InicioDEPORTESOs orzamentos participativos do Concello impulsan a Copa Dobre Xogo, un torneo...

Os orzamentos participativos do Concello impulsan a Copa Dobre Xogo, un torneo xuvenil que combina fútbol 5 e futbolín

A iniciativa, organizada co Centro Xuvenil Don Bosco, celebrarase os días 22 e 23 de novembro e pon o broche final ás actividades dos Orzamentos Participativos 2025

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Xuventude, María Rozas, presentou esta mañá a Copa Dobre Xogo, un novo torneo xuvenil que se celebrará os días 22 e 23 de novembro no Centro Xuvenil Don Bosco. A actividade combina un campionato de fútbol 5 e outro de futbolín, e constitúe a segunda proposta máis votada no proceso dos Orzamentos Participativos de 2025, no que a mocidade compostelá decidiu o destino de 100.000 euros do orzamento municipal.

O torneo de fútbol 5 contará con categorías feminina e masculina e un único rango de idade, de 16 a 30 anos. Cada equipo deberá estar composto por entre 8 e 12 xogadores ou xogadoras, e poderá inscribirse ata o 17 de novembro a través da web cxdonbosco.org. Os partidos xogaranse a tempo corrido, cun mínimo de dous encontros por equipo.

En paralelo, disputarase o torneo de futbolín, aberto tamén a mozos e mozas de 16 a 30 anos, con parellas masculinas, femininas ou mixtas. En ambos casos repartiranse agasallos e cheques regalo para material ou experiencias deportivas.

O responsable do Centro Xuvenil Don Bosco, Alberto Escudero, destacou que a finalidade non é a competición, senón “crear un evento lúdico e participativo, cun bo ambiente e espazos de encontro”. Ademais dos torneos, o recinto contará cunha zona de descanso, música e actividades paralelas, co obxectivo de ofrecer “unha fin de semana divertida e dinámica para a mocidade de Santiago”.

A concelleira María Rozas subliñou que con esta iniciativa “pechamos a presentación das diferentes actividades impulsadas este ano desde o departamento de Mocidade cos Orzamentos Participativos”. Rozas lembrou que durante 2025 se desenvolveron propostas moi diversas, “desde concertos como o das bandas do Centro Xove na Sala Capitol ata ciclos de cinema ao aire libre, cursos de primeiros auxilios ou eventos de cultura urbana”.

A Copa Dobre Xogo compartirá protagonismo co Ecos Fest, festival de curtametraxes e música que se celebrará entre o 20 e o 22 de novembro no Centro Xove Dalmacia, e que será a última actividade incluída neste programa participativo municipal.

Segundo a concelleira, estas iniciativas evidencian “a diversidade de intereses e a implicación da mocidade compostelá na vida da cidade”, un feito que —destacou— “se reflicte ano tras ano na calidade e variedade das propostas presentadas aos Orzamentos Participativos”.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

O Compostela cae ante o Oviedo Vetusta pese a xerar ocasións para empatar no Vero Boquete

A SD Compostela encadeou este domingo a súa segunda derrota consecutiva ao caer por...

As XIV Marchas Ciclistas de Special Olympics percorrerán Santiago con 66 participantes

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 3 de outubro a terceira das XIV Marchas...

A Selección Española masculina de baloncesto xogará en Santiago ante Grecia un partido clasificatorio para o Mundial de 2027

Santiago de Compostela acollerá o próximo 29 de novembro o partido entre a Selección...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here