InicioECONOMÍAA ONG Rescate integra laboralmente a 700 persoas refuxiadas en Galicia

A ONG Rescate integra laboralmente a 700 persoas refuxiadas en Galicia

A entidade presentou en Santiago os resultados da súa Estratexia de Emprego, que logrou que o 88% dos novos contratos se formalicen en territorio galego

Publicado o

Xornal de Compostela

A ONG Rescate deu a coñecer este luns en Santiago os resultados da súa Estratexia de Emprego en Galicia, un plan que permitiu a integración laboral de 700 das 3.000 persoas refuxiadas que pasaron polo dispositivo da entidade para solicitantes de protección internacional. A cifra supón que o 88% dos postos de traballo creados no conxunto do Estado se localizaron en Galicia, segundo se destacou na xornada ‘Oportunidades e desafíos para a integración de persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional a través do emprego’.

No encontro abordáronse tamén os principais retos da inserción laboral, entre os que a ONG sinalou a falta de transporte e conectividade entre núcleos rurais, a escaseza de vivenda dispoñible e a precariedade dalgúns contratos ofrecidos ás persoas solicitantes de asilo.

A secretaria de Estado de Migracións, Pilar Cancela, participou no acto e reivindicou que “a acollida está no ADN de Galicia”. Nun contexto global que cualificou de “convulso”, pediu “non demonizar” ás persoas refuxiadas e apelou á educación como ferramenta fundamental para combater os discursos de odio, “moitas veces impulsados polas redes sociais”. Cancela lembrou que “España crece grazas á migración”, e destacou que “o 14% dos novos empregos están desempeñados por migrantes, que constrúen a sociedade connosco”.

A representante estatal agradeceu tamén o traballo conxunto coas administracións galegas: “Quero dicilo, traballando con respecto e con ánimo construtivo”, afirmou.

Entre os relatores participaron tamén Fernando García Novo, xerente territorial da Fundación Laboral da Construción en Galicia, e Antía Romeu, responsable de Persoas e Talento en Vegalsa-Eroski, que explicaron as súas experiencias en proxectos de colaboración coa ONG para favorecer a integración laboral de persoas refuxiadas. Pola súa parte, o alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, salientou os beneficios que a chegada de poboación migrante supón para os concellos rurais en risco de despoboamento: “Defendemos desde o primeiro momento unha política de acollida que contribúe a revitalizar o territorio”.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor a cooperación coa ONG Rescate a través do programa de arraigamento para a formación, dirixido a refuxiados en situación irregular. Segundo explicou, esta iniciativa “pioneira” permitirá alcanzar a regularización de preto de 280 persoas ao final do ano, combinando capacitación laboral e cobertura de vacantes en sectores con falta de man de obra.

González reclamou ademais ao Goberno central que “rectifique” e incorpore as microcredenciais como ferramenta “clave” para a inserción sociolaboral, lamentando que non fosen incluídas na última reforma da Lei de estranxeiría. O conselleiro insistiu tamén na necesidade de convocar antes de final de ano a comisión mixta de transferencias para avanzar no traspaso das competencias sobre autorizacións iniciais de traballo. “Galicia está en disposición de asumir unhas competencias estratéxicas dentro do Plan de Atracción de Talento”, concluíu.

Finalmente, González confirmou que a Xunta solicitou ao Executivo estatal, xunto coas tres universidades galegas, a axilización na homologación de títulos académicos estranxeiros, unha medida que, segundo afirmou, “permitiría aproveitar mellor o potencial formativo das persoas refuxiadas e a súa incorporación a empregos cualificados”.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Persoal do transporte de mercadorías reclama un “convenio provincial digno” en Santiago

Persoal do transporte de mercadorías por estrada, convocado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT,...