InicioECONOMÍAA UDC propón unha empresa mixta con maioría municipal para xestionar a...

A UDC propón unha empresa mixta con maioría municipal para xestionar a auga en Santiago

O informe técnico presentado na comisión especial recomenda un modelo con maior control público, mentres a oposición cuestiona a súa viabilidade e pide decisións inmediatas

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello celebrou este venres unha nova sesión da Comisión Especial da Auga, convocada para analizar o modelo máis sustentable e eficiente de xestión do servizo de abastecemento e saneamento. No encontro, presidido pola alcaldesa Goretti Sanmartín, presentáronse as conclusións do informe elaborado pola Universidade da Coruña, que recomenda crear unha empresa mixta con maioría municipal como a “fórmula máis apropiada” para garantir o control público do ciclo da auga.

Segundo explicou o goberno local, esta proposta permitiría avanzar cara a un sistema “máis transparente, eficiente e planificado economicamente”, sen comprometer os orzamentos municipais. O documento técnico aposta por un modelo con maior capacidade de control público e unha gobernanza democrática, combinando eficiencia operativa e sustentabilidade financeira.

A comisión, na que participan representantes de todos os grupos municipais e persoal técnico, serviu tamén para abrir un novo período de análise antes de que o pleno adopte unha decisión definitiva. O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Servizos Básicos Comunitarios, Xesús Domínguez, destacou que o Concello enfróntase a “unha oportunidade única, non só para resolver unha cuestión administrativa, senón para mellorar a xestión integral da rede de abastecemento e saneamento, colocando a eficiencia e a sustentabilidade no centro da planificación”.

Domínguez lembrou que as opcións sobre a mesa son dúas: un modelo concesional, no que o servizo se mantén baixo control dunha empresa privada durante anos, e un modelo mixto, no que a maioría accionarial e o control recaen na administración pública.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Desde a oposición, o Partido Popular insistiu en que “non cabe seguir dilatando” a decisión. O seu concelleiro José Antonio Constenla asegurou que Santiago precisa máis de 100 millóns de euros de investimento e que a actual planta potabilizadora está “fóra de vida útil”. Recordou ademais que este é “o terceiro informe presentado sobre o mesmo asunto, e todos en sentido distinto”, polo que urxiu ao executivo local a escoller “a opción máis satisfactoria para os intereses veciñais”.

Pola súa banda, a concelleira non adscrita Mila Castro considerou “inviable” a creación dunha empresa mixta, ao entender que o informe “non garante a súa viabilidade económica nin a súa optimización como modelo de xestión”. A edil advertiu, ademais, que o Concello non podería iniciar legalmente o proceso “ata 2027”, debido ao plan económico-financeiro vixente para os exercicios 2026-2027, aprobado tras a morosidade no pago a provedores.

Castro tamén sinalou que o cronograma de investimentos contemplado no informe “se prolonga durante dúas décadas”, o que, ao seu xuízo, comprometería a eficacia do modelo.

Desde o PSOE, o portavoz Gumersindo Guinarte manifestou que o prioritario é renovar a concesión caducada “para garantir canto antes os investimentos necesarios na rede”. Subliñou que o documento da UDC “non considera a sociedade mixta como o modelo óptimo, senón o máis equilibrado”, e pediu “avaliar con maior profundidade” se a mellor opción é unha fórmula concesional ou unha empresa mixta.

O debate sobre o futuro da xestión da auga en Santiago continuará nas próximas semanas, coa previsión de que o pleno municipal adopte unha decisión definitiva antes de finais de ano.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...