InicioCULTURAO Festival 'Dálle Xogo' leva os xogos de mesa a Área Central...

O Festival ‘Dálle Xogo’ leva os xogos de mesa a Área Central para ofrecer alternativas ao ocio con pantallas

O evento, impulsado coa colaboración da Concellería de Mocidade, desenvolverase este venres pola tarde e o sábado durante todo o día con torneos, charlas e espazos de xogo en familia

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Festival ‘Dálle Xogo’ chega esta semana a Área Central como unha proposta de lecer centrada nos xogos de mesa e pensada para familias, adolescentes e mocidade. A concelleira de Mocidade, María Rozas, presentou a iniciativa acompañada de Kiko Cociña e Cristina Neira, impulsores do evento. O encontro desenvolverase este venres pola tarde e o sábado durante toda a xornada, cun programa que combina xogos libres, torneos, espazos de demostración, zonas de prototipos e un completo calendario de conferencias e mesas redondas.

Rozas explicou que o Concello se suma ao festival porque comparte o seu obxectivo central: reivindicar o xogo analóxico fronte ao uso abusivo das pantallas, especialmente entre a poboación máis nova. Lembrou que dende a Concellería de Mocidade se levan tempo promovendo programas de prevención do abuso de pantallas en centros educativos e con familias, e advertiu de que diferentes estudos e especialistas coinciden en sinalar que o uso excesivo de dispositivos dixitais ten consecuencias “a moitos niveis, tanto físicos como psicolóxicos e mesmo na capacidade de socialización”.

A concelleira insistiu tamén en que esa presenza constante das pantallas reduce os tempos mortos necesarios para parar e pensar: “As pantallas non deixan ese tempo que deberamos ter sempre para aburrirnos, e o aburrimento é un estímulo para potenciar a creatividade, a reflexión e a autonomía”. Por iso, salientou que o festival quere poñer no centro o valor do xogo, non só na educación e na socialización, senón tamén na vida familiar, como ferramenta para compartir tempo en común fronte a formas de lecer máis individualizadas.

A responsable de Mocidade recoñeceu, ademais, a súa propia afección polos xogos de mesa e mostrouse convencida da boa acollida da proposta: “Estou convencidísima de que este evento vai ser un éxito e de que haberá unha segunda edición”. Segundo indicou, se non formase parte do goberno municipal acudiría igualmente “a título individual” e en familia, pola atracción que considera que vai ter para o público.

UN PROGRAMA CENTRADO NO VALOR EDUCATIVO, SOCIAL E TERAPÉUTICO DO XOGO

Durante a súa intervención, Cristina Neira detallou a programación, deseñada para favorecer espazos de encontro interxeracional arredor dos xogos de mesa. O venres abrirase o festival cunha mesa redonda sobre “o poder do xogo de mesa”, na que participará a Fundación Dawn Compostela, que emprega estes xogos no seu traballo con rapazada, unha mestra que leva anos incorporando o xogo á aula e unha familia que relatará a súa experiencia como fogar no que xogar forma parte da rutina compartida.

Ese mesmo día intervirá tamén Julio Rodríguez, que abordará o impacto das pantallas no neurodesenvolvemento e na saúde mental da poboación máis nova, e explicará como os xogos de mesa poden funcionar como alternativa saudable dentro do lecer habitual.

O sábado pola mañá a programación continuará coa participación de Lucía Coutado, educadora social, que falará de alternativas saudables ás pantallas a través dos xogos de mesa. Tomará o relevo ‘Latento Servizo Integral de Altas Capacidades‘, que exporá como o xogo de mesa pode servir de ponte para acompañar talento e sensibilidade no fogar, e como contribúe ao desenvolvemento das crianzas con altas capacidades.

A continuación presentarase o proxecto GLIRP, creadoras de contido especializadas en inclusión, que explicarán as posibilidades dos xogos de mesa como ferramenta para avanzar na accesibilidade e a participación de persoas con diversidade funcional. Neira lembrou que xa participaron en festivais estatais como ‘Interocio’ en Madrid, onde expuxeron xunto á Fundación ONCE ideas para facer os xogos máis inclusivos. A organización avanzou que traerán ao festival algunha “sorpresa”, aínda que sen desvelar detalles.

Ao longo de toda a xornada manterase tamén unha zona de xogo libre con propostas creativas e de construción, na que as familias poderán experimentar con diferentes xogos e dinámicas ao seu ritmo.

CONFERENCIAS, APRENDIZAXE BASEADA EN XOGO E CONCERTO FINAL DE PATRICK

Na sesión de tarde do sábado, o propio equipo de ‘Salma Mater’ ofrecerá unha charla sobre “o que nos ensina o xogo”, na que abordarán como a aprendizaxe baseada en xogo (ABX) pode integrarse na vida familiar e no ámbito educativo, máis alá das contornas estritamente escolares. Non será unha formación dirixida só a profesionais, senón un espazo pensado para que as familias reflexionen sobre como introducir o xogo de mesa como hábito cotián.

O tramo final do programa contará coa intervención de Manu Velasco, mestre moi seguido no ámbito educativo estatal e autor de varios libros e do coñecido blog Ayuda para Maestros. A súa charla xirará arredor das pantallas acendidas e da incidencia que teñen na creatividade, na imaxinación e no tempo de xogo libre, en liña coas reflexións formuladas pola concelleira de Mocidade durante a rolda de prensa.

Como peche da actividade, o festival rematará cun concerto acústico de carácter familiar a cargo de Patrick, músico vinculado ao Centro Xove da Almáciga, que forma parte da rede de centros socioculturais da cidade. María Rozas subliñou que esta elección encaixa na vontade da Concellería de integrar artistas que ensaian e traballan nos centros municipais na axenda cultural de Santiago, facilitando que estes espazos tamén sirvan de plataforma para a creación local.

ZONAS DE XOGOS, VOLUNTARIADO E TORNEOS NACIONAIS

Ademais do programa de debates e relatorios, o Festival ‘Dálle Xogo’ contará con diferentes áreas delimitadas no interior de Área Central. Nunha primeira zona situaranse editoriais e proxectos vinculados aos xogos de mesa, entre elas varias selos galegos como Perfect, Crecer Creando, Brazolinda e O Zoco, xunto a editoriais doutras comunidades, como Mileva Games (Asturias) ou Tempo Games (Cantabria).

Nun segundo espazo haberá mesas con demostradores e demostradoras voluntarias, que explicarán as regras e dinámicas dos xogos ás persoas asistentes. A organización quixo destacar o papel deste voluntariado, ao sinalar que sen o seu labor sería moi difícil sacar adiante un festival no que o público poida sentarse, aprender e xogar de maneira continuada.

Ao final do percorrido instalarase unha zona de xogo libre en formato de ludoteca de préstamo, con xogos cedidos por outras editoriais, que estará xestionada pola Asociación 6d6 de Santiago. Esta asociación disporá tamén dunha pequena mesa informativa para presentar as súas actividades e facilitar que quen o desexe poida sumarse ao colectivo.

O programa complétase cunha zona de prototipos, na que autores e autoras galegas presentarán e testearán os seus xogos, en quendas que irán variando ao longo do sábado pola mañá e pola tarde. Por outra banda, o ‘Espazo de Lecer María Miramontes’ organizará unha actividade propia dentro dos seus “sábados temáticos”, coa idea de propoñer ás familias un percorrido polo festival que permita descubrir o sentido educativo do xogo, posiblemente a través dun sistema de “pasaporte” ou dinámicas similares, segundo avanzaron desde a organización.

Ao longo das dúas xornadas desenvolveranse tamén varios torneos oficiais, entre eles un Torneo Nacional de Strategeti, outro de Pelusas, un dos xogos familiares máis coñecidos, e o torneo de Hitster, un xogo musical orientado a público a partir da adolescencia que, segundo explicou Neira, adoita ter moita demanda.

FENDAS DE IDADES E O PAPEL DAS FAMILIAS NO HÁBITO DE XOGAR

En resposta a unha pregunta de Xornal de Compostela sobre a situación dos xogos de mesa entre a mocidade, Neira sinalou que perciben un repunte claro do interese polos xogos entre a xente nova, especialmente na mocidade e nos mozos e mozas de entre 20 e 30 anos, que comezan a substituír parte do ocio nocturno por encontros en casas para cear e xogar partidas.

Con todo, advertiu dunha fenda moi marcada nas idades temperás, aproximadamente entre os 3 e os 7-8 anos, nas que se detecta “unha falta de xogo moi grande”. Segundo explicou, nesa etapa os xogos de mesa poderían servir para traballar cuestións como o respecto das quendas, a interiorización de normas ou a xestión da frustración, mais moitas familias non incorporan ese hábito.

Desde a organización apuntaron tamén que profesionais da pedagoxía, a psicoloxía e outros ámbitos sociosanitarios recomendan xogos de mesa como complemento ás terapias tradicionais, por exemplo en casos de dificultades de atención, lectura, escritura ou aprendizaxe matemática. Nalgúns fogares, a recomendación profesional está a propiciar unha volta aos xogos de mesa a partir dos oito anos, cando aparecen estes problemas, malia que non houbese un uso continuado na primeira infancia.

Neira insistiu na idea de que o festival non pretende funcionar como ludoteca para deixar as crianzas mentres as persoas adultas fan outras compras ou xestións, senón como un espazo de participación conxunta: “Tes que sentarte ti e xogar tamén, porque é xogo en familia e é xogo compartido”. Ao seu xuízo, en Galicia segue moi presente a idea de que “as persoas adultas non xogan” e de que a partir de certa idade se é “moi maior” para facelo, algo que consideran necesario cuestionar.

NOVO SERVIZO MUNICIPAL PARA ATENDER CAÍDAS E PROBLEMAS DE MOBILIDADE NO FOGAR

Ao remate da presentación do festival, María Rozas aproveitou a rolda de prensa para explicar un novo recurso dos Servizos Sociais Municipais posto en marcha a finais da semana pasada: un “servizo municipal de atención inmediata” para caídas non sanitarias e outras incidencias relacionadas coa mobilidade no domicilio.

Trátase dun dispositivo contratado cunha empresa de ambulancias e persoal sanitario que pretende dar resposta a situacións detectadas nos últimos anos, principalmente de persoas maiores que viven soas ou con pouca rede de apoio, que sofren unha caída na casa ou no portal e non son quen de levantarse polos seus propios medios, sen que exista unha lesión que requira atención de urxencias. A concelleira puxo como exemplo o caso dun matrimonio de máis de 80 anos, que vive só e que o pasado fin de semana precisou esta intervención: o home caeu e a muller non tiña capacidade física para axudalo a incorporarse.

O servizo contempla tamén outras incidencias, como averías de ascensores que impiden a persoas con mobilidade reducida acceder á súa vivenda ou traslados urxentes a residencias ou recursos sociais que precisan dunha ambulancia pero non supoñen unha emerxencia sanitaria. Segundo Rozas, os datos de 2024 recolleron “moitísimos avisos” deste tipo, incluídos os rexistrados durante o día do apagón eléctrico, o que levou o Concello a artellar unha resposta específica desde o ámbito social.

Este novo recurso funcionará as 24 horas dos 365 días do ano e poderá activarse a través de diferentes canles: os dispositivos de teleasistencia municipal, a Policía Local, os propios Servizos Sociais ou o 112, co que se acordou un protocolo. Se a chamada ao 112 permite concluír que non hai unha lesión que deba atender o servizo sanitario de urxencias, activarase entón o dispositivo municipal.

Rozas enmarcou esta prestación dentro do obxectivo de favorecer que as persoas poidan vivir no seu domicilio o máximo tempo posible, acompañándoas nas necesidades que van xurdindo coa idade ou co deterioro da saúde. Considera que este servizo, que cualificou de “bastante innovador”, complementa outras medidas de emerxencia social xa existentes no Concello e responde a unha realidade detectada polos equipos municipais no día a día.

ÚLTIMAS

O Compos amplía a vantaxe na cabeza tras vencer pola mínima ao Arosa

A SD Compostela continúa firme no alto da clasificación tras superar este domingo ao...

Verea pide ao goberno de Santiago que aclare a súa postura sobre o turismo ante a caída de visitantes

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, urxiu ao executivo de BNG e...

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

A itinerancia do Gaiás supera os 55.000 visitantes e estende a súa pegada cultural por Galicia, España e o exterior

O programa de itinerancias expositivas promovido pola Cidade da Cultura continúa a medrar no...

A Carpa Roxa activa máis de 30 propostas para dinamizar o Nadal no Ensanche compostelán

A praza Roxa converterase, un ano máis, nun dos principais epicentros do Nadal compostelán....

O Teatro Principal e o Auditorio de Galicia acollerán 33 funcións de teatro e danza no primeiro semestre de 2026

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2026...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here