InicioSANTIAGOAMESAmes aproba un suplemento de crédito para activar unha nova campaña dos...

Ames aproba un suplemento de crédito para activar unha nova campaña dos Bonos Consuma

A sesión extraordinaria do pleno inclúe tamén a despedida de 'Carmen Porto', que renuncia á área de Educación e Mocidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames celebrou este martes un pleno extraordinario no que se aprobaron dous asuntos que marcaron a sesión: por unha banda, a renuncia de Carmen Porto Rey como concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade; por outra, a aprobación unánime dun suplemento de crédito de 60.000 euros para impulsar unha nova edición dos Bonos Consuma, programa destinado a fortalecer o comercio local.

A dimisión de Carmen Porto centrou boa parte do pleno. Na súa intervención, explicou que a decisión chega tras “un proceso meditado” e agradeceu o apoio recibido durante os dous anos e medio nos que asumiu a responsabilidade das áreas de educación e mocidade. Porto fixo balance do traballo realizado, lembrando a actualización das ordenanzas dos servizos de conciliación e das escolas infantís municipais, a posta en marcha da Cociña central municipal, o reforzo do apoio aos centros educativos e o impulso de iniciativas como o Club da Mocidade, a mellora da Factoría de Biduído ou a creación do Consello Municipal da Xuventude. Admitiu tamén que houbo etapas “complexas”, citando momentos de tensión política e a xestión da alerta polo norovirus en Ventín.

A despedida contou co recoñecemento dos catro grupos con representación municipal. A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, destacou “a valentía” da concelleira ao asumir responsabilidades “nunha das áreas máis sensibles”. Desde o BNG, Escarlata Pampín puxo en valor “o compromiso co concello e coa veciñanza”, mentres que a popular Oliva Agra definiu a etapa de Porto en tres ideas: “valentía, compromiso e dedicación”. Pola súa banda, o voceiro socialista, Víctor Fernández, subliñou que para o seu grupo é “un día triste”, pero recoñeceu que se trata dunha decisión “madura e responsable”. Pechou as intervencións o alcalde, Blas García, lembrando a incorporación de Porto ao equipo municipal e apelando á necesidade de “reflexionar colectivamente sobre os límites da acción política”.

No segundo punto da orde do día, a Corporación aprobou por unanimidade o suplemento de crédito 4/2025, que permitirá activar unha nova campaña dos Bonos Consuma a finais deste ano. O programa, que leva catro edicións consecutivas, busca dinamizar as vendas no comercio de proximidade coincidindo coa campaña de Nadal. Dos 60.000 euros consignados, 20.000 proceden de remanentes dunha convocatoria de subvencións e os 40.000 restantes do remanente de tesourería.

Segundo informou o goberno local, esta achega extraordinaria responde á necesidade de dotar de crédito específico un programa que non figuraba no orzamento prorrogado. O executivo argumenta que a iniciativa non pode atrasarse ata 2026, xa que a súa posta en marcha neste momento permitirá reforzar a actividade do pequeno comercio e evitar que o consumo se desvíe a outros municipios da área compostelá.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

Ames activa a Comisión da Seca e prepara un arranxo provisional na presa da Ponte Maceira

O Concello de Ames reuniu este martes a Comisión da Seca para avaliar a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here