InicioPOLÍTICAO BNG reclama máis investimento da Xunta en Santiago e presenta emendas...

O BNG reclama máis investimento da Xunta en Santiago e presenta emendas por vivenda, educación e capitalidade

A fronte nacionalista denuncia a “nula empatía” do Goberno galego coa cidade e propón un paquete de medidas centrado en vivenda, infraestruturas e financiamento da capital

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz do Grupo Municipal do BNG, Míriam Louzao, e a deputada no Parlamento galego Saleta Chao presentaron este martes no Pazo de Raxoi o paquete de emendas do Bloque aos Orzamentos da Xunta de 2026 relativas a Santiago. As nacionalistas defenderon unha serie de propostas que, segundo explicaron, buscan corrixir a falta de investimento autonómico na capital galega, especialmente en ámbitos como a vivenda, os centros educativos, os equipamentos deportivos e o financiamento asociado ao Estatuto da Capitalidade.

Louzao abriu a comparecencia acusando ao Executivo galego de manter “oídos xordos” ás demandas compostelás, mesmo cando —sinalou— contan con apoio social. A portavoz municipal criticou “o trato insuficiente” que recibe a cidade, recordando que a Xunta continúa sen convocar o Consello de Capitalidade, malia que a lei obriga a reunir este órgano antes de presentar cada proxecto de orzamentos. Segundo lembrou, o presidente da Xunta comprometeuse a facelo en 2023, mais pasaron dous exercicios sen convocarse.

A responsable municipal advertiu de que a partida autonómica para a capitalidade prevista para 2026 —3 millóns de euros— está lonxe tanto das cantidades que xa se destinaban “hai 15 anos” como das recomendacións dos estudos realizados polo propio Concello. Tamén reprochou a ausencia de investimento en materia de vivenda pública en alugueiro, subliñando que, mentres Compostela non recibe apoio para esta liña, existen programas semellantes noutros concellos gobernados polo PP.

Pola súa banda, Saleta Chao detallou o conxunto das emendas rexistradas polo grupo parlamentario. A deputada explicou que as propostas se articulan en tres eixos principais: capitalidade, infraestruturas e vivenda-territorio. No primeiro apartado, o BNG pide elevar a achega da Xunta ao Estatuto da Capitalidade ata os 8,63 millóns de euros, en consonancia co último estudo dispoñible, o que supón un incremento de 5,63 millóns respecto da previsión autonómica. Tamén reclama un aumento da contribución ao Consorcio de Santiago ata case 3,8 millóns, así como ampliar ata 1 millón a achega ao Parque Comarcal de Bombeiros.

No ámbito educativo e deportivo, as emendas propoñen reforzar o investimento en centros de infantil, primaria e secundaria, ademais de habilitar novos espazos para a Escola Oficial de Idiomas e o Conservatorio Profesional de Música. Chao salientou tamén a necesidade de avanzar no proxecto dun Conservatorio Profesional de Danza, unha demanda que o BNG leva anos defendendo.

A nivel deportivo, as nacionalistas solicitaron financiamento para tres actuacións: a construción dun pavillón polideportivo no CEIP Ramón Cabanillas, a colaboración autonómica na execución do Plan Integral de Rehabilitación do Estadio Verónica Boquete, cunha achega estimada de 4 millóns, e o cofinanciamento —cun 40% da parte non cuberta polo fondo cedido ao Concello— do novo pavillón dos Salgueiriños, o que suporía arredor de 1,28 millóns de euros.

O terceiro eixo abrangue as políticas de vivenda e territorio. O BNG propón destinar 23,7 millóns ao municipio, incluíndo unha partida de 15 millóns para adquisición, rehabilitación e posta en alugueiro de vivenda pública. As emendas inclúen tamén unha primeira fase de 500.000 euros para mellorar a rede de internet no rural compostelán e un plan plurianual contra os asolagamentos, cun investimento inicial de 1 millón de euros en 2026 para proxectos e primeiras intervencións en puntos como As Fontiñas, O Viso ou a avenida de Lugo.

As nacionalistas insistiron en que se trata de “propostas realistas e viables”, xa aplicadas pola Xunta noutros municipios. Chao apelou aos deputados composteláns do PP para que “prioricen os intereses da veciñanza de Santiago” por riba das indicacións do partido.

HORAS EXTRA DE POLICÍAS E BOMBEIROS

Louzao, pola súa parte, concluíu lembrando que o Concello está á espera dunha nova reunión cos corpos de seguridade municipais para avanzar na negociación aberta sobre bombeiros e policía, e asegurou que o Executivo local traballa para que o pago das horas extra aprobadas en pleno extraordinario se incorpore á nómina de novembro. A portavoz reiterou a súa confianza en que Chao defenderá no Parlamento “todos os intereses de Compostela” nun contexto no que, advertiu, non son “optimistas” respecto ao trato da Xunta á cidade.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

UCIN Galicia inicia unha ronda de contactos en Santiago e prepara unha mobilización cidadá

UCIN Galicia abriu en Compostela un proceso de encontros con colectivos da cidade co...

O BNG pide no Parlamento profesores especialistas para o CEIP Monte dos Postes

O BNG reclamou á Consellería de Educación máis profesorado especialista no CEIP Monte dos...

O PSOE reclama utilizar as 12 prazas vacantes da UMAD para reforzar Bombeiros e Policía Local

Os concelleiros socialistas Marta Abal e Gumersindo Guinarte reclamaron esta mañá unha reacción “inmediata”...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here