InicioMOV. SOCIAISSantiago concentrarase polo 25N: a manifestación da Marcha Mundial das Mulleres sae...

Santiago concentrarase polo 25N: a manifestación da Marcha Mundial das Mulleres sae ás 20:00 da Praza 8 de Marzo

A capital galega vivirá de novo un 25N con convocatorias separadas e reivindicacións centradas na violencia institucional

Publicado o

Xornal de Compostela

A cidade de Santiago de Compostela volverá encher as rúas este martes 25 novembro, coincidindo co Día Internacional pola Erradicación da Violencia contra as Mulleres. A convocatoria principal na capital partirá ás 20:00 da Praza 8 de Marzo, impulsada pola Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres (MMM), que este ano reivindica a necesidade de “combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista”.

A organización puxo o foco na capital galega ao advertir xa nun comunicado previo que, malia coincidir hora e lugar con outras concentracións, se trata de actos independentes e non unitarios. A división do feminismo compostelán non é nova: desde 2023, tanto o 25N como o 8M celebran mobilizacións por separado tras as acusacións de “condutas transfóbicas” rexistradas hai dous anos.

A MMM reivindica que a violencia institucional “permea todos os ámbitos da vida” e impide avanzar nos dereitos das mulleres. A plataforma reclama xulgados específicos en violencia machista nas principais cidades galegas e o fin da custodia compartida imposta con maltratadores. Ademais, denuncia tamén a chamada violencia obstétrica, reclamando que se respecte o acompañamento en probas e partos, o consentimento informado e o cesamento de prácticas desaconselladas pola OMS, como a manobra Kristeller ou as episiotomías rutineiras.

As reivindicacións completan unha lista máis ampla de demandas que inclúen que as políticas de igualdade sexan centrais na acción de goberno, o cumprimento da lei integral contra a violencia machista e a presenza transversal das políticas feministas en todos os niveis institucionais.

En paralelo, as mobilizacións do 25N desenvolveranse nas principais cidades galegas ás 20:00: na Coruña, desde o Obelisco; en Ourense, desde Castañeira (San Lázaro); en Pontevedra, da Praza da Peregrina; e en Vigo, tamén con convocatoria propia de MMM desde Vía Norte. A cidade olívica acollerá, ademais, outra marcha ás 19:00, organizada pola asociación Resposta Feminista baixo o lema ‘Que a vergoña mude de bando. Feminismo sen tregua’.

En Lugo, a manifestación partirá ás 20:00 desde o Edificio da Xunta convocada pola Plataforma Feminista de Lugo, que marchará baixo o lema ‘Nin fronteiras nin portas pechadas, vivas libres e organizadas’.

En Compostela, as expectativas de participación sitúanse nun novo 25N multitudinario nun contexto de división interna, pero cunha mensaxe común: denunciar todas as violencias que afrontan as mulleres e reclamar políticas efectivas para a súa eliminación.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

A campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ dedica xuño á saúde oncolóxica e aos coidados coa colaboración de D’Aldea e Abeiratúa

A campaña '12 Comercios, 12 Sensibilidades' dedicará o mes de xuño a visibilizar o...

Traballadores de escolas infantís e centros de discapacidade colapsan San Caetano contra a precariedade laboral

O conflito laboral nos sectores da discapacidade, da atención a menores e da educación...