InicioSANTIAGOO Consello do Estudantado da USC chama á mobilización nas eleccións a...

O Consello do Estudantado da USC chama á mobilización nas eleccións a reitorado

O órgano representativo lembra que o voto estudantil, cun peso do 28%, pode resultar decisivo nun proceso con ata cinco candidaturas e dúas voltas

Publicado o

Xornal de Compostela

O Consello do Estudantado da USC fixo público un comunicado no que anima ao alumnado a participar activamente nas eleccións a reitorado, recentemente convocadas de maneira oficial. O órgano destaca a “transcendencia” destes comicios, que serán os primeiros celebrados baixo o marco da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) e definirán o rumbo da institución durante os vindeiros seis anos.

Segundo o Consello, a cita chega nun “momento chave” para a universidade, cunha axenda de demandas estruturais que afectan directamente á calidade de vida e á formación do alumnado. Entre as principais reivindicacións recollidas nun documento elaborado tras un proceso participativo do estudantado figuran a reparación urxente do Colexio Maior de San Clemente, o aumento das prazas públicas de aloxamento, e a regulación dos alugueiros temporais nun contexto de forte presión inmobiliaria en Santiago.

Outros eixos de actuación que o Consello pide á futura reitora abordar son a creación dunha Oficina de Diversidade independente, a mellora da Unidade de Atención Psicolóxica, o recoñecemento de baixas académicas xustificadas sen penalización, e a ampliación dos horarios das bibliotecas, así como unha aposta decidida pola mobilidade, especialmente no campus de Lugo. Tamén se solicita a revisión da normativa de permanencia e a implantación dun sistema de aprobado por compensación, ausente actualmente na USC.

O Consello lembra que o sector estudantil, cun peso do 28% no cómputo global, pode desempeñar un papel determinante ante a previsión de cinco candidaturas procedentes de distintos ámbitos do Persoal Docente e Investigador. Esta fragmentación do voto, xunto ao sistema electoral a dúas voltas, podería outorgar ao alumnado a capacidade de “desequilibrar a balanza” no resultado final. Para favorecer un voto “consciente e informado”, o Consello porá en marcha un plan de acción con debates entre as candidaturas, difusión comparada dos programas electorais e campañas informativas tanto en campus como en redes sociais.

FOMENTO DA IGUALDADE, PROMOCIÓN DA CULTURA E MELLORA DE SERVIZOS

Por outra banda, o estudantado, a través dun documento publicado polo Consello do Estudantado, recolle “demandas urxentes e estruturais que deberá abordar” quen acabe ocupando o posto. O fomento da igualdade, a promoción da cultura e a mellora dos servizos aos alumnos son os aspectos que máis preocupan aos estudantes. Solicitan que se constitúa unha oficina de Diversidade, independente á de Igualdade, que conte cunha delegada propia.

O respecto a colectivos minoritarios tamén aparece plasmado entre as súas demandas. Reclaman “xornadas formativas en antirracismo e identidades trans”, ademais dunha maior protección ao estudiantado internacional por parte da Oficina de Mobilidade. O Consello, á súa vez, considera que os 35.000 euros adicados a programas de dinamización son “insuficientes”. É por iso polo que instan ao novo reitor ou reitora a aumentar o investimento en cultura, a potenciar os programas de danza e teatro, e a realizar máis actividades en colaboración cos concellos.

Respecto da cultura, tamén solicitan un maior fomento da lingua galega. Para iso, reivindican que se impulse a docencia en galego, que o Centro de Linguas Modernas (CLM) oferte mellores horarios para os cursos de galego e que o Servizo de Normalización Lingüistica cre “dicionarios de termos específicos” en galego. Non só defenden a promoción do galego, senón de calquera outro idioma ou curso presentado polo CLM. Propoñen que os alumnos que se matriculen a calquera deses ensinos gocen de descontos na súa matrícula.

En materia de servizos ao estudiantado, resaltan as demandas acerca dunha maior flexibilidade avaliatoria. Demandan, para iso, que o sistema de avaliación continua sexa modificable cando o alumno non poida asistir por motivos xustificados e que se establezan mecanismos de suspensión temporal da matrícula sen penalización económica por causas de forza maior. As demandas publicadas polo Consello do Estudantado viran, tamén, desde a problemática da vivenda á mellora dos programas de mobilidade ofertados pola USC.

Sobre a vivenda, solicitan que se rematen as reparacións da residencia de San Clemente e que se ofrezan máis prazas públicas. Ademais, consideran que a universidade debe “avogar pola declaración de Santiago como zona tensionada”. Manter o horario das bibliotecas en período de exames, a contratación de máis persoal de limpeza e que se garanta a existencia de espazos autogestionados polos estudantes, son as principais obxeccións do Consello en materia de infraestruturas.

Sobre os programas de mobilidade, desde o Consello esixen que se “mellore a comunicación cos estudantes de Erasmus”. Á súa vez, piden que se garanta que os pagos aos alumnos de Erasmus se envíen antes do inicio do programa. O Consello do Estudantado insta tamén á USC a que, no seu papel como entidade pública, loite para que o Campus de Lugo goce dunha mellor comunicación co resto de cidades galegas e porque se “acabe coa cátedra de mobilidade de MONBUS”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

‘O Encontro’ levará á Alameda unha xornada para achegar a democracia á mocidade galega

A Alameda de Santiago de Compostela converterase o sábado 12 de setembro nun espazo...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here