InicioMOV. SOCIAISA folga conxunta nos centros sociais e de educación infantil mobiliza máis...

A folga conxunta nos centros sociais e de educación infantil mobiliza máis dun milleiro de traballadoras en Santiago

A CIG denuncia servizos mínimos “abusivos” e reclama á Xunta e ás patronais que abran negociacións para mellorar as condicións laborais

Publicado o

Xornal de Compostela

A primeira xornada de folga conxunta nos centros de educación infantil até 3 anos de xestión privada, nos centros de protección de menores e reforma xuvenil e nos centros de atención a persoas con discapacidade desenvolveuse este xoves con un seguimento masivo e máis dun milleiro de persoas manifestándose en Santiago, segundo a CIG, sindicato maioritario nestes sectores.

A marcha percorreu o complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, entre consignas como “traballo feminizado, traballo precarizado”, “convenio galego, salarios dignos” e “menos discursos e máis recursos”, en referencia á conselleira de Política Social.

O responsable de Ensino Privado da CIG, Henrique García, afirmou que “todo o persoal que podía facer hoxe folga está aquí na manifestación en Santiago”, e criticou que os servizos mínimos impostos pola Consellería de Política Social impiden o exercicio deste dereito a arredor do 70 % do persoal. “Son totalmente abusivos”, engadiu.

Dende o sector da atención á discapacidade, Gómez Soto, delegada sindical en ASPANAS (Ourense), denunciou que “a Consellaría impuxo hoxe ratios menores que calquera día de traballo”, o que reduciu a participación na folga. Reclamou tamén recoñecemento ás condicións de penosidade e desgaste físico e mental que sofren as traballadoras: “É necesario coidar a quen coida”.

No ámbito dos centros de menores, Germán Estévez, presidente do comité de empresa de Monteledo (Ourense), reclamou que se trate este servizo “como un servizo público concertado e non coa precariedade actual”, con soldos “que nalgúns casos roldan o SMI”, sen pluses de nocturnidade nin perigosidade, e con ratios de menores por educador sen revisar. Tamén advertiu das dificultades para cubrir baixas e para contratar persoal cualificado.

Pola súa banda, Lucía Barros, delegada da CIG na Escola Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra, lembrou na lectura do manifesto final que as traballadoras do primeiro ciclo de infantil “son traballadoras pobres”, con salarios por baixo do SMI e ratios inasumibles de atención a nenos e nenas. “Nós non coidamos, nós educamos, e esa tarefa está claramente desvalorizada”, afirmou.

A CIG advertiu de que o convenio estatal non responde ás particularidades galegas, onde a matrícula é gratuíta grazas ás subvencións da Xunta, sen que iso teña revertido en melloras laborais.

Henrique García instou finalmente as patronais e empresas a crear mesas de negociación tripartitas no Consello Galego de Relacións Laborais e reclamou á Consellería de Política Social que interveña como mediadora. Segundo dixo, “non se pode esperar a novos pregos de contratación para aplicar as subas salariais dos convenios estatais”.

O sindicato reclama tamén que os orzamentos autonómicos de 2026 inclúan partidas específicas para mellorar as condicións laborais do persoal destes sectores. “Política Social está a tempo de rectificar”, concluíu García.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Medio cento de estudantes maniféstanse en Santiago para reivindicar a igualdade de xénero no marco do 8M

Preto de medio cento de estudantes participaron este venres nunha mobilización polas rúas do...

Galiza por Palestina pide ás candidatas á Reitoría da USC compromisos claros sobre a relación con institucións israelís

A organización Galiza por Palestina fixo público un chamamento ás candidatas que concorren á...

Chafarís e Down Compostela protagonizan en marzo a campaña municipal ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’

O Concello de Santiago presentou este mércores as actividades correspondentes ao mes de marzo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here