InicioECONOMÍAO Pleno de Santiago aprobará a primeira revisión de usos do PXOM...

O Pleno de Santiago aprobará a primeira revisión de usos do PXOM dende 2003 para impulsar vivenda protexida no Ensanche

A modificación urbanística aumenta o solo residencial ata 16.300 m² e elimina o uso hoteleiro, mentres redefine a volumetría para crear espazos públicos de calidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago levará ao Pleno a aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM no ámbito do Ensanche, a primeira revisión de usos que sae adiante desde o ano 2003. A actuación ten como principais obxectivos protexer o comercio de proximidade, priorizar o uso residencial e incorporar vivenda protexida no centro da cidade.

Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, o plan vixente permite un máximo de 4.500 m² de uso residencial, mentres que a nova ordenación incrementa esa superficie ata os 16.300 m², reservando polo menos o 45% para vivenda protexida, excluídas as plantas baixas. Ademais, elimínase o uso hoteleiro, que podía alcanzar ata 7.000 m², para consolidar o carácter residencial da zona.

Outro dos cambios significativos é a redefinición da volumetría, coa redución da edificabilidade total de 23.500 a 19.000 m² construídos de uso lucrativo. Mantéñense, non obstante, as cesións obrigatorias de solo público establecidas en 2005: un equipamento de 900 m² e un espazo libre de 1.395 m². Lestegás destacou que o novo deseño configura un espazo público de calidade orientado ao sudoeste, cara á rúa de San Pedro de Mezonzo, con acceso aberto desde República Arxentina.

No proceso de exposición pública presentáronse tres alegacións, principalmente de comunidades de propietarios da contorna. Tras o seu estudo, o Concello decidiu ampliar o recuamento do primeiro ático de 1 a 2,5 metros nas zonas máis próximas aos edificios veciños, mellorando a integración da nova edificación co tecido urbano existente.

A memoria xustificativa do proxecto garante condicións de habitabilidade e sustentabilidade, incorporando sistemas de drenaxe urbana sostible, pavimentos permeables, arborado e criterios de accesibilidade universal e perspectiva de xénero no deseño dos espazos públicos. A urbanización deberá executala a propietaria dos terreos de forma simultánea á construción dos edificios.

A proposta contou coa conformidade da Sareb, titular da parcela, que confirmou por escrito á alcaldesa Goretti Sanmartín o seu apoio á modificación. En xuño, tras unha reunión entre Sanmartín e a ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, o Goberno anunciou a incorporación do terreo á nova Empresa Pública de Vivenda do Estado, dentro do proceso de traspaso de activos da Sareb.

NOVO EDIFICIO PARA O IDIS NA CHOPUANA

Na mesma sesión plenaria, o goberno municipal someterá tamén á aprobación definitiva o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) que regula a construción do novo edificio do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) na Choupana. O ámbito, de 5.817 m², está cualificado como equipamento universitario e inclúe unha parcela principal de 4.278 m² propiedade da Compañía de Xesús, que o IDIS se compromete a adquirir para incorporala ao dominio público.

Esta actuación permitirá dotar o complexo hospitalario compostelán dun novo espazo de investigación, favorecendo a coordinación entre a USC, o Sergas e os grupos científicos asociados ao instituto.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here