Santiago vén de superar por primeira vez na súa historia os 500.000 peregrinos rexistrados nun mesmo ano antes de rematar o mes de outubro. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou este fito como “un éxito colectivo de Galicia” e unha mostra da consolidación do Camiño de Santiago como motor turístico, cultural e espiritual da comunidade.
O peregrino número 500.000 foi un colombiano, acompañado do seu fillo, que decidiron realizar a ruta en lembranza da súa esposa e nai, falecida recentemente.
Segundo explicou o presidente, a cifra representa un incremento do 6% respecto ao mesmo período de 2024, e reflicte un crecemento sostido tanto en número como en diversidade de visitantes. “O importante non é a cifra, senón a calidade de cada peregrinación”, afirmou Rueda, quen subliñou tamén o valor simbólico e humano desta experiencia.
Os datos da Xunta indican que máis da metade dos camiñantes (56%) proceden do estranxeiro, o que consolida o carácter global do Camiño, con participantes de máis de 180 países. O mercado estadounidense mantense como o máis numeroso por terceiro ano consecutivo, con máis de 40.000 peregrinos, seguido por Italia, Portugal, Reino Unido, México, Francia e Canadá.
Rueda destacou que esta internacionalización é resultado do traballo conxunto das institucións galegas e do tecido social e económico que sustenta o Camiño. “Seguiremos traballando para continuar acolléndoos”, asegurou, ao tempo que salientou que se trata dunha “experiencia única e dunha maneira fantástica de coñecer Galicia e aos galegos”.
O presidente puxo tamén en valor o papel do Camiño como exemplo de desestacionalización turística, xa que o fluxo de visitantes medra nos meses de inverno e primavera, demostrando que Galicia pode ofrecer experiencias de calidade durante todo o ano.
Segundo os datos do Executivo autonómico, cada peregrino xera un gasto equivalente ao de tres turistas nacionais e representa arredor do 17% das pernoctacións totais na comunidade. Este impacto tradúcese en desenvolvemento local, cohesión social e conservación do patrimonio natural e cultural.
Finalmente, Rueda avanzou que a Xunta xa traballa nos preparativos do Xacobeo 2027, que contará cunha forte colaboración público-privada. O presidente concluíu asegurando que este novo récord “reafirma o compromiso de Galicia con un Camiño que segue a inspirar e unir xeracións en todo o mundo”.

