InicioMOV. SOCIAISCentos de bombeiros forestais reclaman en San Caetano traballo todo o ano...

Centos de bombeiros forestais reclaman en San Caetano traballo todo o ano e unha negociación inmediata coa Xunta

A protesta, convocada pola CIG, reuniu este luns centos de traballadores diante da sede do Goberno galego para denunciar o cesamento de 938 fixos descontinuos e pedir un servizo 100% público

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Os arredores da sede da Xunta en San Caetano acolleron este luns unha nova mobilización dos bombeiros forestais da Xunta, convocada pola CIG-Autonómica ás 11:30, para denunciar a finalización do contrato de 938 profesionais fixos descontinuos e reclamar unha reformulación profunda do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios (SPIF). A protesta tivo como pano de fondo a vaga de lumes deste verán —con máis de 120.000 hectáreas arrasadas— e a ausencia de diálogo coa Consellería do Medio Rural, que o sindicato cualifica de “parálise total”.

A mobilización deixou imaxes de numerosos traballadores concentrados fronte ao edificio administrativo, nunha xornada marcada polo chamamento sindical a unha “revisión integral” do sistema galego de prevención e extinción. Dende a CIG lembraron que outras comunidades autónomas avanzaron na mellora das condicións laborais e salariais, mentres en Galicia, denuncian, a Xunta “ignora as necesidades do servizo e incrementa a externalización”.

No arranque da protesta, Xúlio Saiáns, bombeiro forestal e delegado da CIG, cualificou de “símbolo evidente do problema” que arredor de 940 compañeiros rematasen onte o contrato pese á necesidade de manter equipos operativos durante todo o ano. O representante sindical subliñou que o colectivo podería asumir traballos de restauración das áreas queimadas e tarefas de prevención, e reclamou ao Executivo galego “sentarse a negociar canto antes”. Saiáns advertiu que “a Xunta non está facendo unha valoración responsable do que pasou este verán”, e que as reivindicacións permanecen sen resposta dende agosto.

O delegado sindical cualificou de “surrealista” que o Goberno galego reclame máis medios estatais mentres “mantén precarizado o seu propio servizo”, e lembrou que este ano se cubriron “dúas quendas de vacantes en pleno mes de agosto”, en pleno pico de actividade. Tamén alertou sobre o risco que supón para as brigadas a entrada de persoal “con moi pouca ou ningunha formación” en incendios forestais, un escenario que, ao seu xuízo, pon en perigo tanto ás cuadrillas como ás aldeas afectadas polos lumes.

A CIG-Autonómica presentou recentemente un documento completo de propostas, remitido ao Parlamento, no que solicita desde a negociación anual do PLADIGA á recuperación das brigadas en espazos naturais protexidos, o desdobramento das cuadrillas, a apertura de casetas de vixilancia pechadas ou a eliminación das contratas privadas para avanzar cara a un servizo integramente público. No ámbito laboral, o sindicato reclama a transformación dos contratos fixos-descontinuos en fixos de 12 meses, protocolos de mobilidade e pernocta, igualdade salarial entre persoal laboral e funcionario, procesos selectivos anuais e avaliación dos riscos derivados dun traballo cada vez máis esixente.

A protesta produciuse tamén nun contexto de crecente preocupación pola evolución dos incendios de sexta xeración, un fenómeno que expertos consideran cada vez máis frecuente e practicamente imposible de controlar con medios convencionais. Este mesmo luns inauguráronse en Lugo as XXXVI Xornadas Luis Asorey, organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Lugo, centradas precisamente nos retos que estes incendios supoñen para o territorio e os equipos de extinción.

Ao pé de San Caetano, Saiáns insistiu na necesidade dun plan de formación “en serio” que permita garantir a seguridade do persoal. “Se melloramos o servizo, melloramos a resposta”, sinalou, lembrando que a repetición das vagas de lumes é cada vez máis frecuente e que o cambio climático agrava un escenario que, ao seu xuízo, a Xunta non está a afrontar con responsabilidade.

A CIG reiterou que só un proceso de diálogo real e a aposta decidida por un modelo público, estable e dotado de medios propios poderá garantir que Galicia responda adecuadamente aos desafíos dun territorio cada vez máis exposto aos incendios extremos.

ÚLTIMAS

O Compos amplía a vantaxe na cabeza tras vencer pola mínima ao Arosa

A SD Compostela continúa firme no alto da clasificación tras superar este domingo ao...

Verea pide ao goberno de Santiago que aclare a súa postura sobre o turismo ante a caída de visitantes

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, urxiu ao executivo de BNG e...

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Os Bombeiros volven alertar da situación: Santiago respondeu con 9 bombeiros ao que Toledo afrontou con 20

A situación do servizo municipal de bombeiros volveu ao centro do debate en Santiago...

Corredores da Ulloa chegan a Santiago para denunciar os proxectos de Altri e da Mina de Touro

Un grupo de 14 corredores federados, vinculados á asociación Ulloa Viva e á Plataforma...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here