InicioECONOMÍAO Club Financiero de Santiago analiza o papel da excelencia e a...

O Club Financiero de Santiago analiza o papel da excelencia e a cooperación no crecemento económico de Galicia

Representantes das universidades, das empresas e da administración coinciden na necesidade de reforzar a formación, a innovación e a colaboración público-privada

Publicado o

Xornal de Compostela

O Club Financiero de Santiago (CFS) acolleu esta mañá un foro centrado nos polos de excelencia e o impacto no PIB galego, unha cita que reuniu a representantes do ámbito universitario, empresarial e institucional para debater sobre o camiño cara a un modelo produtivo baseado na cooperación e na calidade.

O presidente do CFS, Roberto Pereira, salientou que “as administracións deben ser permeables ao que a sociedade precisa”, e defendeu que o futuro de Galicia pasa por “formación excelente e empresas potentes asentadas nesa formación”. Pereira apostou por “traballar de maneira coordinada e cooperando en vez de competindo”, unha idea que, segundo lembrou, xa guiara o primeiro debate do Club celebrado en setembro sobre os aeroportos galegos.

Na primeira mesa, o decano da Facultade de Medicina da USC, José Carreira, reivindicou o papel da institución compostelá, que “coida da saúde dos galegos” e contribúe a elevar o nivel asistencial do sistema sanitario. O director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UCD, Miguel Abelleira, subliñou a responsabilidade das universidades como “fontes de xustiza social e inclusión” e insistiu en que deben estar atentas ás necesidades reais da cidadanía en materias como sustentabilidade e vivenda, apostando pola cooperación co tecido produtivo.

Desde Vigo, José Fariña, director da Escola de Enxeñaría Industrial, defendeu a necesidade de adaptar os contidos ás demandas empresariais nos eidos das TIC, a enerxía e a saúde, e situou a transferencia tecnolóxica como elemento central do desenvolvemento. Pola súa banda, José Ramón G. Juanatey, xefe de cardioloxía do CHUS e investigador do IDIS, sostivo que “a excelencia é a conta de resultados”, defendendo que o éxito das institucións públicas debe medirse pola súa capacidade de xerar riqueza e retorno social.

O conselleiro de Sanidade, Antonio G. Caamaño, pechou esta primeira mesa reafirmando o compromiso da Xunta coa investigación biomédica, que contará con 80 millóns de euros nos orzamentos de 2026, dos cales 31 se destinarán á Axencia de Coñecemento en Saúde, cun incremento do 33,5 %.

Na segunda parte da xornada, dedicada ao ámbito empresarial, Javier Mayoral (Congalsa) destacou o bo ecosistema industrial galego e o papel do teletraballo na retención de talento, mentres que Gerardo Albela (Itelsis) reivindicou o peso do sector TIC, que representa o 2,5 % do PIB galego e máis de 25.000 empregos, alertando da excesiva fragmentación empresarial e reclamando maior axilidade normativa.

O empresario Javier Santos (Técnicas Constructivas de Ocio) puxo o foco na situación da pequena e mediana empresa, que supón o 95 % do tecido económico galego, e advertiu da falta de man de obra cualificada, un obstáculo para a competitividade. A presidenta de Inasus, Olalla Cuiña, resumiu os piares da competitividade en talento, tecnoloxía, infraestruturas, financiamento e marca, e propuxo fortalecer unha ‘marca Galicia’ asociada á calidade empresarial.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, encargouse de pechar o foro, resaltando as fortalezas de Galicia como territorio para atraer e facer medrar empresas. Lorenzana destacou o labor da Oficina Económica e o traballo da Xunta na simplificación administrativa e o impulso da innovación, así como a importancia de axustar a formación continua ás necesidades do mercado laboral. Tamén fixo referencia ao bo momento exportador da economía galega, que vive —segundo dixo— “o mellor ciclo da súa historia”.

Como conclusión xeral, os participantes coincidiron en que a excelencia debe medirse polo impacto económico e social, e que Galicia só poderá avanzar nesa dirección se universidade, empresa e administración manteñen unha cooperación estable e efectiva.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

Santiago deberá acudir ao fondo estatal de pago a provedores con 7,79 millóns de euros financiables

O Concello de Santiago de Compostela terá que participar de maneira obrigatoria no fondo...

O turismo que enche Santiago non vén do Camiño: o 77 % dos visitantes non son peregrinos

O 77 % dos turistas que visitan Santiago non son peregrinos, fan un gasto...

María Rozas destaca o labor da Plataforma polo Emprego na inserción laboral de persoas en risco de exclusión

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participou...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here