InicioMOV. SOCIAISA Asociación de Pacientes do CHUS insta ao Sergas a eliminar o...

A Asociación de Pacientes do CHUS insta ao Sergas a eliminar o sistema de “axendas dinámicas” por incumprir a normativa

O colectivo reclama que se restablezan as axendas estables nos hospitais galegos e alerta do impacto emocional e asistencial da incerteza nas citas médicas

Publicado o

Xornal de Compostela

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS mantivo o pasado 4 de novembro unha reunión co xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), xunto con outras oito asociacións de pacientes, para abordar a problemática do denominado “sistema de buzón” ou “axendas dinámicas”, que —segundo denuncian— substituíu de forma progresiva as axendas estables dos hospitais galegos.

Durante o encontro, as entidades transmitiron ao responsable do Sergas que esta práctica se implantou “de maneira nada transparente” desde a pandemia e que incumpre a normativa vixente, concretamente a Orde do 13 de xullo de 2004, que establece que as axendas deben ser “o máis estables posibles” para garantir unha asistencia “accesible e de calidade” e evitar cancelacións e reprogramacións.

Segundo explicou a asociación, o actual sistema implica que os pacientes non saiban con antelación cando serán atendidos, o que xera “incerteza e sufrimento físico e emocional”, especialmente entre aquelas persoas con doenzas tempodependentes. O colectivo denuncia que moitas citas se notifican apenas con 24 ou 48 horas de antelación, o que dificulta a organización da vida cotiá e pode repercutir no proceso de recuperación e reintegración social e laboral das persoas afectadas.

Baixo o termo “axendas dinámicas”, advirten, ocúltase un método de xestión que non respecta o tempo dos pacientes nin garante o principio de estabilidade das programacións. Por iso, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS solicitou ao xerente que adopte medidas para restablecer a legalidade e eliminar este sistema en toda a rede hospitalaria galega.

Tras escoitar as súas demandas, o xerente do Sergas comprometeuse a analizar a situación cos xerentes das distintas áreas sanitarias para buscar unha solución que cumpra coa normativa. A asociación lamenta, con todo, non ter sido recibida polo conselleiro de Sanidade, como solicitara, e insiste en que o cumprimento da lei é “especialmente necesario cando se trata de persoas enfermas e vulnerables”.

Finalmente, o colectivo compostelán expresa a súa esperanza de que “esta vontade verbal se converta en feitos reais” e lembra que leva anos denunciando unha práctica que considera cruel e ilegal, por deixar en situación de indefensión a quen máis precisa dunha atención sanitaria planificada e transparente.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O profesorado axudante doutor da USC denuncia o bloqueo das súas prazas de estabilización e esixe unha solución á Xunta

A Plataforma de Profesorado Axudante Doutor da USC denunciou este martes a situación de bloqueo...

O sindicato estudantil Fervenza celebra en Santiago a súa II Asemblea Nacional e fixa as súas próximas mobilizacións

O sindicato estudantil Fervenza celebrou este pasado sábado, 17 de outubro, a súa II...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here