InicioSANTIAGOA Asociación de Balnearios de Galicia recoñece ao doutor Juan Gestal no...

A Asociación de Balnearios de Galicia recoñece ao doutor Juan Gestal no seu 40 aniversario

O acto celebrarase o 22 de novembro na facultade de Medicina da USC, coa entrega da Medalla da Asociación ao impulsor da Cátedra de Hidroloxía Médica

Publicado o

Xornal de Compostela

A Asociación de Balnearios de Galicia conmemora o seu 40 aniversario cun acto que terá lugar o 22 de novembro na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio de Turismo de Galicia. Durante a celebración entregarase a Medalla da Asociación ao doutor Juan Gestal Otero, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, en recoñecemento á súa traxectoria e ao seu compromiso coa difusión das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais galegas.

O xerente da entidade, Benigno Amor, lembrou que a Asociación naceu hai catro décadas “movida polo convencemento do potencial e da calidade das nosas augas como factor terapéutico”. Amor destacou o labor da Cátedra creada en 2010 en colaboración coa USC, que consolidou a relación entre o ámbito médico e o sector termal. “Queremos recoñecer o labor do doutor Gestal, a súa implicación na formación dos futuros médicos e na divulgación dos beneficios das nosas augas”, subliñou.

O doutor Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, impulsou esta Cátedra xunto ao finado doutor Luis Rodríguez Míguez. Segundo explicou, a docencia de Hidroloxía Médica comezou na facultade de Medicina en 2006, e desde entón máis de 2.000 alumnos recibiron formación neste ámbito. O proxecto conta ademais co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.

Entre os retos de futuro, Gestal aposta por que “a cura balnearia sexa incorporada ás prestacións do Sistema Nacional de Saúde”, como xa ocorre en países como Italia ou Francia, o que suporía “un pulo decisivo para o medio rural galego”. Tamén avanza a implantación da historia clínica electrónica Termagal, que permitirá unificar os protocolos terapéuticos e impulsar novas investigacións sobre os efectos das augas mineromedicinais.

A Cátedra traballa, segundo Gestal, para que os futuros profesionais coñezan “as indicacións terapéuticas dos distintos tipos de augas mineromedicinais e o seu papel na prevención e rehabilitación de patoloxías crónicas”. O profesor salientou a eficacia das terapias termais en dores articulares, enfermidades reumáticas, respiratorias e dermatolóxicas, así como a súa contribución ao envellecemento activo da poboación.

No eido divulgativo, o equipo elaborou publicacións como o ‘Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia’, distribuído entre médicos e residentes das especialidades relacionadas coa saúde termal. Tamén se editaron guías para escolares e está previsto continuar con novas iniciativas educativas.

Natural de Muros (1947), Gestal é membro do Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia, académico numerario das Academias de Medicina e Farmacia de Galicia e autor de máis de 100 artigos científicos e 30 libros. Ten dirixido 53 teses doutorais e participou en 35 proxectos de investigación competitivos. Entre as súas numerosas distincións figuran a Insignia de Ouro da USC, ou a Medalla de Ouro da Academia Médico-Quirúrxica de Santiago.

A Medalla da Asociación de Balnearios de Galicia, instaurada no ano 2000, foi concedida anteriormente a personalidades como Manuel Fraga Iribarne, Josefina San Martín Bacaicoa, Luis Rodríguez Míguez ou o Imserso, entre outros. Este ano, a distinción recaerá nun dos principais referentes da hidroloxía médica galega, nun acto que servirá tamén para celebrar catro décadas de traballo conxunto entre o sector termal e a universidade compostelá.

ÚLTIMAS

A USC en mans de mulleres: catro candidatas presentaron este venres a súa solicitude para ser reitora

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) pechou este venres o prazo de presentación...

Santiago celebra 40 anos como Patrimonio da Humanidade e redefine os seus retos de futuro

Santiago de Compostela celebrou este venres o 40º aniversario da súa declaración como Patrimonio...

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

A USC en mans de mulleres: catro candidatas presentaron este venres a súa solicitude para ser reitora

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) pechou este venres o prazo de presentación...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

O Concello asegura que a maior parte das prazas de estacionamento de Xoán XXIII “están ocupadas” tras as queixas veciñais

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, confirmou...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here