InicioMOV. SOCIAISTraballadores dos coidados reclaman en Santiago melloras salariais e protocolos de protección

Traballadores dos coidados reclaman en Santiago melloras salariais e protocolos de protección

A protesta, convocada pola CIG, percorreu as rúas dende a Alameda ata Praterías para denunciar precariedade laboral e a “falta de resposta” da Consellería de Política Social

Publicado o

Xornal de Compostela

A mañá deste sábado deixou en Santiago unha nova mobilización dos sectores vinculados aos coidados e á atención ás persoas, que volveron concentrarse para denunciar a situación laboral que atravesan. Persoal de residencias privadas de maiores e centros de día, do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), de protección de menores, de atención á discapacidade e de escoitas de educación infantil 0-3 anos marchou baixo a convocatoria da CIG, reunindo na Alameda a traballadores de toda Galicia.

A comitiva avanzou tras a pancarta ‘Por uns convenios dignos nos sectores de coidados e atención ás persoas’ e dirixiuse á Praza de Praterías, onde se leron os manifestos finais. Alí, representantes sindicais e empregadas puxeron o foco nunha realidade laboral que cualifican de precarizada e marcada por convenios caducados, cargas excesivas de traballo e salarios que describen como insuficientes para o labor que realizan.

Durante o acto, as traballadoras de residencias e SAF, que manteñen mobilizacións e folgas nos últimos meses, insistiron en que se atopan “fartas de que as empresas e a Xunta nos ignoren e menosprecen”, denunciando a acumulación de xornadas longas, contratos inestables e remuneracións moi baixas. Engadiron que o sector arrastra atraso na negociación colectiva e reclamaron unha intervención pública que permita avanzar cara a condicións dignas.

A crítica dirixiuse tamén á Consellería de Política Social. No manifesto, as traballadoras acusaron á conselleira Fabiola García de manter unha “complicidade” co escenario actual e afirmaron que “lonxe de tender a man o que fai é criminalizarnos por querer vivir do noso traballo”. O sindicato sostén que non hai avances reais na mellora das condicións dos centros nin na cobertura de necesidades básicas, tanto materiais como humanas.

A marcha fixo referencia, ademais, ao asasinato da traballadora do SAF no Porriño, sucedido hai varios meses, para denunciar que aínda non existe un protocolo específico e eficaz que garanta a seguridade das profesionais deste servizo. Segundo expuxeron, a falta de medios, tempos moi axustados para atender ás persoas usuarias e xornadas laborais que se prolongan en exceso continúan sendo unha constante no día a día.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O profesorado axudante doutor da USC denuncia o bloqueo das súas prazas de estabilización e esixe unha solución á Xunta

A Plataforma de Profesorado Axudante Doutor da USC denunciou este martes a situación de bloqueo...

O sindicato estudantil Fervenza celebra en Santiago a súa II Asemblea Nacional e fixa as súas próximas mobilizacións

O sindicato estudantil Fervenza celebrou este pasado sábado, 17 de outubro, a súa II...