InicioPOLÍTICAO Pleno aproba a modificación puntual do PXOM para dar vía libre...

O Pleno aproba a modificación puntual do PXOM para dar vía libre á vivenda protexida en Peleteiro

BNG, Compostela Aberta, PSOE e concelleiros non adscritas avalan o cambio urbanístico fronte ao voto en contra do PP; redución de usos lucrativos, eliminación do hoteleiro e prioridade ao comercio de proximidade

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Pleno do Concello de Santiago aprobou de forma provisional a modificación puntual do PXOM no ámbito do PERI-12 (antigo colexio Manuel Peleteiro). A proposta saíu adiante cos votos favorables do goberno municipal (BNG e Compostela Aberta), do PSOE e das concelleiras non adscritas, e co rexeitamento do PP. A mudanza ordena o ámbito para incrementar o uso residencial e introducir unha reserva mínima do 45% de vivenda protexida (cómputo sobre a superficie edificable total excluída a planta baixa), ao tempo que acouta os usos comerciais ás plantas térreas, prohíbe pubs, discotecas e locais do Grupo 2 e retira o uso hoteleiro.

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, enmarcou o cambio nun viraxe de modelo: “estamos contribuíndo a cambiar ese paradigma […] introducindo unha reserva obrigatoria moi importante de vivenda protexida no corazón do Ensanche“. Segundo explicou, fronte á ordenación vixente que permitía 23.500 m² de uso lucrativo, a nova proposta fixa 9.000 m² nese capítulo e “supón unha redución de case o 20% da edificabilidade“. A planificación mantén as cesións públicas xa fixadas na equidistribución de 2005: un equipamento municipal de 900 m² construídos e un espazo libre público de 1.395 m², orientado cara a San Pedro de Mezonzo para maximizar o asoleamento. A conexión coa República Arxentina amplíase na liña de fachada e defínese unha praza central como novo espazo de relación barrial. A ordenación inclúe, ademais, un mínimo de 300 prazas de aparcadoiro en soto.

Sobre as alegacións presentadas no período de exposición pública (tres, unha delas favorable), o departamento introduciu axustes volumétricos: o retranqueo do primeiro ático pasa a 2,5 metros nos puntos de contacto co número 13 da República Arxentina e cara ao patio posterior que dá á rúa da Rosa, mantendo os 3 metros xa previstos na fronte á praza. Para Lestegás, trátase dunha solución “razoada, razoable e equilibrada” que “crea espazos urbanos de calidade” e “protexe o comercio de proximidade”.

Pola oposición, o voceiro do PP, Borja Verea, defendeu un destino íntegro a equipamentos públicos para a parcela e criticou que o resultado sexa “ese mamotreto […] outro bloque de cemento“. “Este non é un debate sobre a bondade da vivenda pública no centro, coa que estamos de acordo, senón sobre se esta parcela única debe servir a 80-150 familias ou ser un espazo para os 100.000 santiagueses“, afirmou.

O PSOE apoiou a modificación. Gumersindo Guinarte cualificou a tramitación coma “un novo capítulo do caso Peleteiro” e puxo o foco nas melloras respecto de etapas anteriores: supresión de 7.000 m² de uso hoteleiro, incremento da vivenda (e da vivenda protexida), baixa da edificabilidade e creación dun espazo público de calidade con aberturas cara a San Pedro de Mezonzo e a República Arxentina. Tamén salientou a coordinación coa Sociedade Estatal de Vivenda (citada na sesión como XAREP) e o acordo co ámbito estatal para reservar solo a vivenda pública.

Desde o grupo das concelleiras non adscritas, Mercedes Rosón reivindicou a coherencia do traballo técnico e político e pediu situar o debate no 2025: “é xusto recoñecer que esta proposta non é nin a de 2019 nin a de 2022, pero mellora ambas en usos, en edificabilidade e en vivenda pública, que é hoxe a principal demanda en Santiago”. Tamén advertiu de que, na execución, o goberno deberá seguir de preto as cuestións constructivas expostas pola comunidade de propietarios do ámbito.

Pecha o bloque de posicións a intervención da alcaldesa, Goretti Sanmartín, quen chamou a “felicitarnos de que isto poida ser unha realidade” e subliñou o “acordo coa XAREP e coa propiedade”, a incorporación de alegacións e un apoio veciñal maioritario á proposta explicada na Comisión Mixta Cidadá. “A vivenda é a principal preocupación da cidadanía e temos unha oportunidade histórica que non podemos deixar pasar“, concluíu, antes de someter a votación un acordo que deixa encarrilada a aprobación definitiva e o peche de dúas décadas de incerteza na peza central do Ensanche.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here