InicioSANTIAGOAMESA Feira do Monte reúne máis de vinte expositores e dous días...

A Feira do Monte reúne máis de vinte expositores e dous días de actividades sobre o monte galego

A quinta edición da iniciativa amesá abriu cunha ampla participación veciñal e un programa que combina oficios tradicionais, obradoiros, música e degustacións até o domingo ás 15:00

Publicado o

Xornal de Compostela

O campo da festa de Trasmonte acolle este fin de semana unha nova edición da Feira do Monte ‘Tanto Monte, Monte Tanto’, un encontro que o Concello de Ames organiza co obxectivo de poñer en valor o monte galego, divulgar os seus usos tradicionais e amosar a diversidade de produtos que dependen directamente deste recurso. A programación esténdese durante as xornadas do sábado 15 e o domingo 16, neste último caso até as 15:00, e combina demostracións, exposicións permanentes, obradoiros e unha ampla oferta gastronómica.

A apertura contou coa presenza do alcalde, Blas García, e do concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, acompañados por membros do goberno local e da corporación. García expresou que para el supón “unha alegría” celebrar este evento fóra dos grandes núcleos urbanos, destacando que Trasmonte se converte unha vez máis nun espazo de encontro en plena ruta do Camiño de Santiago. Engadiu que o executivo municipal pretende seguir apostando pola feira para visibilizar produtos e oficios ligados ao monte.

Antelo, pola súa banda, agradeceu a implicación dos expositores e do persoal municipal e salientou que a feira “vai incrementando a afluencia de xente ano tras ano”, consolidándose dentro do calendario galego. Subliñou tamén o compromiso do Concello cun modelo de monte sustentable, que respecte a biodiversidade e dea continuidade aos oficios tradicionais.

Nesta edición participan 22 expositores chegados de distintos puntos do país, con propostas que van desde o aceite, os produtos derivados da castaña ou o mel, até o fiado de la de ovella, a artesanía en madeira, os instrumentos musicais, os produtos de porco celta ou os cestos de medula. Entre os participantes figuran entidades como Aceites Embruxo, Amarelante, Apicultura Val do Dubra, Barbudos, Cabanas Rural, Queixería Gaia Gourmet, Recuncho Artesán, Teo Berries, Toxogel ou Xosé Tuñas Percusión, entre outros.

O programa inclúe catro exposicións permanentes —fiado de la, torneado en madeira, instrumentos artesáns e cestería— e tres obradoiros, dedicados á cestería de láminas, ás gaitas con herbas e ao estampado con tintas naturais. Ademais, mantéñense as degustacións gastronómicas, que nesta edición ofrecen pizzas elaboradas con produtos do monte, hamburguesas de vaca de cría extensiva, doces, chicharróns de porco celta e receitas tradicionais como o xabarín con castañas. A carpa instalada no recinto garante que a meteoroloxía non condicione a asistencia.

Ao longo das dúas xornadas tamén se programan actuacións de música tradicional, con grupos locais como Airiños do Paseo de Colón, A Requinta da Maía e As Pandereteiras da Costaneira. Paralelamente, a feira incorpora unha saída micolóxica por Trasmonte, seguida dun espazo para identificar e expoñer os cogomelos recollidos, coordinado pola asociación Brincabois.

O domingo, ás 12:00, o recinto acollerá ademais a entrega de premios do V Concurso de Fotografía ‘Enfoca Ames 2025’, que pechará unha edición marcada pola alta participación e pola vontade municipal de reforzar o vínculo entre o territorio amesán e o seu patrimonio natural.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

A Garda Civil detén dúas persoas por roubos en garaxes comunitarios do Milladoiro

A Garda Civil, coa colaboración da Policía Local de Ames, detivo dúas persoas e...

Ángel Carracedo ingresará como académico de número na Real Academia Nacional de Medicina

O profesor Ángel Carracedo, veciño da parroquia amesá de Bugallido, foi elixido novo académico...

O BNG reclama á Xunta un plan urxente para corrixir as deficiencias estruturais dos centros educativos de Ames

A deputada do BNG no Parlamento galego, Saleta Chao, reclamou á Consellería de Educación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here