes e garantir o traballo preventivo e de intervención”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...