InicioECONOMÍAO PP de Santiago presenta un plan de choque para reactivar o...

O PP de Santiago presenta un plan de choque para reactivar o comercio e apoiar os autónomos

O partido debulla medidas xunto a UPTA-AGAMAR e pide cambios en mobilidade, relevo xeracional e tramitación municipal

Publicado o

Xornal de Compostela

O Partido Popular de Santiago defendeu un plan de choque para o pequeno comercio e o traballo por conta propia nunha rolda de prensa celebrada na sede de UPTA-AGAMAR en Santiago, coa participación de Borja Verea e Olaya Otero —pola formación popular— xunto co presidente da entidade, Eduardo Abad. Segundo expuxo Verea, os autónomos son “o corazón da economía compostelana” e precisan apoios concretos fronte a unha situación que cualificou de crise comercial. “Sen autónomos non hai progreso”, indicou, agradecendo a Abad “o compromiso e a dedicación” co colectivo.

Desde o PP compostelán, Verea denunciou falta de impulso municipal ao sector e apuntou a perda de actividade nas rúas. “Estamos ante un escenario de grave crise comercial, con cen negocios perdidos no último ano”, afirmou, para engadir que se ven “máis baixos baleiros” e peches en negocios tradicionais. Como resposta, avanzou catro liñas dun programa “urxente” de apoio: relevo xeracional, oficina exprés para abrir negocios, programas por áreas comerciais e espazos públicos para coworking no casco histórico.

No apartado de relevo xeracional, Verea propuxo “poñer en contacto propietarios e novos emprendedores”, bonificacións do IBI, axudas ao traspaso e incluso aluguer de locais municipais para cedelos “a prezos asumibles” a quen inicie actividade. Tamén reclamou formación práctica “tipo aprendices” para facilitar a continuidade dos negocios.

En materia de burocracia, o portavoz popular prometeu unha “oficina exprés” que dea “trato personalizado e prioritario” a quen queira abrir un establecemento en Santiago, con simplificación de trámites e axilización de prazos. O plan complétase con programas específicos por zonas, entre eles un plan de atracción de turistas e consumidores ao Ensanche, a “reactivación” de espazos como a praza subterránea do Ensanche con iniciativas de innovación cultural, gastronómica e comercial, e unha proposta para o casco histórico que inclúe unha “festa do románico” co binomio ocio–comercio–gastronomía.

A concelleira popular Olaya Otero concretou outras medidas prioritarias: reactivar a Mesa Local do Comercio “para unha participación real” do sector; un plan específico para o Ensanche; unha comisión para revitalizar o casco antigo con prioridade para oficios artesáns; e un plan urbanístico de usos comerciais que ordene e potencie a rede de espazos, facilite o acceso a baixos baleiros e promova a remuda xeracional. Otero propuxo ademais un censo dixital de locais baleiros, usos efémeros neses espazos, formación e reciclaxe profesional ante novos hábitos de consumo, máis facilidades de aparcamento con zonas exprés e conexión con aparadoiros disuasorios, a creación dos Premios Emprendemento de Santiago e un calendario estable de eventos comerciais e culturais: “A inercia non vai facer que Santiago recupere o seu pulo comercial”, dixo, defendendo “sumar esforzos e ferramentas que reforcen a competitividade do tecido local”.

Pola súa banda, o presidente de UPTA-AGAMAR, Eduardo Abad, puxo o foco nos datos de afiliación ao RETA e no impacto local: “Nestes últimos anos o réxime de autónomos medrou en Galicia e na provincia da Coruña, pero Santiago de Compostela perdeu 30 afiliados nun ano”. Ademais, referiuse a unha perda de comercios na cidade: “Antes Borja dicía que son 112 comercios que xa se perderon neste momento en Santiago de Compostela”. Para Abad, o panorama require análise e acción en varias frontes: mobilidade, envellecemento do tecido e adaptación ao consumo dixital.

No capítulo de mobilidade, Abad sinalou dificultades para chegar aos parques empresariais en transporte público, advertiu dun servizo do taxi “insuficiente” para a demanda e cuestionou a “semipeatonalización rara” no Ensanche, que ao seu xuízo xera inseguridade e perxuízos para o comercio. Tamén describiu problemas no casco histórico, onde perciben “abandono, sucidade e pouca luminosidade”, segundo o que trasladan comerciantes da zona.

Respecto do relevo xeracional, Abad alertou dun risco de substitución nos vindeiros anos: “Máis de 2.000 autónomos e autónomas en Santiago van desaparecer nos próximos tres anos por cuestións de idade; case o 20% das autónomas son mulleres maiores de 63 anos”. Nesa liña, reclamou unha oficina municipal de orientación ao autoemprego, atención específica para persoas estranxeiras emprendedoras —“preto do 20% dos autónomos en Santiago son estranxeiros”— e políticas municipais para acompañar a transformación dixital do comercio local, incluíndo sistemas de repartición competitivos fronte ás grandes plataformas en liña.

Abad insistiu na necesidade de diálogo co Concello e de maior implicación institucional: “Facemos un chamamento a que o Concello se empece a tomar en serio os traballadores por conta propia”, afirmou, subliñando que a administración local “non debe ser só un arma de recadación” senón “o ente máis interesado en desenvolver proxectos que manteñan un comercio vivo adaptado ao novo consumo”. Ao fío do debate estatal, engadiu: “Temos un problema para facer chegar as propostas ao presidente do Partido Popular; despois de sete intentos, aínda non nos recibiu”.

Verea concluíu que o PP seguirá a aportar propostasen positivo” e con “xenerosidade”, mentres Otero defendeu activar instrumentos de participación e axilizar a xestión para “recuperar o pulo comercial” da cidade. Segundo os convocantes, o paquete de medidas presentado pretende frear o peche de negocios, simplificar a posta en marcha de novas iniciativas e achegar servizos e eventos ás áreas comerciais de Santiago.

ÚLTIMAS

O Compos amplía a vantaxe na cabeza tras vencer pola mínima ao Arosa

A SD Compostela continúa firme no alto da clasificación tras superar este domingo ao...

Verea pide ao goberno de Santiago que aclare a súa postura sobre o turismo ante a caída de visitantes

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, urxiu ao executivo de BNG e...

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

A Feira Talentia supera as 25.000 visitas web e esgota a formación online a dous días da súa apertura

A Feira Talentia, organizada polo Concello de Santiago, encara a súa celebración entre o...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here