InicioCULTURAÁrea Central celebra o festival de xogos de mesa 'Dálle Xogo!': "Xogar...

Área Central celebra o festival de xogos de mesa ‘Dálle Xogo!’: “Xogar é un lecer san que nos volve conectar coa xente”

O festival reivindica o xogo analóxico como ferramenta educativa, social e familiar nunha fin de semana marcada pola participación interxeracional

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O festival ‘Dálle Xogo!’ converte esta fin de semana Área Central nun gran punto de encontro arredor do xogo de mesa, cunha afluencia constante de familias, grupos de mozos e mozas e persoas curiosas polo universo lúdico que as editoriais e proxectos galegos e estatais trouxeron a Compostela. A iniciativa, impulsada por Kiko Cociña e Cristina Neira e apoiada pola Concellería de Mocidade, consolidouse como unha proposta que busca recuperar o xogo analóxico como práctica educativa, social e terapéutica nun momento marcado polo uso crecente das pantallas.

O carácter aberto do festival quedou patente dende o primeiro momento, cun espazo central ateigado de mesas nas que voluntariado e demostradores explicaban as regras a un público moi amplo que encheu o centro comercial, á vez que guiaban partidas e acompañaban a quen se achegaba por primeira vez a un xogo determinado. “Aquí en Dálle Xogo! temos un montón de mesas preparadas para xogar con todo o mundo, nenos pequenos ou persoas adultas”, explicaba un dos voluntarios a Xornal de Compostela, lembrando que a proposta combina xogo libre, actividades formativas e espazos de experimentación. “Os xogos de mesa son fundamentais. Fomentan o traballo en equipo, a competitividade saudable e desenvolven o intelecto dunha maneira brutal”.

UN ESCAPARATE DA CREACIÓN GALEGA E ESTATAL

A zona de proxectos permitiu coñecer a autores, ilustradores, editoriais e pequenas iniciativas que traballan a creación de xogos dende perspectivas moi diversas. Entre eles estaba Marina Calvache, responsable de Cronoaventuras, que presentou un xogo para achegar a historia galega á rapazada: “Fixen un xogo para aprender a historia do Reino de Galicia“.  “Penso que os xogos de mesa son moi importantes hoxe para estimular o pensamento crítico”, engade.

Tamén participou Muki, creadora de Muki Xogos, centrado en propostas vinculadas á montaña e á escalada. “Fago xogos de cartas de temática montañeira: ‘Cordadas’, ‘Trasnadas camiño do cumio’… calquera pode xogar porque están baseados en códigos de cores e símbolos”, explicaba. Xunto a estes, amosou ‘Gorilas!!! Escala Xogando’, un xogo pensado para quen practica escalada: “É para adestrar resistencia e habilidade no muro. Xogar é importante para todas as idades: é un lecer san, que nos relaciona con amigos e familia”.

Outra das propostas presentes foi a de Augusto e Carolina, da iniciativa Outro Jogo, chegada dende Portugal, que trouxeron un xogo cooperativo con temática ambiental. “Hai que salvar o océano, rescatar animais, recoller lixo e facer obras de arte con ese refugallo”, explicou o seu creador. Subliña tamén o seu uso en entornos educativos: “Para nós, a importancia está en que as crianzas se afasten un pouco das pantallas e desenvolvan novas competencias”.

Ademais de xogos, tamén houbo espazo para proxectos artesáns. Víctor, de Costurero Rolero, levou bolsas de dados feitas a man: “Todo é artesanal, 100% algodón e con máis de cen deseños. Son bolsas para gardar compoñentes ou dados de calquera xogo”.

No ámbito máis artístico presentouse tamén Tembo, proxecto de Álvaro, que combina ilustración e creación lúdica: “Xuntamos arte e xogos de mesa. As láminas nacen das ilustracións que faciamos para camisetas e os xogos son de creación propia, tanto na mecánica como no debuxo”. Entre as propostas destacou a liña ‘Kaboom Universe’, de xogos sinxelos e humorísticos, e outros títulos máis estratéxicos.

UN PROGRAMA PARA LEVAR AO TERREO EDUCATIVO O POTENCIAL DO XOGO

Ao longo das dúas xornadas desenvolvéronse mesas redondas, relatorios e espazos de debate nos que participaron profesionais da educación, a psicoloxía, a inclusión e o traballo social, así como entidades como a Fundación Down Compostela ou Latento. A programación puxo o foco en como o xogo de mesa pode servir para acompañar crianzas con altas capacidades, promover a accesibilidade ou funcionar como alternativa saudable ao tempo de pantalla.

Cristina Neira fixo fincapé en que unha das motivacións do festival é pechar a fenda de idades que se observa entre os 3 e os 7-8 anos, unha etapa na que moitas familias non incorporan o xogo de mesa como hábito cotidiano. Unha cuestión que tamén preocupa a nivel educativo e sanitario, onde profesionais comezan a recomendar xogos para mellorar capacidades de atención, lectura ou xestión emocional.

A concelleira de Mocidade, María Rozas, recordara días antes que o Concello apoia a iniciativa pola necesidade de ofrecer alternativas ao uso abusivo das pantallas. Falou da importancia de preservar tempos mortos nos que a rapazada poida aburrirse, imaxinar e crear, e defendeu o valor do xogo compartido fronte ás dinámicas individualizadas que se dan no lecer dixital.

TORNEOS, ZONA DE PROTOTIPOS E LUDOTECA DE PRÉSTAMO

A estrutura do festival permitiu combinar espazos de xogo libre —co apoio da Asociación 6d6, que xestionou a ludoteca de préstamo— con áreas de prototipos nas que autores galegos testearon novas mecánicas e recibiron feedback do público. A isto sumáronse torneos oficiais de xogos familiares e estratéxicos, como ‘Strategeti’, ‘Pelusas’ ou ‘Hitster’, que reuniron participantes de diferentes puntos do país.

O ambiente foi constantemente participativo, cun fluxo continuo de persoas que se achegaban a probar xogos, participar en demostracións ou asistir ás charlas. O festival culminou cun concerto familiar de Patrick, músico vinculado ao Centro Xove da Almáciga, completando así unha proposta na que se integraron creación local, participación cidadá e contidos educativos.

A sensación xeral entre o público e a organización foi de satisfacción e vontade de continuidade. “Están todos convidados a vir a Dálle Xogo, un festival con moreas de xogos nas mesas, entrada de balde, e no que nos gustaría que viñésedes desfrutar connosco”, convidaba o coorganizador Kiko Cociña.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

A Carpa Roxa activa máis de 30 propostas para dinamizar o Nadal no Ensanche compostelán

A praza Roxa converterase, un ano máis, nun dos principais epicentros do Nadal compostelán....

O Teatro Principal e o Auditorio de Galicia acollerán 33 funcións de teatro e danza no primeiro semestre de 2026

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2026...

(FOTOS) O acendido do Nadal enche de música e público o Obradoiro

O acendido oficial das luces de Nadal de Santiago celebrouse este venres cunha gran...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here