InicioSOCIEDADETraballadores de Ryanair protestan en Lavacolla contra o ERE: "Co noso traballo...

Traballadores de Ryanair protestan en Lavacolla contra o ERE: “Co noso traballo non se xoga”

Ryanair afronta unha folga en Santiago tras romper as negociacións do ERE con sindicatos e traballadores

Publicado o

Xornal de Compostela

Decenas de persoas participaron nunha protesta este luns, no Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, contra o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado hai un mes por Ryanair. Por iso, traballadores de Ryanair, apoiados por entidades sindicais, políticos e empregados doutros servizos do aeroporto organizaron unha folga que derivou nunha marcha polas instalacións da terminal. Durante a marcha, os asistentes clamaron polo traballo dos empregados da empresa coreando cánticos como ‘co noso traballo non se xoga’, ‘non ao ERE de Ryanair’ e ‘estamos en folga’. A manifestación paralizou, por un momento, o servizo de ‘check-in’ no mostrador de Ryanair.

REUNIÓN COA EMPRESA TERMINOU SEN ACORDO

O delegado de Comisión e presidente do Comité de Ryanair, Alberto Couceiro, indicou que unha reunión mantida con representantes da compañía o pasado venres para abordar o tema do ERE, finalizo en desacordo. Así mesmo, Couceiro cualificou de “irrisoria” a proposta presentada por Ryanair na devandita reunión. “Eles queríannos dar 30 días por despedimentos, con 15 mensualidades. Cremos que é moi pouco xa que a empresa Ryanair estivo este último ano rexistrando marcas de beneficios”, detallou.

Por outra banda, Couceiro incidiu en que a empresa non está disposta a negociar un ERTE e “só pensa no ERE”. “Extinguir os contratos da xente máis antiga, volver contratar, despois, xente eventual, con menos horas e contratos máis precarios”, denunciou. Respecto da xornada de folga deste luns, o representante dos traballadores celebrou o apoio ao movemento ao mesmo tempo que recalcou que non houbo incidencias nos voos porque a empresa fixou uns servizos mínimos de “case 100 %”. En calquera caso, o seguinte paso, segundo Couceiro, será denunciar e tentar impugnar o ERE na Audiencia Nacional.

ERE “FRAUDULENTO”

Pola súa banda, a delegada da Confederación Intersindical Galega (CIG) e membro do Comité de Ryanair, Sofía Miranda, afirmou que desde o sindicato “teñen claro que este é un ERE fraudulento”. “Non estamos dispostos a perder os postos de traballo e reclamamos a reincorporación dos traballadores”, recalcou. A representante sindical subliñou que, de forma unilateral, Ryanair finalizou as negociacións coa proposta que “non se vai a aceptar”. “Estamos á espera da Audiencia Nacional. O que queremos é que se volva atrás con este ERE que, temos clarísimo, é fraudulento”, recalcou. Segundo Miranda, a proposta de Ryanair é quedar cun 15 % ou 20 % dos 100 traballadores que ten a compañía en terra. “É irrisorio porque sabemos que xa, na tempada de verán, vai haber máis voos, que xa non están cubertos co persoal necesario”, insiste.

PREOCUPACIÓN NO CONCELLO

A primeira tenente de alcaldesa do concello de Santiago, María Rozas, tamén acudiu á protesta onde reforzou a preocupación do consistorio coa situación do aeroporto e do futuro laboral dos traballadores de Ryanair. Así mesmo, a primeira tenente de alcaldesa lembrou que a terminal é unha “estrutura clave” para a cidade e que xera moitos postos de traballo directos e indirectos, ademais de permitir unha “conectividade” a nivel Santiago e galego.

“Por iso, apoiamos as demandas dos traballadores e das traballadoras de Ryanair. Por iso, hoxe estamos aquí, en apoio solidariedade da súa situación ante este anuncio de Ryanair”, salientou Rozas. Neste sentido, o secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, criticou que o ERE presentado por Ryanair é unha “auténtica vergoña”. “Non foi negociado coa representación sindical e constitúe un ataque directo aos dereitos das traballadoras e traballadores”, recalcou.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...

Santiago homenaxeará a Rosa Bassave dando o seu nome ao espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes

O espazo natural recuperado da Lagoa de Cornes pasará a levar oficialmente o nome...