InicioMOV. SOCIAISCentos de docentes rodean a sede da Xunta para esixir un cambio...

Centos de docentes rodean a sede da Xunta para esixir un cambio nas políticas educativas

A protesta, convocada pola CIG e o STEG, marcou o inicio dunha folga de 48 horas no ensino público galego con demandas de melloras laborais e redución de ratios

Publicado o

Xornal de Compostela

Centos de docentes concentráronse este martes en Santiago de Compostela para reclamar “un xiro” nas políticas educativas da Xunta. A manifestación, convocada pola CIG-Ensino e o STEG, rodeou o edificio administrativo de San Caetano entre ruído de cacerolas, chifres e pandeiretas, e coincidindo co inicio dunha folga de 48 horas en todo o ensino público galego.

Os manifestantes portaban cabazas, coas que simbolizaron o “suspenso” do Goberno autonómico en materia educativa, e pancartas nas que se podían ler mensaxes como ‘Conselleiro dimisión’, ‘A mestra loitando tamén está ensinando’ ou ‘Non á masificación’.

A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, afirmou que “xa non é unha cuestión de dereitos, senón de dignidade” e instou á Consellería de Educación a “deixar de investir en empresas privadas e apostar polo ensino público”. Pola súa banda, a secretaria de Acción Sindical do STEG, Comba Campoy, advertiu de que “o profesorado está farto e non queda outro camiño que saír ás rúas ata que o señor Román Rodríguez se digne a atendelos”.

Durante o percorrido, que comezou arredor das 12:00, escoitáronse cánticos como ‘Ou ensino non véndese, deféndese’ e ‘Román escoita, o ensino está en loita’. Dúas persoas marcharon coas cabezas cubertas por cabazas nas que se podía ler ‘Roda’ e ‘Román’, en alusión ao conselleiro.

En vésperas do Samaín, Arroxo sinalou que esta data representa “a unión entre o mundo dos mortos e dos vivos” e acusou o Partido Popular de querer “un ensino público no mundo dos mortos”. “O ensino público está máis vivo que nunca, e imos seguir loitando para que siga así”, engadiu.

A protesta finalizou co encontro entre o profesorado e unha manifestación do Sindicato de Estudantes, que denunciaba o acoso escolar, e que se uniu á marcha ao berro de ‘Ensino público e de calidade’.

A folga, que abrangue educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP e ensinos de réxime especial, afecta segundo a CIG a máis de 30.000 docentes e preto de 400.000 estudantes en toda Galicia.

Entre as principais reivindicacións figuran a redución de ratios a partir do curso 2026/27, a recuperación do horario lectivo recortado en 2011 e 2012, a fin das desigualdades horarias nos centros de formación profesional e artísticos, un plan real contra a burocracia e melloras salariais e laborais, incluíndo a redución da xornada a partir dos 55 anos e a recuperación das licenzas por formación retribuídas.

As organizacións sindicais teñen previsto continuar as mobilizacións este mércores con novas manifestacións ante as delegacións provinciais da Consellería de Educación.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...

Santiago homenaxeará a Rosa Bassave dando o seu nome ao espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes

O espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes pasará a levar oficialmente o nome...