InicioPOLÍTICAAcordo histórico entre Xunta e universidades: Santiago seguirá tendo a única facultade...

Acordo histórico entre Xunta e universidades: Santiago seguirá tendo a única facultade de Medicina

A descentralización afectará aos tres últimos cursos do grao

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Galicia e os reitores das tres universidades galegas alcanzaron un preacordo para a descentralización do grao de Medicina, actualmente impartido na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Desta forma, as universidades de Vigo (UVigo) e A Coruña (UDC) paralizan a súa intención de crear unha facultade nos seus respectivos campus. Desta forma, estoutras dúas universidades aceptan “atrasar” a solicitude dunha facultade nos seus respectivos campus; aínda que, no caso da Coruña, “segue traballando” na súa tramitación.

Con todo, ningunha poderá presentar formalmente esta solicitude durante a vixencia do acordo porque levaría ao seu incumplimento. A Xunta tampouco poderá autorizar ningunha titulación de carácter privado. Este primeiro consenso implica que presentarán un “documento único” ao grupo de traballo establecido para a descentralización de Medicina, que se reunirá a semana que vén. “A decisión teraa que tomar o grupo de traballo, na que están representados todos os actores“, matizou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, quen anunciou esta decisión.

Fíxoo acompañado dos seus homólogos en Santiago, Antonio López, e A Coruña, Ricardo Cao, e do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o responsable autonómico de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que este xoves tiñan prevista unha comparecencia en conxunto para asinar convenios en materia de I+D+i. “Os atrancos que tiñamos vannos a permitir presentar un documento único e consensuado, que está baseado na formación de unidades docentes, tanto en Coruña como en Vigo, ademais de en Santiago. Permitirá que haxa profesorado de distintas categorías contratado polas universidades galegas”, expuxo Reigosa.

NOVAS UNIDADES DOCENTES

A descentralización afectará aos tres últimos cursos do grao, é dicir, a 4º, 5º e 6º, e permitirá que Vigo e A Coruña incorporen, polo menos, un 50% de profesorado propio. Deste xeito, as novas unidades docentes combinarán profesionais da UVigo e a UDC con outros da USC. Ademais, segundo detallou Antonio López, a repartición de alumnado será do 25 % para cada nova unidade: Santiago quedaría con 200 (por curso) e Vigo e A Coruña con 100 cada unha. “Como criterio xeral. Isto necesitará, en cada curso e cada ano, ir concretando en función das necesidades”, matizou.

En base ao preacordo, o proceso arrincaría, de forma progresiva, o curso que vén e completaríase nun prazo de tres anos, de forma que no 28/29 xa finalizaría a súa implantación. Con todo, o cumprimento revisarase cada ano a través dunha comisión de seguimento, da que aínda se descoñece quen formará parte. Este preacordo terá que ser “matizado ou corrixido” polo grupo de traballo, pero permitirá empezar a avanzar no desenvolvemento dunha docencia descentralizada: “Que sexa o mellor para a formación dos médicos e coa que todos podamos sentir útiles”, engadiu Reigosa.

“ATRASO” DA SOLICITUDE DE NOVAS FACULTADES

Tras este consenso, a UVigo e a UDC “atrasan” a solicitude de novas facultades, ao que os seus consellos de goberno deran a súa conformidade. “O acordo atrasa esa posible solicitude de titulación”, apuntou Reigosa, que se mostra “optimista” sobre o mesmo. O reitor da UDC, o primeiro en abrir a porta a unha nova facultade, ratificou que tamén “atrasan” a súa solicitude. “Isto non significa que non sigamos traballando niso”, matizou. Preguntado pola súa satisfacción, Cao afirmou: “Como dixen hai uns meses, dialogar ata a extenuación”.

Ademais de insistir na avaliación anual do cumprimento, quixo destacar, dentro do preacordo, o “mantemento” da “vinculación única” de cada hospital á súa universidade “territorialmente próxima” e das condicións dos Institutos de Investigación Sanitaria (IDIS) xunto cos hospitais correspondentes.

“PUNTO DE ENCONTRO”

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, que sempre apoiou a descentralización, amosouse satisfeito co consenso: “Todos fomos capaces de chegar, desde posicións antagónicas, a un punto de encontro”. “Estou seguro de que ningún dos que estamos aquí estamos contentos ao 100 %”, puntualizou, á vez que destacou a “confianza” e “respecto” mutuos mostrados por todas as partes. Así mesmo, o reitor da USC, na súa primeira valoración, asegurou que o preacordo “vai na liña” do que a súa universidade defendía: a “implicación” de “todo” o sistema sanitario de Galicia e “todas” as universidades. Posteriormente, nunha rolda de prensa propia –convocada con antelación–, defendeuno como unha “boa solución”, aínda que admitiu que a USC “cede bastantes cousas”.

Por exemplo, suxeriu que sería “máis cómodo” se a descentralización se puidese “dilatar máis” no tempo. “Isto ten un compromiso e é que non se poñan na mesa iniciativas de novas titulacións mentres dure o acordo. Tamén existe un compromiso para a Xunta, no sentido de que durante este tempo non deben autorizarse outras titulacións, nin públicas nin privadas, de Medicina”, clarificou. Ademais, Antonio López avanzou que, en contrapartida, o acordo consta cunha “cláusula de saída”, de forma que, no momento no que se incumpra de calquera forma, abriríase a posibilidade de implantar novas titulacións.

O REITOR DEFENDE O PACTO PERO DI QUE CEDEU EN “BASTANTES COUSAS”

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, amosouse a favor do preacordo e considera que “reforza” a “magnífica” Facultade xa existente. Con todo, asegurou que cedeu “bastantes cousas” na negociación. Así se pronunciou nunha rolda de prensa convocada –con antelación– para horas despois da comparecencia na que el e os seus homólogos (Manuel Reigosa, da UVigo, e Ricardo Cao, da UDC) deron a coñecer a noticia sobre o consenso.

O responsable da USC arrincou a súa intervención desculpándose por manter “un ton o máis discreto posible” nas últimas semanas para evitar que se puidese “complicar a negociación”. Para López, que sempre defendeu a descentralización do grao en lugar de crear novas titulacións, o consenso alcanzado vai “na liña” da aposta da USC. Esta consiste en que “a mellor solución” pasa por “manter a facultade [de Santiago] como responsable dos estudos” e descentralizala, aproveitando “todas as capacidades” do sistema sanitario galego.

Preguntado por posibles disensos pola súa banda, o reitor admitiu que houbo concesións: “A Universidade de Santiago, se mo permitides, cede bastantes cousas”. Por exemplo, aludiu a que podería ser “máis cómodo dilatar máis no tempo” o proceso de implantación. “Pero aí había tamén opinións diferentes e iso son as claves do acordo, non?”, engadiu. Con todo, reivindicou o centro educativo de Santiago como o “máis grande de España” en número de alumnos e ve o preacordo como unha forma de “abrir capacidades” para que os hospitais galegos formen “parte activa” na formación.

“A min paréceme que isto reforza unha magnífica Facultade de Medicina”, valorou. Respecto diso da intención da UDC de continuar coa tramitación da solicitude, López tirou dun devandito popular: “Cando cheguemos a ese río, cruzaremos esa ponte”. “De momento, o que temos por diante é o reto de enfrontar estes tres cursos de descentralización, convencidos de que é o mellor que podemos facer pola formación dos médicos”, finalizou.

ÚLTIMAS

O Compos amplía a vantaxe na cabeza tras vencer pola mínima ao Arosa

A SD Compostela continúa firme no alto da clasificación tras superar este domingo ao...

Verea pide ao goberno de Santiago que aclare a súa postura sobre o turismo ante a caída de visitantes

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, urxiu ao executivo de BNG e...

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

O Concello continúa as reunións coa veciñanza para abordar obras e melloras en varios barrios de Santiago

O Concello de Santiago celebrou esta semana dúas novas xuntanzas cos barrios, encontros que...

A alcaldesa destaca o impulso da Casa Xohana Torres e o crecemento do asesoramento LGBTIQ+ no Consello Municipal de Igualdade

A reunión do Consello Municipal de Igualdade, presidida este venres pola alcaldesa Goretti Sanmartín,...

A USC en mans de mulleres: catro candidatas se presentan para reitoras tras a retirada de Mar Lorenzo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) pechou este venres o prazo de presentación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here