InicioMOV. SOCIAISAs urxencias do CHUS volven colapsarse e a Asociación de Pacientes denuncia...

As urxencias do CHUS volven colapsarse e a Asociación de Pacientes denuncia o uso dos corredores para atender persoas graves

O colectivo alerta dunha situación “permanente” e reclama abrir camas e garantir a dignidade das persoas ingresadas

Publicado o

Xornal de Compostela

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou este sábado a situación que, segundo indican, se viviu no Servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago entre os días 12 e 14 de novembro. O colectivo asegura que os corredores de acceso ao servizo se están a empregar como espazo de “aparcamento” para persoas en cadeiras de rodas e padiolas, incluíndo pacientes graves, á espera de poder acceder aos postos habilitados para a asistencia.

Nun comunicado, a entidade critica que esta práctica se estea a normalizar, e afirma que a colocación de persoas enfermas nunha zona de paso supón un “maltrato asistencial”, ademais dunha vulneración da intimidade dos pacientes. Sinalan que esta situación “mutila” a imaxe das persoas que atravesan episodios de dor ou deterioración física, e que deberan ser atendidas en condicións de privacidade.

A asociación detalla que tivo coñecemento do ocorrido a través dun paciente presente nos tres días sinalados. O 12 de novembro, ás 21:45, contabilizáronse 13 persoas nos corredores, das cales só tres puideron entrar en boxes media hora despois. Na madrugada do 13, ás 01:00, sete pacientes continuaban na mesma zona. O 14 de novembro, arredor das 19:30, a situación cualifícase como “especialmente grave”, con 20 pacientes graves colocados nos corredores.

O colectivo asegura que estas circunstacias se repiten de forma permanente nos últimos meses, e lembra que nalgúns momentos chegaron a rexistrarse ata 50 pacientes con ingreso asignado, pero á espera de cama dispoñible, ocupando espazos de observación e de atención mentres os corredores se enchían.

Os datos do ‘Pulso do CHUS’ achegados pola Asociación apuntan que entre as 08:00 do día 12 e a mesma hora do día 13 foron atendidas 487 persoas, con 75 ingresos, e unha ocupación do 89% das camas. Nas 24 horas seguintes, o servizo atendeu 485 pacientes e rexistrou 66 ingresos, con ocupación do 87%. Pese a estas cifras, lembran que o volume de demanda foi inferior ao rexistrado en picos de 2023, cando se superaron as 550 atencións diarias e tamén se produciron colapsos.

A Asociación vincula estes problemas ás demoras crecientes na atención primaria, que, segundo indican, chegaron a situarse entre 7 e 12 días en consultas de primeira cita por unha doenza nova en centros de saúde como Vite, Fontiñas, Concepción Arenal, Padrón ou Lalín, nos días 16 e 17 de outubro. En moitos casos, aseguran, estas esperas son incompatibles con doenzas que precisan diagnóstico rápido, polo que os pacientes acaban recorrendo ás urxencias hospitalarias.

O colectivo denuncia tamén un déficit estrutural de persoal sanitario nos servizos especializados do CHUS, que estaría a impedir abrir camas dispoñibles por falta de facultativos e de profesionais de enfermería. Afirman que esta carencia converte Urxencias nun “almacén de pacientes” á espera de acceder á planta hospitalaria.

Por todo isto, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS esixe que se respecte a dignidade e intimidade das persoas atendidas, que se poñan en uso as camas dispoñibles no momento en que son demandadas polos facultativos e que se cumpra a Lei 8/2008 de Saúde de Galicia no que atinxe ao funcionamento das urxencias. O colectivo pide que se poña fin á práctica de situar pacientes nos corredores e reclama medidas para garantir unha atención sanitaria “nos espazos e condicións previstas para ela”.

ÚLTIMAS

O Compos amplía a vantaxe na cabeza tras vencer pola mínima ao Arosa

A SD Compostela continúa firme no alto da clasificación tras superar este domingo ao...

Verea pide ao goberno de Santiago que aclare a súa postura sobre o turismo ante a caída de visitantes

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, urxiu ao executivo de BNG e...

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Os Bombeiros volven alertar da situación: Santiago respondeu con 9 bombeiros ao que Toledo afrontou con 20

A situación do servizo municipal de bombeiros volveu ao centro do debate en Santiago...

Corredores da Ulloa chegan a Santiago para denunciar os proxectos de Altri e da Mina de Touro

Un grupo de 14 corredores federados, vinculados á asociación Ulloa Viva e á Plataforma...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here