InicioCULTURAO Museo do Pobo Galego ofrece en novembro unha ampla programación de...

O Museo do Pobo Galego ofrece en novembro unha ampla programación de exposicións, faladoiros e presentacións literarias

O mes inclúe o Coloquio Galego de Museos Locais, unha mostra didáctica sobre os premios Antonio Fraguas e faladoiros sobre patrimonio inmaterial

Publicado o

Xornal de Compostela

O Museo do Pobo Galego inicia o mes de novembro cunha programación diversa que combina exposicións, encontros profesionais, faladoiros e presentacións de libros. A actividade arrinca o venres 14, coa inauguración da exposición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, que poderá visitarse no Claustro Alto ata o 13 de decembro. A mostra reúne os proxectos premiados na XIII edición dos galardóns do mesmo nome, impulsados pola fundación Antonio Fraguas e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e desenvolvidos por centros educativos como o CEIP Lamas de Abade ou o IES Monte Castelo de Burela, entre outros.

Ese mesmo día comezará o Coloquio Galego de Museos Locais, que se prolongará ata o sábado 15 no auditorio do museo. O encontro, organizado no marco do 20º aniversario do Instituto de Estudos das Identidades (IEI), desenvolverase arredor do lema “O futuro dos museos en comunidades en constante cambio”, inspirado na proposta do ICOM para o Día Internacional dos Museos. Participarán unha ducia de institucións museísticas galegas para analizar o papel dos museos ante os retos tecnolóxicos, sociais e ambientais actuais. A entrada será libre ata completar capacidade.

No eido literario, o museo acollerá dúas presentacións. O martes 18, a escritora Paz Leirós presentará o libro E ti, por que queres falar diso, editado polo Consorcio de Santiago e publicado por Alvarellos Editora, coa presenza da alcaldesa Goretti Sanmartín, o xerente do Consorcio José Antonio Domínguez Varela e a presidenta do Padroado do Museo, Concepción Losada. O martes 25, será a quenda de Suso de Toro, que presentará Terra de sacrificio, unha novela na que o autor compostelán revisa a historia recente de Galicia a través dun diálogo imaxinario entre Castelao e Ramón Piñeiro.

O ciclo Faladoiros en Bonaval continuará o xoves 27 cunha intervención da arqueóloga e historiadora Ana Isabel Filgueiras Rei, titulada Antigos cerimoniais e procesións florais. A Gran Troménie de Locronan (Troveni Lokorn). Unha Irmandade Galaico-Bretona. A investigadora abordará as procesións e ritos florais como manifestacións culturais compartidas entre Galicia e Bretaña.

Entre as exposicións temporais, continúa ata o 2 de novembro a mostra das fotografías finalistas do XIX Premio Luís Ksado, organizada pola Deputación da Coruña e comisariada por Xurxo Lobato. A serie gañadora, I gotta change, de Juan Manuel de la Quintana, aborda a saúde mental desde unha mirada artística e documental. Ata o 28 de decembro, poderá visitarse tamén a intervención Espazos contra o baleiro, unha homenaxe ao artista e intelectual Isaac Díaz Pardo, que afonda na súa relación co Museo e coa memoria cultural galega, comisariada por Xosé Ramón Fandiño, María Xosé Fernández Cerviño e Pilar Sampedro.

Ademais, o Museo vén de recibir o Premio Pedra do Destino da Asociación Amigos dos Museos de Galicia, un recoñecemento ao seu labor de conservación e difusión do patrimonio popular galego. O galardón, un cartel de cego pintado a comezos do século XX, pasará a formar parte dos fondos permanentes da institución.

Na súa vertente dixital, o Museo ofrece xa en aberto na súa canle de YouTube a versión restaurada de O carro e o home (1980), montaxe realizada por Xaquín Lorenzo ‘Xocas’ e Eloy Lozano sobre o documental orixinal de 1940. Tamén está dispoñible na web a Guía de pictogramas da Sala do Mar, un proxecto de inclusión e accesibilidade elaborado en colaboración con ASPANAES, Down Compostela, Sarela e o divulgador Xosé Valtierra, co apoio das principais institucións galegas.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Alcalá Norte actuará en Santiago o 6 de marzo de 2027 para presentar o seu segundo disco

A banda madrileña Alcalá Norte ofrecerá un concerto en Santiago de Compostela o próximo...

O Concurso Fran Pérez Narf celebrará a súa final en Santiago co regreso aos escenarios dos Quinindiolas

O Salón Teatro de Santiago de Compostela será o escenario este sábado, 24 de...

Troyanos de Compostela abrirá ao público o seu ensaio do luns no centro sociocultural do Romaño

A agrupación Troyanos de Compostela ofrecerá o próximo luns, 19 de outubro, un ensaio...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here