InicioSANTIAGOO Concello de Santiago propón abrir unha mesa de negociación con bombeiros...

O Concello de Santiago propón abrir unha mesa de negociación con bombeiros e policía local

O goberno compostelán reúnese cos sindicatos para abordar as condicións laborais e o pago das horas extra pendentes, mentres critica as declaracións do conselleiro Diego Calvo sobre a situación do parque comarcal.

Publicado o

Xornal de Compostela

O goberno local de Santiago de Compostela mantivo este mércores un encontro con representantes das organizacións sindicais CCOO, UXT e CIG co obxectivo de abrir unha mesa de negociación na que abordar a situación laboral dos corpos de bombeiros e da policía local.

A proposta do executivo municipal chega nun contexto marcado pola falta de efectivos e polo retraso no pagamento das horas extra, que o Concello prevé abonar ao longo do mes de novembro. Mentres tanto, os traballadores veñen reforzando as quendas con horas complementarias para garantir a cobertura dos servizos, unha circunstancia que as centrais sindicais consideran insustentable a medio prazo.

As tres organizacións coinciden na necesidade de mellorar as condicións laborais e revisar os complementos específicos destes corpos de seguridade, aínda que con diferencias nas súas formulacións, especialmente no relativo ás compensacións económicas por xornada extraordinaria. Está previsto que bombeiros e policías locais celebren na noite deste mércores unha asemblea para analizar a proposta e decidir os seguintes pasos.

Durante a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, a portavoz municipal Míriam Louzao asegurou que o executivo compostelán acudiu ao encontro “con ánimo de chegar a acordos xustos” e apelou á “responsabilidade” do corpo de bombeiros para que continúe prestando servizo “como ata agora” mentres avanzan as conversas.

Louzao respondeu tamén ás críticas do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, quen acusara o goberno local de “non traballar” para evitar que Santiago quede “sen bombeiros”. A portavoz replicou que o proceso depende actualmente do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios, integrado pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, e non do Concello: “Neste momento está pendente dun trámite do consorcio, polo que o que dicían os señores Calvo e Rueda é incerto”.

A responsable municipal subliñou que o executivo compostelán mantén a súa vontade de diálogo e reclamou “respecto institucional” entre administracións. “Non imos entrar nese xogo de mentiras, pero tampouco podemos deixar sen resposta afirmacións falsas”, concluíu.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...