As Xornadas Sexolóxicas da Asociación Estatal de Profesionais da Sexoloxía (AEPS) chegan esta fin de semana a Santiago de Compostela, co lema ‘As liñas torcidas de Eros’. O encontro desenvolverase os días 7 e 8 de novembro no Centro Sociocultural de Santa Marta, e reunirá profesionais da sexoloxía, persoas con diversidade funcional e cidadanía interesada en debater sobre a sexualidade desde unha perspectiva inclusiva e social.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Pilar Lueiro, presentou esta mañá o evento acompañada polos membros do comité organizador, Débora Baze e Alfredo Saborido. A edil destacou que o Concello “comparte plenamente os valores de diversidade, inclusión e respecto á dignidade de todas as persoas”, e subliñou que “falar de diversidade é falar de xustiza social e de feminismo”.
Lueiro incidiu en que Santiago debe seguir sendo unha cidade acolledora e diversa, “onde conflúan corpos, voces e identidades diferentes, todas válidas”. Engadiu que a sexualidade é “un feito radicalmente humano e universal” e que, como recorda o lema das xornadas, “non hai unha liña recta, senón curvas nas que se abren espazos para a liberdade e a autenticidade”.
Pola súa parte, Alfredo Saborido, da AEPS, explicou que esta asociación estatal reúne máis de 200 profesionais en todo o país, e que o obxectivo de traer as xornadas a Galicia é “escoitar máis sexoloxía e menos tabús”. Segundo indicou, moitas veces o debate sobre sexualidade está ligado “ao prohibitivo ou ao reivindicativo”, cando o necesario é “abrir portas, cultivar a sexualidade e superar os dualismos”, especialmente no referente á discapacidade.
As xornadas, de carácter aberto e participativo, abordarán a sexualidade desde unha óptica integral, con especial atención ás persoas con diversidade funcional, cognitiva, sensorial e orgánica. Baze explicou que será un evento “sensorial e experiencial”, no que se traballará “desde o basal, dende os sentidos”, con actividades simbólicas como obradoiros con xabóns aromáticos para representar “que cada pel e cada sexualidade teñen un cheiro distinto”.
O encontro contará tamén con actuacións musicais a cargo do grupo de percusión do Centro San Xerome Emiliani, formado por persoas con discapacidade, e coa participación da cantante Ugía Pedreira, que presentará o seu proxecto Basal, centrado na comunicación non verbal. Ademais, intervirán especialistas como Silvina Peirano, procedente de Arxentina, e profesionais de distintos ámbitos da sexoloxía e a educación.
As persoas interesadas poden inscribirse a través da web da AEPS ou seguir as sesións por streaming, opción pensada para quen non poida desprazarse ata Santiago. O comité organizador agradeceu a colaboración do Concello de Santiago e da Dirección Xeral de Igualdade, e convidou á cidadanía a participar nun espazo que pretende “recoñecer todas as formas de desexo, gozo e identidade”.

